viernes, 1 de marzo de 2013

O DESPIDO DO SR. BÁRCENAS

Estes días, varios dos meus amigos, téñenme preguntado sobre a demanda por despido improcedente que, ao parecer, interpuxo o Sr. Bárcenas, tesoureiro do Partido Popular, contra da súa empresa. A estrañeza fundamental é si pode demandar un traballador que percibía máis de 21.000,00 euros ao mes, e qué posibilidades hai de que o Xuíz do Social estime a súa demanda.

A miña profesión é a de avogado, especializado en dereito laboral, e teño que confesar que este caso prodúceme moita curiosidade.

En primeiro lugar, o salario é un elemento constitutivo de calquera relación laboral, por moi alto que este sexa, e por tanto, o Sr. Bárcenas non ten ningún impedimento para reclamar por despedimento, si considera que efectivamente foi despedido.

En segundo lugar, un requisito fundamental para que poida prosperar a acción de despedimento, é exercitala no prazo de 20 días hábiles dende o efectivo despedimento. Por tanto, un dos eixos da discusión xurídica do futuro procedemento será:
¿cando foi despedido o sr. Bárcenas?

O sr. Bárcenas, e o seu avogado, defenderán que foi despedido o día 1 de febreiro, momento no que o PP deixou de cotizar por tal traballador, e aínda, que o prazo para poder reclamar comezará cando tiveron noticia de que o PP deixou de cotizar.
O PP, e a súa representación, defenderán que foi despedido hai máis de dous anos, cando –supostamente- deixou de prestar servizos para o PP.

A sentenza, cando chegue, e si chega, deberá resolver ese conflito, partindo do feito de que o artigo 1 do estatuto dos traballadores cualifica como traballador aos que voluntariamente presten os seus servizos retribuídos por conta allea, e dentro do ámbito de organización e dirección doutra persoa, física ou xurídica, chamada empregador ou empresario.

Por tanto, unha relación laboral é unha relación pola que unha parte [traballador] presta servizos para outra [empresario] a cambio dunha retribución pactada.

Ao parecer o partido Popular seguiu abonando mensualidades e cotizando na seguridade social. Isto é un indicio poderosísimo da existencia dunha relación laboral. Porén, o Xuíz do Social pode determinar que, a pesares da existencia de tales indicios, a relación laboral xa non existe ou se extinguiu cando de xeito efectivo o Sr. Bárcenas deixou de prestar servizos para o partido Popular, dado que faltaría un dos elementos fundamentais para a existencia dunha relación laboral: a prestación efectiva de traballo.

O Partido Popular tratará de amosar que o sr. Bárcenas era o tesoureiro e o contable do partido, qué, á vista da trapallada de contabilidade que confeccionaba, nos poderíamos preguntar porqué non o despediron con un despido obxectivo por ineptitude do traballador.

Por tanto, a estratexia procesual do Partido será demostrar que dado que ultimamente o sr. Bárcenas non confeccionaba a contabilidade oficial do partido, non estaba prestando servizos, e por tanto non estaba traballando a pesar dos indicios en contra. Debemos ter en conta que si cabe proba sobre que o sr. Bárcenas non realizou determinado traballo.

Pero o sr. Bárcenas, e o seu avogado, poderá retrucar que a súa actividade para o partido non era en realidade a de contabilidade, senón a de recadador, e a confección da contabilidade refírese á contabilidade en B, función que podería seguir prestando ou non, pero sobre a que non cabe proba por parte do PP, dado que sería tanto como recoñecer o que negaron pertinazmente ao longo de estes meses.
No caso de que o Xuíz considere que o sr. Bárcenas foi obxecto de un despedimento improcedente, condenará ao PP á súa readmisión, ou ao abono da indemnización legal, que no seu caso ascenderá á cantidade de 504.000,00 euros.
O PP pode optar pola indemnización, ou pola readmisión, independentemente de que recurra esa sentenza. Tamén podería readmitilo, e aplicarlle a reforma laboral, no que tería que afrontar unha indemnización de 252.000,00 euros tan so si lle aplica un despedimento por causas obxectivos.

O PP tería que xustificar que leva tendo perdas consecutivas durante tres trimestres, o que resulta obvio para calquera que sexa un espectador tranquilo da realidade.

As perdas a que me refiro non son perdas económicas, senón perdas de credibilidade, e fe pública, que é o produto que debería xerar un partido político.

É máis, ofrézome, como avogado laboralista para asesorar ao PP, e lograr que o despedimento do Sr. Bárcenas so lle custe 252.000,00 euros, que por certo, pagaremos nos, os cidadáns.

Como sempre.