viernes, 20 de septiembre de 2013

ESTAFAS E MENTIRAS. II. A Estafa piramidal do Estado


Hai uns días estaba almorzando no bar de sempre, ao tempo que na enorme pantalla aparecía un político amosándose verdadeiramente indignado pola reforma das pensións que endurece o acceso ás mesmas aumentando o período de cálculo da base reguladora, e incrementa de xeito progresivo a idade de xubilación.

Ao meu lado un venerable patrucio de pelo cano asentía e lle dixo ao seu compañeiro, tamén venerable pero calvo “¡Qué nos fagan esto despois de pasar toda a vida cotizando...! ¿onde estará os nosos cuartos? Os cuartos que viñemos pagando e que nos quitaron durante toda a nosa vida...”. O seu compañeiro asentiu, ao igual que os outros parroquianos do bar que parecían estar compartindo un consenso xeralizado.

O venerable patrucio estaba errado: A súa pensión non se deriva das aportacións que fixera ao longo da súa vida, a súa pensión derívase exclusivamente das aportacións que están facendo nestes momentos todos os cotizantes. As aportación que fixera o señor foran xa gastadas en pagalas pensións dos pensionistas existentes cando él as pagaba.

O sistema de pensións públicas español é un sistema de reparto de prestacións definidas.

Un sistema de reparto consiste en que os pagos anuais dos cotizantes úsanse para pagar as pensións recoñecidas ou declaradas nese período.

Que as prestacións sexan definidas significa que as condicións da pensión (por exemplo, contía) está en función de determinados parámetros previstos na lei (anos de cotización, bases de cotización, idade de xubilación, condición física en caso das prestacións de Invalidez). Por suposto que tal ‘definición’ é independente do monto total de ingresos da seguridade social nun determinado ano.

O sistema español de pensións non é un sistema de capitalización das aportacións sociais que fan as empresas y os traballadores ao longo de toda a súa vida laboral. O traballador non ten dereito as ‘súas’ aportacións sociais capitalizadas, senón que ten dereito, si no momento da súa xubilación existen suficientes cotizantes para soster o sistema de pensións.

Isto é, o sistema español de pensións forma un esquema piramidal, na que o groso da poboación que vive entre os 20-65 anos sostén á poboación incapacitada ou que ten máis de 65 anos, e se quere definir como un sistema de solidariedade interxeneracional.

Evidentemente cando se inicia é un sistema extremadamente atractivo dado que toda a poboación é cotizante e apenas existen perceptores, pero cando as sucesivas xeracións de cotizantes se converten en perceptores aparecen os problemas.

No Esquema Ponzi, cando se inicia resulta extremadamente rendible, pero cando os novos partícipes van a recibir a retribución esperada atópanse con que é menor da esperada ou directamente non existe.

O sistema piramidal de reparto español so se pode soster con dúas condicións:

  1. Que a poboación entre os 20-65 anos sufra un desemprego baixo,
  2. Que a poboación incapacitada o de máis de 65 anos non sexa moi numerosa.


No tema das pensións públicas en España tense producido unha Treboada Perfecta, confluíndo todas as circunstancias para facer que este sistema fracase completamente. O sistema español de pensións públicas e un morto a que so lle fai falta refriar.

España tivo unha espectacular expansión demográfica nas décadas dos 50, 60 e 70 do pasado século o que provocou que se dispuxera dunha gran reserva de man de obra, isto é, de cotizantes.

A cantidade de perceptores existente nese período foi moi baixo pola:
  1. A incidencia da Guerra Civil, (mortos e exiliados que non chegaron a ser xubilados)
  2. A incidencia da emigración, que provocaba menos presión no mercado de traballo e
  3. a poboación de xente maior na instauranción do actual sistema de pensións era unha poboación so parcialmente cuberta polo antigo sistema SOVI (Seguro Obreiro de vellez e Invalidez) cuxas prestacións eran moito máis humildes.

O sistema de saúde español foi un rotundo éxito mundial, convertendo á poboación española nunha das poboacións mundiais de maior esperanza de vida. Tal éxito conleva unha presión sobre o sistema de pensións que o converte en inviable, dado que fai que os perceptores de pensións públicas teñan unha vida como pensionistas de entre 20-25 anos.

O feito de que esteamos diante un sistema de reparto, e de que as regras dese reparto non sexan dos cidadáns cotizantes senón dos políticos, provocou que o sistema sexa máis ineficiente: Xeráronse privilexios como pensións sen cotización suficiente –presión no sistema- no caso dos políticos, dos relixiosos, ou a través das prestacións de Invalidez de determinados colectivos que interesaba politicamente favorecelos, traballadores da minería, da agricultura, da mariña mercante ou pesqueira, ou o recente caso dos ERES en Andalucía. De feito, quen decide sobre os cartos alleos é máis imprudente que quén decide sobre os seus propios cartos.

