lunes, 14 de octubre de 2013

O Cardume, o medo a Soidade e o Pensamento único.

Hoxe querería non falar de política. Querería falar de Coñecemento do Medio. O Coñecemento do Medio é unha asignatura que teñen os rapaces que están nas escolas, e que corresponde coas vellas Ciencias Naturais e Ciencias Sociais  que estudábamos os que temos máis de 40 anos.
Botándolle unha ollada ao libro vin unha fotografía dun banco de peixes que se chama cardume, e que se define como un conxunto de peixes semellantes que actúan nadando na mesma dirección, e formando conxuntos moi pretos e amplos.


O curioso do cardume, ao igual que as bandas de estorniños que invaden os nosos parques, é que se desprazan todos de xeito aleatorio pero sincronizados. Cada un dos peixes ou dos estorniños, ao moverse, voan ou nadan tendo en conta só aos seus inmediatos veciños, todos teñen tendencia a aliñarse e son sensíbeis as variacións de dirección dos seus veciños arremedándoas inmediatamente, e logrando así non bater cos compañeiros.


Evolutivamente aos peixes estas condutas lles trouxeron beneficios dado que os seus depredadores naturais –como os ‘cazaban’ un a un- tiñan máis dificultades para identificalos. Pero co desenvolvemento da cultura humana, e das técnicas pesqueiras, ese tipo de comportamento so lle trae inconvintes, dos que non son conscentes, e que se traduce nunha pesca excepcional cando os mariñeiros se atopan cun banco de peixes.


Eu estou certo de que a imitación ten sido na historia da humanidade unha boa estratexia que favoreceu a supervivencia. Temos tendencia a imitar o que fan ben os nosos veciños, ou o que creemos que fan ben. O comportamento humano réxese por emocións máis que pola razón, por pulsións instintivas máis que por comportamentos racionais. Si bailan, bailamos,; si rin, rimos. Si as enquisas electorais  din que ganará o Partido Popular nas próximas eleccións, ganará de certo, como si os electores tiveran apuro en emendarlle a plana aos enquisadores.

Un compañeiro de pupitre dos Salesianos abriu un restaurante en Ourense, e convidoume á inauguración. Algún tempo despois volvín por Ourense e funlle a facer unha visita. O meu colega estaba desanimado, dado que o local non acababa de funcionar. A pesar dos seus coñecementos de hostelería, a pesar dunha carta ben surtida, excelentemente preparada e a uns prezos verdadeiramente populares, e a pesar de que contaba con varios traballadores alegres e motivados, a xente pasaba e seguía optando polos locais veciños. Despois de xantar, propúxenlle esquecerse do negocio e que sairamos a esparexer a cabeza e tomar un algo.
Os nosos propósitos fracasaron gozosamente dado que no Paseo tropezamos con dúas antigas coñecidas do instituto, e nos liamos a falar. Cando me tiven que marchar fun despedido cunha cariñosa e leve indiferencia.
Ao pouco tempo volvín, e comprobei que o restaurante do meu amigo era un local de éxito e estaba cheo.
-¿qué pasou?- preguntei
-Foi todo a raíz de aquela tarde que saímos –contestou entusiasmado- cando te fuches, propúxenlles que viñeran ao restaurante que eu lles prepararía unha boa cea aproveitando que non tería moito traballo.
Ao parecer, ao chegar ao restaurante, aquelas amigas estiveron na entrada, rindo e falando, mentres o meu amigo lle enchía a barra de pequenas tapas da súa cociña. Parecían tan alegres que outras persoas entraron no restaurante, e comezaron a cobizar as tapas que lle estaban servindo, e pediron mesa. Ao cabo de 15 minutos, o restaurante estaba cheo.
-¿pódelo crer? –preguntaba o meu amigo- un día non entra ninguén, e o día seguinte teño o restaurante cheo, e dende entón así.
-e ao día seguinte tamén estaban aquelas dúas mozas? –preguntei
-Non, pero convidara aos meus irmáns, e os meus cuñados..
-Ou sexa, que ao día seguinte o local tamén estaba cheo...-pensei

Á xente dalle medo transitar por onde non vai ninguén, preferimos estar oprimidos nunha bancada incómoda, que estar sos nunha mesa, mentres nos preguntamos porqué estamos sos, e qué será o que todos sabe, e nos non sabemos. É como si sospeitaramos que a masa, o conxunto da xente, está nun segredo que nos non partillamos.

Algo parecido está a pasar na escea política: A xente móvese como os estorniños, ou como un cardumen marítimo, movéndose cun ollo nos veciños, e movéndose en función do que fan os outros.

