viernes, 20 de septiembre de 2013

ESTAFAS E MENTIRAS. II. A Estafa piramidal do Estado


Hai uns días estaba almorzando no bar de sempre, ao tempo que na enorme pantalla aparecía un político amosándose verdadeiramente indignado pola reforma das pensións que endurece o acceso ás mesmas aumentando o período de cálculo da base reguladora, e incrementa de xeito progresivo a idade de xubilación.

Ao meu lado un venerable patrucio de pelo cano asentía e lle dixo ao seu compañeiro, tamén venerable pero calvo “¡Qué nos fagan esto despois de pasar toda a vida cotizando...! ¿onde estará os nosos cuartos? Os cuartos que viñemos pagando e que nos quitaron durante toda a nosa vida...”. O seu compañeiro asentiu, ao igual que os outros parroquianos do bar que parecían estar compartindo un consenso xeralizado.

O venerable patrucio estaba errado: A súa pensión non se deriva das aportacións que fixera ao longo da súa vida, a súa pensión derívase exclusivamente das aportacións que están facendo nestes momentos todos os cotizantes. As aportación que fixera o señor foran xa gastadas en pagalas pensións dos pensionistas existentes cando él as pagaba.

O sistema de pensións públicas español é un sistema de reparto de prestacións definidas.

Un sistema de reparto consiste en que os pagos anuais dos cotizantes úsanse para pagar as pensións recoñecidas ou declaradas nese período.

Que as prestacións sexan definidas significa que as condicións da pensión (por exemplo, contía) está en función de determinados parámetros previstos na lei (anos de cotización, bases de cotización, idade de xubilación, condición física en caso das prestacións de Invalidez). Por suposto que tal ‘definición’ é independente do monto total de ingresos da seguridade social nun determinado ano.

O sistema español de pensións non é un sistema de capitalización das aportacións sociais que fan as empresas y os traballadores ao longo de toda a súa vida laboral. O traballador non ten dereito as ‘súas’ aportacións sociais capitalizadas, senón que ten dereito, si no momento da súa xubilación existen suficientes cotizantes para soster o sistema de pensións.

Isto é, o sistema español de pensións forma un esquema piramidal, na que o groso da poboación que vive entre os 20-65 anos sostén á poboación incapacitada ou que ten máis de 65 anos, e se quere definir como un sistema de solidariedade interxeneracional.

Evidentemente cando se inicia é un sistema extremadamente atractivo dado que toda a poboación é cotizante e apenas existen perceptores, pero cando as sucesivas xeracións de cotizantes se converten en perceptores aparecen os problemas.

No Esquema Ponzi, cando se inicia resulta extremadamente rendible, pero cando os novos partícipes van a recibir a retribución esperada atópanse con que é menor da esperada ou directamente non existe.

O sistema piramidal de reparto español so se pode soster con dúas condicións:

  1. Que a poboación entre os 20-65 anos sufra un desemprego baixo,
  2. Que a poboación incapacitada o de máis de 65 anos non sexa moi numerosa.


No tema das pensións públicas en España tense producido unha Treboada Perfecta, confluíndo todas as circunstancias para facer que este sistema fracase completamente. O sistema español de pensións públicas e un morto a que so lle fai falta refriar.

España tivo unha espectacular expansión demográfica nas décadas dos 50, 60 e 70 do pasado século o que provocou que se dispuxera dunha gran reserva de man de obra, isto é, de cotizantes.

A cantidade de perceptores existente nese período foi moi baixo pola:
  1. A incidencia da Guerra Civil, (mortos e exiliados que non chegaron a ser xubilados)
  2. A incidencia da emigración, que provocaba menos presión no mercado de traballo e
  3. a poboación de xente maior na instauranción do actual sistema de pensións era unha poboación so parcialmente cuberta polo antigo sistema SOVI (Seguro Obreiro de vellez e Invalidez) cuxas prestacións eran moito máis humildes.

O sistema de saúde español foi un rotundo éxito mundial, convertendo á poboación española nunha das poboacións mundiais de maior esperanza de vida. Tal éxito conleva unha presión sobre o sistema de pensións que o converte en inviable, dado que fai que os perceptores de pensións públicas teñan unha vida como pensionistas de entre 20-25 anos.