Como di o informe do Comité de Expertos para a reforma das pensións, o actual sistema corre un clarísimo risco demográfico, dado que a poboación non medra, e a base piramidal é menor que a parte superior da pirámide poboacional. Prevese que os pensionistas pasen dos 9 millóns actuais a 15 millóns en 2052, e debemos recordar que se calculou que eran necesarios 5 cotizantes para soster a un so perceptor.

O Comité de Expertos propón varias alternativas:

  • Aplicar un factor de sosteñibilidade que mitigue a maior esperanza de vida. A maior esperanza de vida, menor pensión mensual. É un xeito de penalizar aos incautos que lle fixeron caso ao Goberno nas campañas propagandísticas contra o alcohol e o tabaco. Supoño que o  Comité de Expertos proporá a realización dun chequeo médico obrigatorio para penalizar aos cidadáns insolidarios que estean sanos. Nun Esquema Ponzi sería tanto como pedirlle aos partícipes que rebaixaran a contía dos xuros que esperan recibir para que o sistema puidera pervivir.
  • Aumentar o número de cotizantes prolongando a vida activa dos traballadores mediante o retraso da idade de xubilación. Tal proposta parte do mito de que os traballadores teñen sempre a posibilidade de seguir traballando, pero esa situación so se da no caso dun mercado de traballo expansivo e con pleno emprego. Un sistema tan intervencionista como o actual provoca como resultado precisamente o contrario: un mercado de traballo cun alto nivel de desemprego. Nun Esquema Ponzi é tanto como buscar a máis partícipes, pero xa vimos que a saturación dáse sempre, máis cedo que tarde.
  • Diminuír a ratio da pensión media sobre o salario medio. A idea é que canto menos relación teña a pensión respecto do último salario, maior sosteñibilidade do sistema. Esta proposta consiste en buscar a norma menos favorable ao futuro pensionista, pero é equívoca: despois desta dura crise, moitos traballadores tiñan maiores ingresos hai 10 anos que na actualidade.
  • Aumentar o trasvase de recursos económicos dende outras fontes ao sistema de seguridade social. En resumen consiste en que a través de impostos se sosteña o sistema, pero tal proposta significa penalizar aínda máis aos actuais traballadores a través de maiores impostos, reducindo a súa actual –e moi mermada- capacidade adquisitiva sen que estea garantido que no futuro se podan manter os actuais niveles adquisitivos das pensións. Nun Esquema Ponzi suporía que a empresa que iniciou tal sistema solicite unha subvención ao Estado para seguir sostendo o engano no tempo. O malo é que nun Esquema Ponzi existe poboación allea a estafa (o Estado, outros cidadáns) pero no sistema público de pensión non hai ninguén alleo ao sistema, e non hai a quén pedirlle axuda ou a quén enganar.


Como podemos ver as propostas do Comité de Expertos son para que nos preguntemos seriamente sobre ese autotítulo de 'expertos' e todas van encamiñadas a reducir a contía da pensión dos pensionistas futuros.

Todas as propostas do Comité de Expertos siñifican poñer uns temporais parches a un sistema absolutamente obsoleto e fracasado.

Adoptalas propostas do Comité de Expertos siñifica pospoñer a quebra do sistema 25 anos no futuro, e a cambio de converter este país en máis pobre, menos competitivo, e cunha presión fiscal que sempre medra e abafante.

Non adoptar as propostas do Comité de Expertos siñifica quebrar o sistema da seguridade social nun prazo de 10 anos.

¿Onde está o engano?
O engano é que quén quixo estudiar a viabilidade do sistema xa o sabía, e xa o sabía hai 10, 15 e 20 anos.

Pero os políticos non teñen ningún incentivo para resolver os problemas dos cidadáns que ésten van a descubrir dentro de 10 ou 15 anos, os políticos descobren que obteñen moita máis rendabilidade política gastando hoxe, que aforrando para o mañá.

O engano está nos políticos que quixeron crer nos anos 80, cando o declive demográfico era evidente que España podería volver a taxas de crecemento poboacional dos anos 60.

O engano está nos políticos que, cunha total falta de responsabilidade, venderon como ‘conquistas sociais’ (máis pensións, e pensións máis altas) o que non era senón puro e simple aforro. Y que non recoñeceron e non recoñecen que cando se gasta o aforro, desaparece a suposta ‘conquista social’.

O engano está nos propios cidadáns, en nos mesmos, que non quixemos informarnos das verdades incómodas, e que preferimos crer que o gasto é de balde, que o despilfarro é de balde, que a irresponsabilidade dos políticos é de balde, e que é posible a existencia de pensións públicas sen cotizantes.

Existe unha solución, unha solución valente, unha solución posible, que favorece aos cidadáns e que incrementaría a súa responsabilidade e aumentaría a prosperidade xeral. É unha solución que ten unha grave eiva: supón reducir o poder dos políticos, e será obxecto dunha futura comunicación.

3 comentarios:

  1. Parabéns, está moi ben explicao e amosa o desastre do sistema ao que nos teñen encadeados sen poder sair del, só para mantelos no poder.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar