miércoles, 5 de octubre de 2016

QUERO COLGATE

O conto era mais ou menos así:

Unha persona que quere mercar pasta de dentes vai a unha farmacia onde hai un dependente chinés con cara de enfadado:
- Quero Colgate -lle dí o cliente

E o dependente chinés, enrrabuxado lle dí:
-¡Maldito racista! Pois eu quero 'escupite' e 'machacate'.

Resultado de imaxes para farmacia china


E creo que algo parecido está pasando na actualidade política. Os cidadáns queremos pasta de dentes (esto é, queremos cubrir as nosas necesidades) e sen querer non vemos envoltos nunha bronca na que están instalados os políticos (o dependente chinés enfadado).

¿Qué queren os cidadáns?

Pois depende. Cada un de nos quere cousas distintas. E cando vamos a votar, queremos que gañe a nosa opción. Optamos por unha maioría absoluta de quen escollemos.

Pero non é así. A suma das distintas escollas de cada un de nos conforma un Parlamento (ou un concello) na que distintas forzas políticas teñen unha representación distinta. Ninguén dos votantes escolleu que o Parlamento galego teña a composición que ten, dado que os votantes do Partido Popular quixeran que as outras opción non tiveran nin representación, e os votantes de En Marea quixeran que a súa opción foxe a predominante, ao igual que os votantes dos outros partidos.

Resultado de imaxes para elecciones

O voto é un acto TOTAL, e non o podemos partir. Votamos a unha única opción, e non é posible votar atribuíndolle un 75% do noso voto a unha opción e o 25% do noso voto a outra.

O resultado, entón, non responde nunca ao desexo de ninguén, senon que é unha creación imaxinaria dun ser inexistente: O CORPO ELECTORAL.

Pero precisamente esas son as REGRAS DO XOGO: O resultado nunca será o RESULTADO ÓPTIMO, pero ten a vocación de ser un RESULTADO MEDIO ACEPTABLE para a maioría dos cidadáns, que necesariamente verán non colmadas completamente as súas expectativas, pero a cambio de velas cumpridas en maior ou menor medida.

E iso esixe PACTAR, chegar a TRATOS, someterse a AVINZA coas outras opcións políticas. Por que NON PACTAR so se pode facer cando o resultado é por maioría absoluta, e aínda nese caso, hai que ter en conta a vella distinción entre LEGALIDADE (que é tomar unha decisión conforme ás leis) e LEXITIMIDADE (que é tomar unha decisión aceptada pola maioría dos cidadáns).

Dende hai un tempo, as REGRAS DO XOGO non funcionan: Cando foron as eleccións de decembro de 2015 o enfrontamento redundantemente frontal entre PSOE e PP evitou que se puidera chegar a un RESULTADO MEDIO ACEPTABLE para os votantes de un e outro partido.

Puidose facer un Goberno de Concentración cos seguintes obxectivos:

1º.- Medidas de REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA, baseándose en medidas de transparencia dos Partidos e Sindicatos, e medidas de transparencia na Contratación Pública.

2º.- Medidas de MAIOR REPRESENTATIVIDADE DEMOCRÁTICA. Acordos para reformar a Lei Electoral suprimindo as provincias como circunscripción electoral e substituíndoas pola Circunscripción electoral das Comunidades Autónomas, a inclusión de Listas Abertas para o Congreso e o Senado, e a instauración dunha segunda volta electoral cando ningunha opción chega á maioría absoluta.

3º.- Medidas SOCIALES para paliar a pobreza enerxética, ou a familias en RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL.

4º.- Medidas de SIMPLIFICACIÓN BUROCRÁTICA E DISMINUCIÓN DA BUROCRACIA INSTITUCIONAL. Como a supresión das Deputacións, e a concentración de Concellos en entidades de máis de 20.000 habitantes.

Puidose facer o mesmo cun Goberno do partido maioritario cun ACORDO DE LEXISLATURA.

O que non é posible e aferrarse ao soño de cambiar a sociedade so coa condición de ter a maioría absoluta, cando os resultados electorais son tercos, e unha e outra vez, a xente vota outras opcións distintas á que nos gustaría.

O que non é posible é colgar ao dependente chinés, por que precisamente con él, vamos ter que vivir o resto da nosa vida.

E nos seguimos sen COLGATE.

Resultado de imaxes para COLGATE


miércoles, 15 de junio de 2016

EUROPA, STAR WARS E O BREXIT

Aos que xa temos algunha idade nos resulta sorprendente a evolución que a idea de Europa está tendo entre a xente. O consenso existente nos anos 70 e 80 sobre Europa pasou de ser considerado Espazo de tolerancia e liberdades a considerar a Europa como un ente odioso que impón unha serie de medidas que nos, e os nosos políticos, teñen que aturar anque non queiran.

Hoxendía a posibilidade de que o Reino Unido abandone a Unión Europea é una posibilidade moi real, e, ao tempo, constatamos dende as últimas eleccións europeas o crecemento dos partidos políticos en toda Europa chamados “euroescepticos”, que propugnan á volta á Europa de fronteiras da primeira metade do século XX.