O feito de que esteamos diante un sistema de reparto, e de que as regras dese reparto non sexan dos cidadáns cotizantes senón dos políticos, provocou que o sistema sexa máis ineficiente: Xeráronse privilexios como pensións sen cotización suficiente –presión no sistema- no caso dos políticos, dos relixiosos, ou a través das prestacións de Invalidez de determinados colectivos que interesaba politicamente favorecelos, traballadores da minería, da agricultura, da mariña mercante ou pesqueira, ou o recente caso dos ERES en Andalucía. De feito, quen decide sobre os cartos alleos é máis imprudente que quén decide sobre os seus propios cartos.

Como di o informe do Comité de Expertos para a reforma das pensións, o actual sistema corre un clarísimo risco demográfico, dado que a poboación non medra, e a base piramidal é menor que a parte superior da pirámide poboacional. Prevese que os pensionistas pasen dos 9 millóns actuais a 15 millóns en 2052, e debemos recordar que se calculou que eran necesarios 5 cotizantes para soster a un so perceptor.

O Comité de Expertos propón varias alternativas:

  • Aplicar un factor de sosteñibilidade que mitigue a maior esperanza de vida. A maior esperanza de vida, menor pensión mensual. É un xeito de penalizar aos incautos que lle fixeron caso ao Goberno nas campañas propagandísticas contra o alcohol e o tabaco. Supoño que o  Comité de Expertos proporá a realización dun chequeo médico obrigatorio para penalizar aos cidadáns insolidarios que estean sanos. Nun Esquema Ponzi sería tanto como pedirlle aos partícipes que rebaixaran a contía dos xuros que esperan recibir para que o sistema puidera pervivir.
  • Aumentar o número de cotizantes prolongando a vida activa dos traballadores mediante o retraso da idade de xubilación. Tal proposta parte do mito de que os traballadores teñen sempre a posibilidade de seguir traballando, pero esa situación so se da no caso dun mercado de traballo expansivo e con pleno emprego. Un sistema tan intervencionista como o actual provoca como resultado precisamente o contrario: un mercado de traballo cun alto nivel de desemprego. Nun Esquema Ponzi é tanto como buscar a máis partícipes, pero xa vimos que a saturación dáse sempre, máis cedo que tarde.
  • Diminuír a ratio da pensión media sobre o salario medio. A idea é que canto menos relación teña a pensión respecto do último salario, maior sosteñibilidade do sistema. Esta proposta consiste en buscar a norma menos favorable ao futuro pensionista, pero é equívoca: despois desta dura crise, moitos traballadores tiñan maiores ingresos hai 10 anos que na actualidade.
  • Aumentar o trasvase de recursos económicos dende outras fontes ao sistema de seguridade social. En resumen consiste en que a través de impostos se sosteña o sistema, pero tal proposta significa penalizar aínda máis aos actuais traballadores a través de maiores impostos, reducindo a súa actual –e moi mermada- capacidade adquisitiva sen que estea garantido que no futuro se podan manter os actuais niveles adquisitivos das pensións. Nun Esquema Ponzi suporía que a empresa que iniciou tal sistema solicite unha subvención ao Estado para seguir sostendo o engano no tempo. O malo é que nun Esquema Ponzi existe poboación allea a estafa (o Estado, outros cidadáns) pero no sistema público de pensión non hai ninguén alleo ao sistema, e non hai a quén pedirlle axuda ou a quén enganar.


Como podemos ver as propostas do Comité de Expertos son para que nos preguntemos seriamente sobre ese autotítulo de 'expertos' e todas van encamiñadas a reducir a contía da pensión dos pensionistas futuros.

Todas as propostas do Comité de Expertos siñifican poñer uns temporais parches a un sistema absolutamente obsoleto e fracasado.

Adoptalas propostas do Comité de Expertos siñifica pospoñer a quebra do sistema 25 anos no futuro, e a cambio de converter este país en máis pobre, menos competitivo, e cunha presión fiscal que sempre medra e abafante.

Non adoptar as propostas do Comité de Expertos siñifica quebrar o sistema da seguridade social nun prazo de 10 anos.

¿Onde está o engano?
O engano é que quén quixo estudiar a viabilidade do sistema xa o sabía, e xa o sabía hai 10, 15 e 20 anos.

Pero os políticos non teñen ningún incentivo para resolver os problemas dos cidadáns que ésten van a descubrir dentro de 10 ou 15 anos, os políticos descobren que obteñen moita máis rendabilidade política gastando hoxe, que aforrando para o mañá.

O engano está nos políticos que quixeron crer nos anos 80, cando o declive demográfico era evidente que España podería volver a taxas de crecemento poboacional dos anos 60.

O engano está nos políticos que, cunha total falta de responsabilidade, venderon como ‘conquistas sociais’ (máis pensións, e pensións máis altas) o que non era senón puro e simple aforro. Y que non recoñeceron e non recoñecen que cando se gasta o aforro, desaparece a suposta ‘conquista social’.

O engano está nos propios cidadáns, en nos mesmos, que non quixemos informarnos das verdades incómodas, e que preferimos crer que o gasto é de balde, que o despilfarro é de balde, que a irresponsabilidade dos políticos é de balde, e que é posible a existencia de pensións públicas sen cotizantes.

Existe unha solución, unha solución valente, unha solución posible, que favorece aos cidadáns e que incrementaría a súa responsabilidade e aumentaría a prosperidade xeral. É unha solución que ten unha grave eiva: supón reducir o poder dos políticos, e será obxecto dunha futura comunicación.

ESTAFAS E MENTIRAS. I. O ESQUEMA PONZI


Hai moitísimo tempo nunhas prácticas que os entón estudantes de dereito fixemos nos antigos Xulgados de Santiago a propósito de delitos económicos, explicáronnos diversas modalidades da Estafa. A meirande parte das estafas consiste en ofrecerlle á ‘vítima’ un beneficio económico sen tino, si realiza antes un investimento previo. Así funciona o timo do ‘tocomocho’, ou as estafas piramidais. Alguén preguntou con inocencia si a solución non sería ensinarlle aos cidadáns as artimañas dos estafadores para que estiveran previdos. “É inútil” dixo o Xuíz, “a cobiza das futuras vítimas é sempre superior á súa prudencia.

A estafa piramidal consiste nun esquema de negocios na que os participantes buscan a máis clientes co obxectivo de que os novos participantes xeren beneficios aos participantes máis antigos. Estas pirámides son consideradas estafas ou timos e coñeceuse como timos en pirámide, cédulas da abundancia ou Esquemas Ponzi.

O risco nun esquema piramidal é que funciona en canto existan novos participantes en cantidade suficiente. Cando a poboación de posíbeis participantes se satura, os beneficios dos participantes orixinais disminúen e moitos partícipantes terminan sen beneficio algún tras ter financiado as ganancias dos primeiros participantes.

Charles Ponzi foi un inmigrante italiano en USA que nos anos 20 conseguiu enganar a miles de norteamericanos prometendo retornos trimestrais do 50% investindo en selos, cando a remuneración media das contas bancarias era do 5%. Aínda que inicialmente mercou selos internacionais, deseguida comezou a usar o fluxo das cantidades que captaba polos novos investidores para pagar o principal e os xuros prometidos aos máis vellos. Acabou na cadea, despois expulsado do país e morreu na pobreza.

O Esquema Ponzi é ilegal en moitos países, como en España, que na Lei de Ordeación do Comercio minorista fai referencia á venta piramidal. Hai dúas modalidades do Esquema Ponzi.

Unha é a modalidade de “pirámide aberta”, na que os participante coñecen a estrutura do negocio, e por tanto non deberían considerarse enganados, pero a súa inxenuidade, o seu descoñecemento do concepto de saturación de mercado ou a súa cobiza xunto coa esperanza de estar no cume da pirámide fainos participar.