Todos constatamos o fracaso da Única Política aplicada en Europa ao longo de todo o século XX. Daquela as sociedades europeas liberais e nacionalistas do século XIX enfrontáronse ás consecuencias da Primeira Guerra Mundial, e posteriormente, da Gran Crise dos anos 30: Millóns de persoas víronse embeleñados nunha crise sen precedentes naquelas sociedades, e a resposta foi máis Estado, máis Estado e menos liberdade. Doutrinas totalitarias como o Comunismo, o Nazismo e o Fascismo dende mitoloxías distintas, ofertaban a mesma solución: Máis Estado e máis Control, e incluso nas vellas democracias burguesas de orixe liberal como Franza, os países Baixos e os países nórdicos instauraron réximes de maior control, e menos liberdade. O diagnóstico é o Medo, e a escusa é defendernos; Leis de Defensa dos Consumidores, de Defensa dos Traballadores, de Defensa da Saúde, de Defensa da Seguridade Particular... Din que o fan polo noso Ben. Si así fora, en sociedades máis libres, e menos intervencionistas os consumidores serían máis vulnerábeis, os traballadores máis desprotexidos, a saúde dos cidadáns sería peor, e vivirían en sistemas máis inseguros, e NON É ASÍ.

As leis de Defensa dos Consumidores convértense en medios de protexer a determinados grupos afíns, e nun xeito de facer que os cidadáns paguen máis. As leis do Salario Mínimo convertese nun xeito de control social e de prexudicar aos traballadores máis desfavorecidos, as leis de defensa da Saúde, é chapodar a liberdade, e protexer a determinadas empresas e intereses, as leis contra o terrorismo ou de loita contra as drogas é unha vía para que nos despoxen de toda dignidade, autorizándose incluso tactos rectais.

Non hai voces protestando pola perda da Liberdade. A Liberdade da medo. As mensaxes son noutro sentido: A Liberdade dentro dun orde. A Liberdade non é Libertinaxe. A xente non quere liberdade, a xente quere Seguridade, e os políticos e os partidos políticos dende a II Guerra Mundial nas democracias representativas de Europa, fumos espectadores de como o Estado ía acadando parcelas máis amplas na vida económica ofrecendo cada vez máis Seguridade e cada vez menos Liberdade.

Esa única política europea chámase o Consenso Socialdemócrata, e pretende darlle ao Estado un poder que nin Orwell se atreveu a soñar en ‘1984’. Teoricamente ten como obxectivo o chamado ‘Estado do Benestar’, na que calquera cidadán ten cubertos todas as súas necesidades de manteñemento, educación, sanidade, xustiza e esparexemento, que son sufragadas polo Estado, que, a cambio, establece normas, e somete aos traballadores a un nivel impositivo que chega ao 60%.

Esta única política europea ten unha única mensaxe e esta é que temos que desconfiar dos obxectivos e desexos individuais, e so podemos confiar nos obxectivos e propostas que se fan dende o Estado, e para iso, desenvolve unha gran tarefa de propaganda, repartindo subvencións, e publicidade entre os medios de comunicación social que partillan do mesmo mensaxe, entre todos os estorniños da bandada.

O norteamericano afincado en Europa Bruce Bawer, (Mientras Europa duerme, Editorial Gota a Gota, Madrid, 2007) e o sueco Johan Norberg opinan que o consenso socialdemócrata da clase dirixente é unha característica da sociedade europea occidental e o chaman o “estado da idea única” (one-idea state):

O estado de idea única [...], o risco que o poder dos socialdemócratas sobre as nosas mentes, autoridades, universidades e medios de comunicación pon en marcha un proceso de adaptación dende todos os flancos, incluído o da oposición, de tal xeito que se agocha e se exclúe aos individualistas e aos innovadores.
Johan Norberg

Estes días estou asistindo pasmado da iniciativa do Concello de Madrid de (1-control) facer exames para (2-poder) dar permisos, para que os músicos da rúa poidan tocar na rúa pedindo a vontade dos viandantes que pasen por alí. O seguinte paso será obrigarlle a darse de alta de Autónomos, dado que todos debemos contribuír a que funcione o sistema, dado que unha esixencia da solidaridade na que todos deberíamos estar de acordo.

Tamén lin outra noticia de que no Concello de Fuenxirola a alcaldesa emitiu un bando polo que so se permite música interpretada en español nas casetas que se instalen na súa feita, e baixo ningún concepto se permitirá a ambientación musical con xeneros como funk, rap, reggaeton, música electrónica, heavy metal, soft metal, música alternativa, hip hop, reggae, country, punk, gótica e ritmos latinos en xeral.