¿Qué está pasando?

A min lémbrame a saga de “Star Wars”, nos episodios IV, V e VI, narra a loita da chamada Alianza Rebelde contra o Imperio Galáctico, e así vemos que os partidarios da Alianza Rebelde son de distintas razas e culturas, e teñen civilizacións moi diversas ao tempo que o Imperio Galáctico son todos idénticos, vestidos e armados do mesmo xeito, se posibilidade de discrepancia.
 
Nos episodios I, II e III, nárrase a evolución da República hasta o Imperio Galáctico baixo o mando do Emperador. Intuímos que a República non tiña futuro cando víamos as leas naquel inmenso Senado hiperburocratizado, que estaba abocado necesariamente na Ditadura imperial. No episodio VII, decepcionante para moitos, resultoume interesante ao comprobar que a vitoria da Alianza Rebelde conduciu a unha situación de estabilización, burocratización e por tanto de malestar e revoltas. Algo semellante esta a pasarnos: despois de conseguir chegar a Europa e ser europeos de pleno dereito, resulta que existe este malestar, e que todos os problemas que temos derívanse dos “recortes”·que impón Europa, e agora resulta que temos unha peor sanidade e prestacións sociais "por que Europa impón inxustos recortes".

En primeiro lugar, ¿Qué é Europa?. Evidentemente non nos estamos referindo ao espazo xeográfico, nese sentido é tan absurdo imputarlle culpas a Europa, como que lle imputemos as culpas nosas persoais a unha leira na que sementamos patacas.

Cando nos referimos a Europa, nos estamos a referir á estrutura política de Europa, chamada Unión Europa, e tamén aos países que conforman esa estrutura política.

En segundo lugar, parte das culpas que lle imputamos a Europa derívanse dunha decepción moi infantil que sentimos cando constatamos que seguimos tendo problemas, e que tivemos unha expectativa errónea sobre o que significaba pertencer á Unión Europea.

Durante uns anos a Unión Europea (antes Mercado Común) semellaba un Clube de países modernos, progresistas, solidarios e ricos. Todos os demais parecían máis atrasados, ou novos ricos fachendosos. O pensamento estaba en Europa, a intelixencia estaba en Europa, a lucidez estaba en Europa.

Os habitantes da península saían de dúas Ditaduras grises e ridículas, e miraban para Europa con envexa: os alemáns eran altos, guapos e confiables e a súa técnica era o cume do mundo, os italianos eran os que mellor cantaban, os máis elegantes e os máis románticos; os franceses eran os máis abertos, os máis comprometidos, e os máis intelixentes, e os ingleses eran con moito os máis modernos. Foi a época en que todos os ingleses eran John Lennon, todos os franceses Alain Delon, e todos os españois eran Alfredo Landa.

A oportunidade de pertencer a ese Clube induciu en toda unha sociedade a certeza de que íamos a mellorar, case de xeito milagroso, e TODO sería mellor.

(Todo eran as nosas estradas, os nosos peiteados, a nosa música, os nosos éxitos, os nosos traballos, a nosa economía, e nos mesmos seríamos máis altos e máis guapos, máis europeos...)

Aínda hoxe, diante de calquera aspecto negativo da realidade protestamos dicindo que é inadmisible que se poida aturar tal cousa estando en Europa.

En terceiro lugar, todo proxecto debe responder ás seguintes cuestións: Qué queremos, Cómo queremos que funcione, Qué queremos conseguir... 

Un dos problemas centrais da Unión Europea é que os cidadáns de cada un dos países tiveron unha motivación distinta para partillar de ese proxecto, e esa motivación distinta provoca que existan visións distintas do que debe ser Europa, e esas visións poder ser contraditorias.

Os ibéricos (as xentes de España e Portugal) sempre amosamos un gran fervor europeísta. Eu sospeito de tal fervor derivábase máis dun complexo de inferioridade por ter soportado con calma e conformidade en gran parte do século XX dúas Ditaduras pacatas, paternalistas, e ridículas, que de unha ilusión real por un proxecto europeísta.

A gran motivación da Unión Europea, e antes do Mercado Común foi a necesidade de dous grandes países europeos, Francia e Alemaña, que se enfrontaras en tres grandes guerras no prazo de 100 anos, a non volver a resolver así os problemas. Esa motivación foi compartida polos países europeos que se viron afectados nas guerras e no seu territorio, e nos movementos de grandes bolsas de poboación.

Tal motivación sempre foi máis lonxana no caso do Reino Unido que, si ven participou nas dúas grandes guerras mundiais, estas se desenvolveron sempre fora do seu territorio, polo que hai unha tendencia a pensar que era un problema dos outros e que eles foron a axudar. Os británicos estaban moi felices coas súas iardas, cos seus peniques, coas súas peculiaridades, e miran con desagrado que a Unión Europea tente regular 'ad nauseam' unha chea de circunstancias que os británicos poden considerar como o seu xeito de vida.

Os franceses e os alemáns que teñen unha tradición cultura ordenancista e estatista, impuxeron as súa visión de Europa, considerada como un proxecto de Mega Estado Central, e que aspira a sustituir no seu día aos Estados membros, tamén intervencionistas, e estatistas,

En Europa lévase anos falando de harmonización dos dereitos laborais (similar marco de relacións laborais), de harmonización fiscal (similar nivel impositivo en toda Europa), de críticas a países como Irlanda que teñen unha fiscalidade alta pero inferior ao común do resto de Europa, e persecución dos mal chamados paraísos fiscais (mal chamados dado que se deriva dunha defectuosa tradución da verba inglesa por 'refuxio'). Tamén a Unión Europea está codificando e impoñendo un standar de calidade nos produtos realizados polas fábricas en Europa, e todo baixo a escusa de "protexer aos cidadáns da Unión Europea".

En Europa conviviron dous proxectos europeístas que son contraditorios entre si: Un que chamaremos Proxecto Europeísta Liberal, e que foi recollido no Tratado de Roma de 1957, no que se garantía as catro liberdades clásicas:

Libre circulación de persoas,
libre circulación de bens,
libre oferta de servizos e
libre movemento de capitais.

Este Proxecto considera que a liberdade individual é o valor cultural máis importante dos europeos, e sería un antídoto contra as traxedias sufridas polos europeos desde Bismarck hasta a morte de Hitler.
A fórmula era defender os dereitos da propiedade privada e unha economía de mercado libre asociada a un espazo de fronteiras abertas.
As catro liberdades básicas considerábanse unha recuperación dos dereitos que xa estiveran en vigor durante gran parte do século XIX e que foran abandonados na época dos nacionalismos e das ideoloxías totalitarias (nazismo, fascismo e socialismo) e que se consideraban as causas primixenias dos conflitos mundiais.

Neste Proxecto considérase que o único elemento fundamental é a Liberdade Individual, pero non se pretendía ningunha harmonización entre os Estados, senón que se consideraba que a competición entre Estados (competición para facer o seu territorio máis atractivo para a xente) faría que a regulación dos distintos Estados fose cada vez máis favorable a liberdade individual dos cidadáns, e aos seus intereses.

A creación dun Estado Central Europeo era visto como prexudicial para a liberdade individual e por tanto, era visto con desconfianza polos promotores orixinarios do Mercado Común Europeo, e a única institución central europea que se aceptaba era o Tribunal de Xustiza Europeo, coas súas actividades restrinxidas á prevención e resolución de conflitos entre os países membros e de garantía das catro liberdades básicas.

Fronte ao Proxecto Europeísta Liberal, existe un Proxecto Europeísta Socialdemócrata, e temos que recoñecer que é o que está tendo prevalencia nas últimas décadas.

Este Proxecto chamado por pensadores europeos como Visión socialista ou Imperial de Europa; é defendida por políticos como Jacques Delors ou François Mitterand.

Conforma unha alianza dos intereses estatistas dos nacionalistas, socialistas e e conservadores, ou democratacristiáns, consideran que a Unión Europea é como un imperio ou unha fortaleza: proteccionismo en relación ao exterior e intervencionismo en relación ao interior.´

O mito é considerar que a regulación centralizada é mais eficiente que as forzas cegas do Mercado, e en consecuencia queren e promoven unha lexislación común e centralizada, e o seu obxectivo é establecer un Estado Social Europeo.

Este Estado Social Europeo tería como un dos obxectivos procurar unha redistribución de rendas, regulación da vida social e económica  e harmonización lexislativa dentro da Europa.

Cando se fala de harmonización dos impostos e regulación social nos estamos referindo á imposición do Imposto do Valor Engadido ao nivel máis alto de todos os elixidos polos Estados, e a imposición das mesmas condicións laborais en toda Europa, que producirá, sen dúbida, o pleno emprego nos sitios onde os traballadores sexan máis produtivos, e o desemprego estrutural permanente onde os traballadores sexan menos produtivos dado que non poderán  asumir o custe de esa regulación que se pretende dende Europa.

(Todas os días saen caravanas de camións de Alemaña de cara a Polonia coa roupa usada dos Hoteis e establecementos de hostalería alemán e todas as noites regresan camións e camións de Polonia con esa mesma roupa lavada e pranchada para Alemaña.

Grazas a que os prezos da man de obra é menor en Polonia (e por tanto os seus traballadores están a traballar nunhas condicións inferiores ás que terían en Alemaña) e que eses polacos poden traballar, é grazas a isto que Polonia obtivo un crecemento moito máis acusado que Alemaña e está converxendo con Alemaña en todos os seus indicadores macro.

Neste caso, o exceso de regulación que di protexer aos traballadores polacos, os prexudicaría, e quén serían protexidos e beneficiados serían os traballadores alemáns.

O Proxecto Europeísta Socialdemócrata pretende que o Estado Central Europeo, isto é, Bruxelas, vaia asumindo cada vez máis poder, e considera que este Estado Europeo é unha necesidade histórica, e que o seu advenimento é so unha cuestión de tempo.

Este Proxecto Europeísta Socialdemócrata favorece á Clase Política, aos Burócratas, aos Grupos de Presión, e aos sectores subsidiados ou ineficientes que precisan ese Estado central para a súa subsistencia ou para o seu propio enriquecemento.

De feito podemos comprobar que o embrión dise Estado, xa está sendo tan poderoso que está supeditando de feito a soberanía de varios países, como é o caso de Grecia, a quén se lle di como se debe xestionar o seu déficit, anque neste caso, o pobo grego foi historicamente traizoado por unha Clase Política demagóxica, e intervencionista que tiña como único obxectivo a súa pervivencia como clase a través de subsidios a parte da poboación. Tamén o podemos comprobar en como está presionando a todos os medios de comunicación para que se posicionen en contra do ‘Brexit’ ou saída do Reino Unido da Unión Europea.

Europa ten sido o lugar do mundo no que máis se desenvolveu a civilización, e que ten obtido un máximo desenvolvemento económico e humano, debendose considerar outras civilizacións como a Australiana, a Norteamericana, como extensións xeográficas da civilización europea. Outros países que teñen obtido un desenvolvemento humano e económico notable como Xapón, Corea do Sur, e incluso China, ten coincidido a fase álxica do seu desenvolvemento coa asunción de Principios Europeos como a liberdade económica individual, e unha economía de libre mercado.

¿Por qué Europa ten sido un sitio tan privilexiado para o desenvolvemento humano?
¿Seremos máis listos ou máis guapos que o resto da humanidade?

Evidentemente non. A explicación a teñen dado escritores e pensadores como Jared Diamond, Philipp Bagus, Jesús Huerta de Soto, Hans Albin Larson,ou Roland Vaubel, que argumenta que a liberdade individual é o abono para o desenvolvemento económico, e a liberdade individual é a consecuencia de que o Poder Político en Europa estivo extremadamente fragmentado, e por tanto, limitado pola existencia de outros poderes concurrentes no espazo político europeo.

Na Idade Media, e até ao século XIX, existiron varios sistemas políticos convivindo en Europa, así como as cidades independentes de Flandres, Alemaña e Norte de Italia. Había reinos como a Baviera e a Saxonia; e existían repúblicas como Venecia. A diversidade política manifestábase mais claramente nunha Alemaña fortemente descentralizada. No medio de unha cultura de diversidade e pluralismo, a ciencia e a industria florecen.

A competencia política é esencia para os liberais: A posibilidade de que a xente, as empresas e os capitais se poidan mover para onde se lles ofreza mellores condicións de benestar e seguridade fai que os territorios con circunstancias xurídicas, económicas e sociais máis adversas se teñan que adaptar e competir por ofertar mellores condicións, o que favorece aos que se moven e aos que se quedan.

O capital trasladase para onde os salarios son baixos, presionándoos para arriba; os traballadores, por outro lado, móvense para onde os salarios sexan mais altos, presionando os salarios para baixo. Os mercados ofrecen solucións descentralizadas para os problemas ambientais baseados na propiedade privada. A competición política asegura o valor europeo mais importante: Liberdade.

Os políticos e dirixentes europeos non foron de mellor catadura moral que os dirixentes de calquer outro lugar do mundo, pero tiveron que exercer o seu Poder nun ámbito no que existían outros moitos poderes (outros señores feudais, outros reinos, outros señoríos, outras cidades soberanas) e se atoparon que, debido a esa competencia, non puideron ‘exprimir’ aos seus súbditos todo o que quixeran, dado que estos, en moitos casos, tiñan a posibilidade de fuxir ao reino veciño, e alí desenvolver a súa actividade e promover as súas ideas, e o seu plan de vida.

En contra de esta situación de fecunda fragmentación, houbo tamén proxectos ao longo da Historia de concentración nun so Estado Central controlador. O primeiro e máis obvio exemplo foi o Imperio Romano, pero xa Alta Idade Media Carlomagno aspirou a crea un único Imperior europeo, e despois, co mito do Emperador, foi intentado por Carlos V, polo seu fillo Filipe II de España, polo rei Luis XIV de Francia, por Napoleón, máis tarde por Bismarck, que puxo os cimentos das guerras mundiais que teríamos no século XX, por Stalín e por Hitler.

Sempre e en todos os casos os partidarios do Imperio estaban e están convencidos de que a súa función era mellorar a vida e o destino de millóns dos seus súbditos, e dos que aspiraban a que o foran. Eu lles recoñezo a súa pureza de intencións, pero constato o inxustos que foron, e o equivocados que estaban e están.

Pero agora, nos finais do século XX e principios do século XIX, estase conseguindo o soño de Hitler, Stalin, Bismarck, Napoleón e Carlos V, sen o uso de medios militares coercitivos, e estase conseguindo ese Estado Central Europeo.

E as sucesivas derrotas do Proxecto serán usadas polos seus partidarios para crear novas institucións (como o Banco Central Europeo) ou o tantas veces invocado Ministerio de Economía e Facenda Europeo, sempre aumentando o intervencionismo, reducindo a liberdade individual e económica e incrementando o poder de institucións non representativas como a Comisión Europea.

Os Proxectos Europeos Liberal e Socialdemócrata son incompatibeis. O aumento de poder dun Estado Central  implica a reducción das catro liberdades básicas e por tanto menos liberdade individual.

Por tanto, deberíamos preguntarnos si os británicos que se queren ir non son os máis sensatos de todo este Imperio Galáctico, e deberíamos preguntarnos si estamos no bando axeitado.

No fondo, temos que decidir si estamos a favor do Imperio Galáctico ou da Alianza Rebelde, e polo menos, nos medios de comunicación, os partidarios da Alianza Rebelde vamos perdendo.

lunes, 13 de junio de 2016

O maltratadorciño

-"¿E ti que farías?"

Xa levaba un rato dándolle voltas á miña copa de mencía, temendo por esa pregunta.

Diante de min tiña uns amigos, coas súas parellas, todos pais dos compañeiros do meu fillo en esgrima. De cando en vez nos xuntábamos, e tomábamos un viño, despois da intimidade que producía compartir tantos desprazamentos cos rapaces, e tantas esperas nos seus entrenamentos.

A muller que me facía esa pregunta tan perentoria era amiga da nai dunha compañeira de esgrima, e cando lle falaron da miña condición de avogado, achegouse e contoume un sucedido ao seu fillo, que o tiña moi preocupada.

Resulta que na súa clase seis nenas crearon un grupo nunha rede social, a raiz dun traballo de clase, e seguiron mantendo ese grupo por amizade. Resulta que unha das nenas do grupo convidou a tal grupo a un primo seu, que tamén vai ao mesmo colexio, e tal rapaz é o fillo da señora que me tiña medio secuestrado. Resulta, que os intentos do rapaz por integrarse nese grupiño foron de balde, e sentíuse molesto, e reaccionou con certa agresividade verbal de cara ás integrantes do grupo.

Resulta que o rapaz, molesto por que as nenas non o convidaban a quedar con elas un sábado, enviou unha mensaxe enviando á merda a unha das nenas do grupo, e esta, seguramente asesorada polo seu grupo de apoio, lle contestou que non iria a un sitio onde él estaba tan a gusto.

O rapaz lle contestou que seguramente non o convidaba por que estaba "moi ocupada" con Felipe (que é outro rapaz da clase) "facéndolle felatios".

En ese momento, todo o grupo das rapaces afearonlle as súas palabras a este rapaz, e este lles contestou que o que querían todas "era un final feliz".

A muller que me estaba contando tales cousas, estaba moi preocupada, dado que as nais das nenas foron advertidas por ésta, e chamaron ao director do Centro para poñer en coñecemento do mesmo estes comportamentos.

-"Eu non quero falar mal de ninguén, pero son unha pandilla de histéricas e de esaxeradas que non teñen máis que facer. Eu non digo que o que dicho o meu fillo esté ben, pero elas tamén o teñen excluído da súa pandillita, e ao fin e ao cabo, non deixa de ser unha tontería de rapaces..."

Esquencíame dicir que todos os protagonistas teñen once anos.

-"Eu penso que están a prexudicar ao meu fillo, e non sei que facer... ¿E ti qué farias?

¿Cando nos volvemos maltratadores? -pensei. Referíndome ao maltrato cunha compoñente sexual, eu penso -e a miña hipótese é absolutamente persoal- que todo tipo de maltrato sexual responde a unha incapacidade para sentir, a unha imposibilidade para expresar e a unha dor continua derivada de que non nos abasteceron das ferramentas mentais para sabernos defender con respecto, consideración e intelixencia.

Non estou certo de que ese rapaz sepa exactamente o que é "unha felatio", ou "un final feliz", o que si non teño dúbidas é que ese rapaz foi exposto  a esas expresións en contextos nos que se utilizaron para agredir.

Penso tamén que a defensa de ese rapaz de 11 anos por parte da súa nai, fai que lle evite unha lección que lle pode ser importantísima para a súa vida. Penso que ese rapaz usando esas expresións de índole sexual para facer dano, o están convertindo nun premaltratador.

O proceso de educación e de aprendizaxe supón identificar as propias emocións, sabelas xestionar, podelas convertir en aspectos positivos para quén as sufre e para os demáis.

Iso supón un proceso de reflexión: e a ese neno habería que ensinarlle a reflexionar sobre as frustacións grandes e cativas que todos sufrimos neste proceso que é a vida.

Isto tamén supón aprender a empatizar cos outros: A vida é saber xestionar os nosos obxectivos, tratando de que sexan compatibeis cos obxectivos dos demáis,  tendo en conta os nosos sentimentos e os sentimentos dos outros.

Compre tamén aprender a argumentar, a discutir e a expoñer as nosas ideas con respecto e con cortesía.

E tamén é necesario, e imprescindible, saber perder: aprender a xestionar o fracaso, a frustración e a dor, para que nos axude na batalla seguinte, pero sin que produza agresividade de cara aos demáis, ou violencia.

O maltratador responde con violencia verbal, e despois física, por que non é quén de manexalas propias emoción -tóxicas-, por que lle ensinaron de que todo o que desexaba o ía ter ao seu dispor, por que non lle dixeron que non, e non lle puxeron límites.

O maltratador responde con violencia verbal e física, para facer calar as atinadas reflexións e argumentacións do outro, e como non sabe reflexionar nin ser asertivo, ten que reaccionar con violencia unha discusión que saber que ten perdida.

O maltratador aprendeu a selo, dado que non ve á súa parella como un igual, senón como alguén que coas súas propias ideas frustra as súas expectativas.

O maltratador de 30 ou 40 anos foi un neno de 11 anos a quén non lle dixeron que non é admisible usar o sexo como puñetazo, que non é admisible intentar gañar unha discusión aldraxando á outra parte, con desprezo e con mentiras.

- Verás, eu o que faría sería falar co rapaz, preguntarlle hasta que lle doa, facelo falar, saber de onde oíu esas expresións, explicarlle que esas expresións fan moito dano, e que poden ser usadas contra él, contra a súa nai, contra todos. Facerlle saber que fixo dano, ou intentou facer dano, e cando chegara o momento, facer que se disculpara coas súas compañeiras, para que soubera que nunca se pode usar o sexo para facer mal. E todo, facelo con respecto, con cariño e con moita insistencia, para evitar que o día de mañá sexa un Maltratador e un Abusón.

Teño a certeza de que a miña contestación non foi a que esperaba, pero creo que é a que necesitaba.





jueves, 15 de octubre de 2015

VOLKSWAGEN: AS MENTIRAS DOS ESTADOS E O MEDIO AMBIENTE

¡Qué canallas estos da Volswagen!... ¡mira que trucar o software informático dos vehículos para que informaran de que os seus motores emitían ao medio ambiente menos DIÓXIDO DE NITRÓXENO!

O ESTADO, que se preocupa por todos nos, establece unhas normas para protexernos, e protexer o medio ambiente, e establece que os vehículos DIESEL non poden superar determinados límites nas emisións producidas polos motores de combustión.

Eu teño un vehículo diésel. Hai dez anos que o merquei. Daquela, tiven que superar reticencias dado que cando era neno, os vehículos con motores diésel eran pesados, lentos e ían rodeados dun fume negro. Por tanto, so os víamos en tractores agrícolas, ou en camións.

A causa de que foran así, é que aqueles motores non eran tan eficientes como os actuais e tan so queimaban unha parte do seu combustible e o resto da combustión expulsábase polos tubos de escape.

O que expulsaban era, maioritaramente, DIÓXIDO DE CARBONO e MONÓXIDO DE CARBONO. O dióxido de carbono é negro e fedochento, pero o monóxido de carbono, é invisible, pero é o responsable de que todos os invernos morran persoas en fogares con pobreza enerxética por mala combustión de braseiros e estufas de carbón.

A evolución dos motores diésel foi moi grande nas últimas décadas. Agora eses motores non producen MONÓXIDO DE CARBONO e non producen ese fume negro tan aparatoso, e a cambio, ofrecen unhas prestacións similares ou superiores aos vehículos de gasolina.
O MONÓXIDO DE CARBONO nos vellos motores diésel, ao combinarse do DIÓXIDO DE NITRÓXENO, que tamén se produce nos vehículos diesel, transformabase en simple NITRÓXENO, un gas inofensivo para nos e para o medio ambiente.
MONÓXIDO DE CARBONO é malo e prexudicial; o DIÓXIDO DE NITRÓXENO, tamén é malo e prexudicial, pero ao combinarse entre eles, anulábanse.
Os novos motores non emiten MONÓXIDO DE CARBONO, e por tanto nos queda un so problema, e un enemigo que é o DIÓXIDO DE NITRÓXENO.
Volver á situación anterior non é posible: Non podemos deseñar motores que si produzan monóxido de carbono, (que é un veneno) por que tamén producirian Dioxido de carbono, que é fedoñento, suxo, e pouco estético, e co fin de reducir o Dioxido de nitróxeno, que tamén é outro veneno.

A 'trampa' de Volkswagen consistiu en fabricar motores potentes que producían pouco DIÓXIDO DE CARBONO pero moito DIÓXIDO DE NITRÓXENO, mentras o disimulaban, facendo creer que os seus vehículos producían pouco DIÓXIDO DE NITRÓXENO.
O software facía que cando se detectaba que o vehículo estaba nunha banda de rodamento, o motor funcionaba de xeito diferente a como se comportaba na carretera.
As normas creadas polo ESTADO regulan os máis de cen compoñentes presentes nos gases emitidos polos vehículos. Trátase de chegar a un equilibrio entre consumo de carburante, rendemento do motor, prezo e protección medioambiental. O funcionamento dos vehículos derívase dos seus programas informáticos contidos que funcionan optimizando os parámetros de emisión permanentemente. 
Ese software evita un mal funcionamento dos vehículos. O sistema anticontaminación poder quedar desactivado provisionalmente (sendo perfectamente legal) e por tal causa chámaselle “defeat devices”,  que pode ser traducido como "sistemas de neutralización”.

Si o software poder facer que os vehículos  Volkswagen cumpran as as normas medioambientais dos USA, cando están na banda de rodamento dun taller, ¿por que non manteñen esos parámetros cando circulan por estrada?
A razón é que si Volkswagen cumpre as normas medioambientais dos USA, os seus motores consumirían moito máis carburante.
¿Eh?
As emisións de DIÓXIDO DE NITRÓXENO son características dos motores diésel máis eficientes: os que emiten menos DIÓXIDO DE CARBONO, motores máis eficientes e que percorren máis kilómetros por litro de carburante, emiten tamén máis DIÓXIDO DE NITRÓXENO
Para ter motores máis eficientes, hai que aumentar a taxa de combustión do carburante nos cilindros, aumentando o coeficiente de combustión, a temperatura e deixando entrar máis aire nos cilindros.
Así, o vehículo produce menos fume negro, hidrocarburos mal queimados, ten unha mellor relación potencia e consumo co menor gasto de combustible, consume menos... pero produce tamén máis DIÓXIDO DE NITRÓXENO.
Volkswagen era a única marca que comercializaba vehículos diesel de catro cilindros nos Estados Unidos. Todas as demáis marcas que comercializaban vehículos diésel nos USA comercializan vehículos moito máis potentes. Os vehículos que non cumprían a normativa nos USA están dentro da legalidade en Europa.
As normas estadounidenses deseñaronse para que os automóbeis pequenos poideran cumprir os seus estándares, dado que non se fixaron para protexer ao medio ambiente, senon para protexer ás súas márcas e impedir o ascenso meteórico do grupo alemán Volkswagen especializado en diésel.

A consecuencia é que o conductor estadounidense está obrigado a mercar un modelo diésel potente e de gran consumo, xa que son os únicos que respetan las normas, dado que so a partires dun determiñado consumo de carburante é rendible para o conductor dispor dun sistema  catalizador antidióxido de nitróxeno, e así respetar as normas medioambientais.

O resultado é que para cumprir as normas medioambientais dos USA, débese optar por motores moito máis potentes e antiecolóxicos, dado que a razón de tales normas non é a protección do medio ambiente, senón a protección de determinadas marcas 'amigas' en detrimento de outras as que se queren prexudicar.

E agora todos os ecoloxístas protestan pola 'trampa' de Volswagen, e todos nos posicionamos a favor da grandísima mentira dos Estados.

Por que xa se sabe... O PODER É O TEU AMIGO, E QUERE O TEU BEN...



lunes, 2 de febrero de 2015

UN CÓDIGO PENAL LIBERTICIDA


O Pleno do Congreso ven de aprobar o proxecto do novo Código Penal, cos votos exclusivamente do Partido Popular. A partir de agora, tal texto remitirase ao Senado, onde se puideran facer emendas, e despois da súa tramitación será devolto ao Congreso para a súa aprobación definitiva.

A soidade do partido Popular é máis aparente que real: O novo proxecto non supón ningunha ruptura real co texto que estaba en vigor, e que fora auspiciada polo PSOE no ano 2010.

Os medios de comunicación recollen a polémica sobre determinados puntos do proxecto que resultan máis novedosos, e entre eles a ‘Prisión permanente revisable’, o Delito de Financiación ilegal de partidos e Delitos económicos por corrupción, a supresión no ámbito penal das Faltas, que quedan incorporadas a Delitos menores, ou a Sancións administrativas.

Tamén se modifica a Lei do Indulto, se modifica a idade do Consentimento Sexual, se engaden novos delitos como o da Zoofilia, o delito de matrimonio forzado, o acoso, a divulgación non autorizada de imaxes ou gravacións íntimas obtidas co consentimento da persoa afectada ou a manipulación dos dispositivos de control que serven para vixiar o cumprimento das penas, e faise unha homologación con Directivas e Recomendacións europeas sobre pornografía infantil, explotación sexual de menores, trata de seres humanos ou inmigración ilegal.

Agrávanse as penas previstas para furtos e roubos no caso de multireincidentes, e no caso de butróns, roubos por ‘alunizaxe’, e roubo de cable de cobre e suministro eléctrico.

Na liña liberticida de outros países como Venezuela, Ecuador, China ou Corea do Norte, o proxecto do Código Penal criminaliza Internet e os seus usuarios, perseguindo o hacktivismo, e ilegalizando hasta o software destinado á seguridade informática, e o uso de software que quede ao marxe do control do Estado.

O delincuente informático descrito no novo código xa non é o hacker, nin o cracker, senon calquera de nos que poidamos ser lectores de determinadas páxinas web. Así calquera de nos poderá ser acusado de ciberterrorismo (ou ciberpederastia) no caso de que consulte habitualmente webs ou foros de adestramento terrorista, ou o simple acceso a material de pornografía infantil, anque a intención sexa simplemente coñecelas para denuncialas.

A reforma do Código Penal complétase cunha reforma da Lei de Axuizamento Criminal que permitirá a interceptación de  comunicacións sen orden xudicial previa, así como el uso de programas espía e a habilitación a axentes encubertos para compartir arquivos ilícitos.

A criminalización das webs de enlaces e da modificación de consolas de videoxogos -actividades declaradas legais reiteradamente pola xustiza española- descobre o proxecto represor do Goberno: hasta 6 anos de prisión por algo que hasta agora non era nin siquera delito.

Unha crítica serena do novo Código Penal esixe que nos prantexemos cal é a función e a fundamentación da PENA que se lle impón a quén transgreda as normas establecidas no Código Penal.

A ciencia xurídica occidental ten determinado que a Sanción Penal ten varias funcións:

1ª. A VINZANGA. A primeira función da PENA é a vinganza. Unha vinganza pública e taxada, que impida a vinganza privada por parte dos ofendidos polo delito. Non reacciones, que xa reacciona o Estado por ti. Esta é unha limitación que se lle impón ás vítimas do delito, amparándose en consideracións públicas de manter a Paz Social.

2ª. O RESARCIMENTO DAS VÍTIMAS. A persoa que foi vítima dun delito, ten dereito a que se repoña na situación anterior alterada polo delito, anque tal pretensión é directamente imposible en moitas ocasións, como en caso de danos persoais, ou morte, ou o resarcimento do dano moral, na que tal reparación tería que ser avaliado en cartos, e nun recoñecemento por parte dos agresores do inxusto do seu proceder. Este é un dereito de todas as vítimas, en tanto que cidadáns, e que non se deben ver perturbados nos seus dereitos (persoais e patrimoniais) de xeito inxusto.

3ª. A SEGURIDADE PÚBLICA. Outra das funcións da PENA é apartar da sociedade a aquelas persoas que poden supoñer un perigo para os cidadáns, polo menos durante un tempo prolongado. Esta función protexe á sociedade no seu conxunto.

4ª. A REINSERCIÓN SOCIAL DOS PENADOS. A PENA tamén debería servir para reeducar e reinsertar na sociedade aos penados. Tal é a única motivación que se recolle na Constitución Española no seu artigo 25.2 cando establece que “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara a reeducación e reinserción social ...
Esta función da pena configúrase como un dereito dos agresores, e consecuentemente, unha obriga social de ‘reeducar’ e ‘reinsertar’.

Para a Sociedade, esa obriga de ‘reeducar’ e ‘reinsertar’ é unha obriga de medios, isto é, a sociedade ten que posibilitar que os penados teñan acceso á educación, á información e a un tratamento individualizado da súa situación tendente a superar os condicionamentos que o levaron a delinquir. Non é unha obriga de resultado, isto é, a sociedade non ten responsabilidade si a reeducación ou a efectiva reinserción non se produce. O penado ten dereito, pero ese dereito é il quen ten que exercitalo, e si non quere ou non pode reinsertarse, a sociedade non pode suplir esa vontade personalísima.

Dende unha posición de respeto ao individuo e a súa liberdade individual:

·         Entendo que non existe ningunha escusa para agochar a nosa responsabilidade individual polas nosas accións, que poidan prexudicar a outros, agás casos de eivas mentais.
·         Entendo que unha das funcións principal da PENA debe ser a restitución dos dereitos das vítimas e o resarcimento das vítimas. Ninguén ten dereito a prexudicar e violar os dereitos fundamentais dunha persoa, e calquer tipo de Xustiza que mereza tal nome, debe pasar por poñer no centro os dereitos das vítimas, e o seu coidado.
·         Entendo que a reinserción social dos penados é un dereito dos penados, supeditada á restitución e resarcimento da vítimas, que debe posibilitar a Sociedade, pero, como todo dereito, esixe un comportamento activo por parte do penado que quere ser reinsertado, sen que se poida suplir por parte de ninguén, a voluntariedade de reinsertarse.
·         Entendo que a Xustiza debería despenalizar as condutas sen vítimas que non afecten a un dereito individual de outra persoa. Penalizar a zoofilia (independentemente do noxo e  xuízo moral que nos mereza) é unha mostra de intervencionismo absurdo, e de malgasto de caudales públicos. O concepto de ‘vicio’ pertence máis ao ámbito relixioso que o xurídico.
·         Entendo que o Delito de financiamento ilegal de Partidos é unha operación de maquillaxe político, dado que estamos a falar de normas aprobadas precisamente polos partidos maioritarios.
·         Entendo que é extremadamente perigoso o incremento do Poder á Administración para sancionar o que antes eran Faltas, e que agora serán sancionadas directamente pola Administración, incluso cando non se vexan afectados intereses xerais.

·         Entendo tamén extremadamente liberticida a persecución aos falsos delitos de Internet. Baixo a escusa de loita contra o terrorismo internacional ou nacional, ou contra determinados comportamentos sexuais rexeitábeis se lle da un poder de intervención á Administración, absolutamente opaco, que nos converte a todos os cidadáns en sospeitosos.