A modalidade máis grave é a “pirámide pechada”, que é claramente delictuosa. Nela unha persoa ou institución presentase como un mediador de inversións non claramente explicadas, polas que capta investimentos coa promesa dun grandísimo retorno, e que en principio si se produce ese retorno, provocando o ‘interés’ do mercado, pero que, na realidade úsanse os aportes dos partícipes que entraron despois para devolver os primeiros aportes, e os xuros prometidos. Evidentemente o ‘investimento’ dos partícipes tardíos está supeditada á entrada de novos participantes hasta que se satura ou colapsa dito mercado.

Como exemplos temos a Bernard Madoff, acusado e condenado en 2008 por unha estafa multimillonaria, que se agochaba por supostos investimentos extremadamente brillantes (e falsos), cando o esquema era idéntico: utilizar os cartos dos novos investidores para pagar os xuros dos máis antigos.

O primeiro exemplo histórico de fraude piramidal deuse en España, no último terzo do século XIX: Baldomera Larra filla de Mariano José de Larra montou o que hoxe se coñecería como un ‘chiringuito’ financeiro, operando á vista de todos e pagando un 30% mensual, cos cartos que lle daban os novos impositores. En decembre de 1876 incapaz de pagar os xuros prometidos desapareceu con todos os cartos que puido, anque dous anos máis tarde foi detida en Francia e condenada a seis anos de prisión, que non cumpriu integramente dado que houbo moitas voces, que clamaban pola clemencia.

Unha variante moi popular en España son as coñecidas como células da abundancia que eran un Sistema baseado na solidariedade entre as persoas, que prometían altos rendementos. Cando a argucia se desmontou, os que cobraran desapareceron deixando a miles de persoas sen os seus cartos.

Outros casos de similares características en España foron Sofico (1974), Fidecaya (1982), Gescartera (2001) e Finanzas Forex.com (2009), pero a de maior repercusión foi a chamada "estafa filatélica": de Fórum Filatélico e Afinsa, acusadas de estafa que deixou sen aforros a máis de 465.000 clientes e que causou un burato patrimonial superior aos 4.666 millóns de euros. As empresas vendían selos sobrevalorados a persoas incautas e logo os recompraban por unha cantidade algo superior a nome de novos investidores.

A Estafa é utilizar engano dabondo para producir erro en outro, inducíndoo a realizar un acto de disposición en prexuízo propio ou alleo (Art. 248 CP).

Podese discutir no marco dun proceso penal cando existe Engano dabondo, e cando este pode producir erro en outro. Pódese discutir si os que aceptaban xuros 2 ou 3 veces superiores aos normais do mercado de Fórum Filatélico, ou de Afinsa (ou das ‘preferentes’ en entidades bancarias) eran ou non conscientes do irregular deses produtos, e dos riscos que conlevaban. Todos podemos ser vítimas do falabarato que co seu carromato vende a berros botellas cun líquido que cheira a augardente na praza do lugar, dicindo que o cura todo, que sana todo tipo de enfermidades, e que soluciona problemas de amores. Pero despois de ter mercado varias veces a varios supostos doctores, botellas que cheiran a augardente pero no curan nada, ¿temos dereito a dicir que nos enganaron e a pedir que o Estado nos protexa nos nosos dereitos como consumidores?

Case todo se pode discutir, pero o que nunca se pode poñer en dúbida é que diante un caso de Estafa Piramidal estamos precisamente ante iso, nunha estafa, e anque os promotores de tal estafa tiveran a inmensísima inocencia de que o seu comportamento foi de boa fe, no debería haber dúbida de que o Esquema de Ponzi es inviable, enganoso, e fraudulento, e quen o denuncia so merece o noso recoñecemento dado que amosa un engano do que non nos decatábamos.

Pois non.

Coñezo un caso que responde fielmente ao Esquema de Ponzi, na que os estafados defenden ao Estafador, e que se enfadan e agreden aos que denuncian que estamos diante dunha Estafa Piramidal, pero a súa descrición será obxecto dunha segunda parte.

miércoles, 18 de septiembre de 2013

O SALARIO MÍNIMO E OS MALVADOS LIBERAIS


Veño de ter unha discusión cariñosa e respectuosa, cun vello amigo da Facultade, con motivo do Salario Mínimo e a posibilidade de que, en determinados casos, poida non ser aplicable. O meu amigo considera que a Lei do Salario Mínimo é unha lei que protexe aos máis desfavorecidos da sociedade, e que se debe manter. Eu considero que a Lei do Salario Mínimo favorece a traballadores que cobran máis do Salario Mínimo, e prexudica gravemente a aqueles traballadores hoxe expulsados do sistema, e que non atopan xeito de volver a integrarse no sistema.

En España temos hoxe 6.000.000 de parados. Seis millóns. Seis millóns de proxectos vitais que están en perigo ou na corda floxa. Xente que está vivindo da cobertura pública, e fundamentalmente, da solidaridade das súas familias e amigos.

Cando eu era neno, había unha clienta na carnicería que o meu pai tiña en Ourense, que de cando en vez, cando alguén lle pedía unha caridade, ela lle prometía unha xenerosa esmola (entre trescentas a cincocentas pesetas daquela) pero a cambio lle pedía que fixera un 'traballo'. Unha vez lle pedíu que limpara as escadeiras da casa onde vivía, outra lle pedíu que lle levaran 40 ramos de frores á Igrexa da Trinidade dende un baixo que tiña nas aforas de Ourense.

¿Facía ben ou facía mal?

Eu non podo opinar dado que nunca 'contratei' a ninguén dos que pedían. Hoxe o vexo como un acordo entre adultos, na que unha parte establece un 'traballo' e fixa unha 'retribución', e a outra parte acepta ese 'traballo' e esa 'retribución'.

Aquela señora podía ser criticada por quén non lles ofrecemos aos mendigos, nin traballo nin retribución. Seguramente preferimos que morran de fame a que morran sen dereitos sociais.

O salario que recibe un traballador ten que ter relación co 'retorno' que lle produce a quén o paga.

Nun sistema capitalista o 'retorno' sempre ten que ser superior (pero pouco superior) ao prezo (esto é o salario).

Nun sistema socialdemócrata, o retorno pode ser inferior si compensamos ao empresario con subvencións que pagamos entre todos, e que evitan a contratación de outros traballadores, e condenan á maioría ao desemprego.

O que temos ate agora é 6.000.000 millóns de homes e mulleres que querendo traballar non poden. O que temos ate agora é moito máis irrespetuoso co dereitos sociais, e cos dereitos individuais das persoas que querendo traballar e querendo dar traballo as normas do Estado llo impiden.

O meu amigo discrepa, para él o máis importante é a persoa e a solidaridade. Pensa que temos que posibilitar que aquelas persoas que non poidan traballar ou reciban un salario infimo, poidan levar unha vida con dignidade.

E eu tamén estou de acordo con él.

Todos os que queiran traballar deben poder traballar, e todos, traballen ou non, deben levar a súa vida con dignidade. Pero penso que a Dignidade está en relación coa RESPONSABILIDADE DA XENTE respecto da súa propia vida, e está en relación coa LIBERDADE.

Eu ideoloxicamente son libertario e desconfío do Poder e do Estado. Para non ter que dar excesivas explicacións, disimulo decindo que son "liberal". Pretendo estudiar e buscar o mellor xeito de (auto) organización da xente e da sociedade.

Constato que non hai nada de balde, nada. E que sempre alguen ten que pagar un prezo. Sexa por unha mazá, por unha intervención cirúrxica ou por un bocata de xamón.

Os liberais pretendemos que o prezo o pague fundamentalmente quén disfruta da mazá, da intervención cirúrxica ou do bocata de xamón. Tamén pretendemos axudar a quén non pode acadar esa mazá, ou esa intervención cirúrxica ou ese bocata de salchichón, con unha única condición: Quén pida axuda debe estar disposto a axudarse a si mesmo, por que respectamos a LIBERTADE e a súa RESPONSABILIDADE. Pretendemos que a xente sexa completamente libre, sen imposicións, sen impoñer nada.

Ser liberal non supón ser un misantropo, odiador da raza humana. Ser liberal é ser lúcido, e ser conscente que cando chegamos a unha festa, si non atopamos quén a paga, podemos ter a seguridade de que a pagamos nos.