Estaba ceando cuns amigos cando fora detido o que era
alcalde do PSOE de Ourense, e a conversa da cea derivou sobre si debía dimitir
ou non, ou si se debía manter no seu posto de alcalde, dado que, unha detención
ou unha imputación non podía ser asimilada a unha sentenza firme, e era
necesario respectar a presunción de
inocencia.
Algúns dos comensais eran máis partidarios do respecto á presunción de inocencia, e que por
tanto, o alcalde do PSOE non tiña que dimitir, e outros máis partidarios, do principio de responsabilidade política,
eran partidarios de que dimitira, dado que a súa acción política veríase
alourada pola sombra da sospeita. Os meus amigos teñen en común que son boa
xente, e intelixentes, e discrepan respecto das súas filias, e das súas fobias
políticas: hai xente máis próxima aos postulados do PSOE, e outros que se
integran nas diversas ‘familias’
nacionalistas. Tamén hai xente que ten votado ao PP, e pertencían a aquela
corrente dentro do PP coñecida como ‘os da boina’, herdeiros do ‘piñeirismo’,
e que pretendían xunguir a obediencia ao PP, cun certo galeguismo moderado.
Como eu son bastante partidario tanto das ceas, como dos
bos amigos, na mesma semana que ingresaron na cadea varios edís do PP en
Santiago de Compostela, tiña unha cea coa mesma xente, e, a modo de dejà vú,
volvemos a ter a mesma discusión sobre si debía prevalecer a presunción de inocencia, ou, por un principio de responsabilidade política, a corporación de Santiago,
debía dimitir en bloque, e convocar novas eleccións municipais.
Novamente, a mesa dividiuse en dous blocos: uns
partidarios da inmediata dimisión dos implicados, e outros, partidarios de que
a súa función política non se debía alterar mentres non houbera unha sentenza
condenatoria, e ademais firme, engadía algún entre filloa e filloa.
O único que variaba era que os que defendían unha
postura, defendían a diametralmente oposta na cea anterior, e ben logo, a
discusión derivara no feito de que o que era alcalde de Ourense dimitira, e o
alcalde de Santiago aínda non o fixera.
Cando se defende a Presunción de Inocencia, adúcese que
temos que presupoñer a inocencia dos implicados, dado que estamos nun Estado de
Dereito, pero por outra parte, parece que repugna a todas as conciencias non partidistas
que políticos embeleñados en casos de corrupción política sigan a manter os
seus postos.
Compre pois, establecer un criterio estable, que se poida
aplicar cando o caso afecte aos ‘outros’, e cando afecte aos ‘nosos’. Un
criterio asumido por todos os partidos, pero fundamentalmente por todos os
cidadáns, que poidan entender que ese criterio é o criterio lóxico nun pais
responsable e politicamente desenvolvido.
O primeiro escollo que se usa para a non dimisión é a
aplicabilidade da chamada Presunción de
Inocencia. Como é sabido, a
Presunción de Inocencia é o dereito de todo imputado nun proceso penal a ser
tratado como si fose inocente ate que unha sentenza penal firme estableza a súa
condena.
A Presunción de
Inocencia é un dos piares básicos dos Estados de Dereito, e está recollido
expresamente na Constitución española no artigo
24.2 que di que “todos teñen dereito (...) a la presunción de
inocencia.”, e na Declaración
Universal dos Dereitos do Home de 1948 no seu artigo 11.1 que establece que “toda persoa acusada de delito ten dereito a
que se presuma a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade.”,
e así mesmo, no Pacto Internacional de
Dereitos Civís e Políticos de 1966, ou no Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950.
O que non se di é que a Presunción de Inocencia, como obriga, está dirixido aos órganos
intervintes nun proceso penal, non está dirixido aos cidadáns, alleos a ese
concreto procedemento penal. A Presunción de inocencia determina que o imputado
ten que ser tratado como si fose inocente, hasta que unha condena definitiva
non estableza outra cousa, pero dentro do proceso penal, e por tanto, é unha
obriga que afecta aos funcionarios, aos xuíces, e aos operadores xurídicos dentro
de este proceso penal.
¿Qué obrigas temos os cidadáns respecto a quén é
procesado ou é investigado por un delito?
Existe un concepto
xurídico indeterminado que ven do século XIX que é “a dilixencia de un bo pai de familia”, expresión que debería
substituírse como “a dilixencia dun
cidadán sensato”. Non está descrito en ningún sitio que é tal ‘dilixencia’,
pero todos, instintivamente, cremos saber qué comportamento sería a dun
‘cidadán sensato ou asisado’.