A mín o que me sorprende é que a xente recibe tal noticia cun medio sorriso, e sen atribuírlle a gravidade que ten. A noticia de Fuenxirola é que o Concello establece cómo deberán decoradas as casetas, indicando que debe ser con elementos relacionados con Andalucía, a súa cultura, arte e tradicións, e convida a todos os veciños e comerciantes a que se disfracen de ‘andaluces’, como na película de BerlangaBienvenido Mister Marshall”, e supoño que cantando o de “Americanos, os recibimos con alegría”. A explicación que fai a alcaldesa do PP é que con tales normas "solo se pretende que todos disfrutemos de unos días festivos en orden y que la convivencia entre los que participamos de la Feria sea cordial". Xa estamos tan afeitos ao ronzal do Poder que non nos estraña.

            Na Política galega, todos vixían a todos, e como, no fondo, están todos de acordo no Consenso Socialdemócrata, as únicas discrepancias non se refíren a ideas, senón a Reproches no Desempeño.
            
Os Reproches no Desempeño danse cando estás completamente de acordo coas intencións do contrario, pero consideras que a súa ‘execución’ –o seu desempeño- e mellorable ou francamente negativo.
          
  O PP quere manter o Estado do Benestar, o PSOE tamén, pero di que o PP agocha a intención de desmantelalo, e propón aumentar os impostos, anque lle parece escandaloso que o PP os aumente. O BNG e AGE queren incrementar o Estado do Benestar, e propoñen aumentar os impostos aos ricos. O PP, máis realista, aumentalle os impostos a todo dios.

Discuten e discuten e non propoñen solucións distintas, os únicos reproches que fan son Reproches no Desempeño, esto é, botanse en cara non ser o suficientemente eficientes nas solucións, pero nas solucións todos, toditos, están de acordo.

¿Qué facer pois?
O primeiriño de todo saber que o sistema actual está fracasando, que Europa progresivamente vai perdendo posicións en nivel de vida, en riqueza, en capacitación individual, e temos que buscar novos vieiros.
O segundo é constatar que os Mesias, os salvadores, os homes providenciais, as solucións máxicas pertencen ao campo da literatura e da poesía, e non da racionalidade. Poderemos seguir pensando que nos temos a razón dado que Gandalf (ou calquera dos líderes e lideresas existentes) está con nos, e que os outros son Mordor e Saurón, pero é unha liña de pensamento máxica, poética e absolutamente ERRADA. Que si existe algunha solución consiste en pensar, ensaiar, actuar e modificar, unha e outra vez, unha e outra vez.
O terceiro é que a Liberdade é a arma fundamental coa que contamos para chegar á Prosperidade. Deberemos saber que nos poderemos trabucar moitas veces, pero, o único camiño é ensaiar distintas opcións, e copiar as que parezan máis exitosas.

En concreto, poderemos ser teimudos en solucións xa fracasadas, como o Consenso Socialdemócrata ou poderemos mudar:
  • Reducir o poder do Estado, ao mínimo imprescindible,  cando estea reducido ao mínimo imprescindible, pensar e meditar si se pode reducir aínda máis.
  • Transformar o noso sistema de pensións de reparto por outro máis equitativo de Capitalización.
  • Confiar na autonomía e liberdade das persoas e desregular o 80% do noso ordeamento xurídico.
  • Confiar na autonomía e liberdade das persoas e admitir que o erro é un compañeiro de viaxe das persoas, é que so aprendemos cando nos equivocamos.
  • Confiar na autonomía e liberdade das persoas e no seu raciocinio, e admitir que todos, en casi todo momento, están buscando a súa propia felicidade e a felicidade dos seus.
  • Ser humildes, ser moi humildes e saber que ninguén ten a solución para todos, que a solución é sempre unha pescuda individual, que estará suxeita a errores e equivocacións, e que aínda así, é un carreiro moito máis acertado que as solucións globais que propoñen os políticos.

Hoxe non querería falar de política, pero teño tendencia a trabucarme.

2 comentarios:

  1. Moi bo o teu artigo. Non sei se acertado, pero ben fundamentado.
    A teoría está moi ben, pero a grande avantaxe que nos proporciona o cardume e que non hai que pensar, chega con deixarse levar pola masa, e iso, hai que desenganarse é o que quere o 99% da poboación.
    Por iso gañou Rajoy as eleccións, porque moita xente pensóu que realmente sabía como saír da crise, a xente quere líderes, Mesías que nos saquen as castañas do lume.
    Non coñecía esta faceta túa, nen moitas outras para ser franco, espero con avidez as novas entregas.

    Un veciño.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias polo teu comentario. Naceu da constatación de que a xente coa que me relaciono é extremadamente diversa, pero nas eleccións optan por solucións grupais por medo a pensar de xeito individual. Un amigo me dixo que si entras nun bar e ves a dez persoas tomando un café, seguramente 4 de elas sempre optaron polo PP, 2 polo PSOE, 2 polo BNG e as 2 últimas persoas unhas veces quedan na casa e outras veces optan por calquera das outras opcións. Estes últimos son os que non teñen medo a cambiar.

      Eliminar