Si temos a un conductor de autobús, acusado de
alcoholismo... ¿cando deberíamos separalo do servizo? ¿cando a sentenza que o
condene sexa firme ou cando teñamos indicios de que ese é o seu comportamento?
Si un profesor de Primaria é acusado e imputado de un
delito de pederastia, ou de tráfico de pornografía infantil por internet...
¿cando deberíamos separalo do seu traballo con nenos? ¿so cando a sentenza que o
condene sexa firme? Para obter unha sentenza poden pasar meses, incluso anos, e
co sistema de recursos procesuais, para que a sentenza sexa firme poden pasar
varios anos.
Nos, os cidadáns non temos que presumir ni a súa
inocencia, nin a súa culpabilidade dado que somos alleos a ese procedemento
penal. O que si temos que presumir é que
a actuación dos xuíces e Tribunais é conforme a dereito, e ao principio de
legalidade, e que a súa actuación non é arbitraria, tal e como dispón o artigo
9.3 da Constitución española.
Temos entón unha presunción (a de inocencia) que non nos
afecta senón que afecta exclusivamente aos operadores xurídicos dun proceso
penal, e o noso papel, como cidadáns é exclusivamente como espectadores de ver
como un Poder Público, como é o Poder Xudicial, actúa, e debemos presupoñer que
actúa conforme á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e que a súa
actuación é presidida polo Principio de
Legalidade, a Seguridade Xurídica,
a responsabilidade nas súas funcións
e na prohibición da arbitrariedade no
seu comportamento, como se establece expresamente no artigo 9.3 da Constitución.
Conxugar estes dous artigos constitucionais (artigos 9 e 24 da Constitución española)
da un indicio de cómo resolver este tipo de asuntos: Ninguén debería dimitir
por unha denuncia feita por un particular, pero si, se un órgano xudicial o
acusa dun delito relacionado directamente coa súa función política, dado que os cidadáns temos que ter a presunción de
que esa acusación ou imputación realizada polo órgano xudicial é una actuación
legal, conforme ao ordenamento xurídico, e non arbitraria.
Una interpretación da Presunción de Inocencia interesada,
como a que predican os imputados ou os seus partidarios para non abandonar os
postos políticos, suporía que deberíamos ignorar, e manter na plena
irrelevancia política, o feito de que contra un determinado político se inicie
un procedemento penal hasta o momento en que exista unha sentenza firme.
Ningún cidadán ten por qué facer un xuízo de valor sobre
os indicios acusadores que poden existir ou non no procedemento penal da
operación Pokemon, e por tanto, si estes son o suficientemente serios e graves
para que o alcalde de Ourense dimita da súa responsabilidade. Esa función xa a
farán os tribunais, pero do mesmo xeito, todo cidadán ten todo o dereito do
mundo –e incluso a obriga- a considerar que os órganos do Estado actúan
conforme á legalidade, e que o seu comportamento non é arbitrario, e por tanto,
si hai un procedemento penal artellado contra unha determinada persoa, é que
existen indicios suficientes contra da mesma, e tal persoa deberíase concentrar
na súa defensa, e separarse do servizo público.
Para que non se me acuse de agocharme, teño que dicir que
a miña postura é que calquer político imputado nun procedemento penal,
minimamente relacionado coa súa actividade política, está inhabilitado para a
actividade pública.
Tal postura ten risco de que polo camiño, e por
imputacións espúreas, poidan quedar fora da actividade política, persoas
válidas e honradas a quén lle poden facer trampas.
Pero ese risco, absolutamente real, é menor do que
estamos a sufrir na actualidade, de perda de lexitimidade da acción política.
A actividade política é unha actividade nobre, e
voluntaria. É un eido na que se achegan persoas xenerosas, lúcidas e
desprendidas, pero tamén é unha actividade a que se achegan miserábeis, xente
egoístas, psicópatas e rastreiros, e o gran problema que temos os cidadáns é
como distinguilos.
Pois eu propoño a instauración dunha Presunción de culpabilidade, de considerar que todos e cada un dos
políticos con uns cabróns con pintas, e que o cargo de amosar e probar que non
o son, ten que recaer sobre eles, a través dun exercicio de total e absoluta
transparencia, de eles e dos seus familiares, e so, cando sexan quén de
regresar do foxo dos leóns indemnes, como o profeta Daniel, poderemos honralos
como merecen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario