Vivo nun
vello país, Galiza, que ten cinco millóns de cidadáns. A miña casa está na
antiga estrada que ía a Ourense, e que hoxe está convertida nun dos bulevares
de acceso á cidade. Son avogado, e traballei fundamentalmente como
mercantilista, axudando aos meus clientes, pequenas, medianas e micro empresas
a se desenvolveren neste mundo tan interconectado.
Eu como xa
son vello, boto de menos a posibilidade de conducir aqueles automóveis ruxintes
de gasoliña, que son unha rareza, e obxecto de persecución por coleccionistas.
Agora todos os vehículos son eléctricos, e tan pronto chegas á cidade, deixas
de conducir, e pasa a ser pilotado polo Centro
de Mobilidade do Pedroso. De todos os xeitos, non paga a pena conducir na
cidade, e usamos o SIM (sistema individual
de mobilidade) extremadamente eficiente: Hai vehículos eléctricos sen condutor
con seis prazas, que son usados como hai 30 anos funcionaban os autobuses.
Guíanse dende o Centro de Mobilidade do
Pedroso, a través de rotas preestablecidas, e recoñecen aos outros vehículos,
e as rúas e estradas por onde circulan en base ás pequenas células de
información fotoeléctrica, que lle chaman Fatós.
Cando chegas ás paradas, tes a oportunidade de usar un Segway para ir a onde faga falta.
A min
abóndame chegar á parada e pasar o meu identificativo que levo nun anel, e
indicar a viva voz, a parte da cidade a que quero ir, para que, en poucos
minutos pare un vehículo, que adoita a ir parcialmente cheo, e que me leve
directamente, hasta a miña parada, no Ensanche, na rúa Roseira.
Hoxe teño
no despacho a Ricardo, un rapaz de Ribeira, que fixo biolóxicas, e que
desenvolveu un sistema de cría de pescada en alta mar, a base de feromonas. O
seu plan consiste na reciclaxe dun deses vellos cargueiros transatlánticos como
granxa mariña. Nese barco, créase o centro de traballo, e departamento de
comercialización das pescadas, que se serve en frío, conxelado e en vivo.
Ricardo precisa para desenvolver o seu proxecto 7 millóns de euros, dos que 5
serán de I+D, e dous para
desenvolver a granxa mariña. Calcula que cando estea en funcionamento dará
traballo a 25 persoas, e estará en disposición de exportar o seu modelo de
negocio como franquicia.
Temos unha
conferencia con investidores de varios lugares do mundo: Dous chineses de
Shenzen, que soubemos que son rivais, unha norteamericana, un noruegués. Temos
que explicarlle o noso Plan de Traballo, o Plan de Investimento, e as
proxeccións de rendibilidade que esperamos obter.
Hai uns
anos investigadores da USC desenvolveron un software que posibilitou a
tradución en tempo real de calquera idioma do mundo a calquer outro. É o INTERAUDI. Cando atopamos a unha persoa
que fala un idioma distinto ao noso, poñemos dous discretos auriculares, e
somos quén de oílo en tempo real, no noso idioma de elección, no noso caso, o
galego. Un dos chineses sorprendeunos agradablemente ao falar en galego, cando
xa quitáramos os auriculares, e dixo que o seu pai era de Macau e alí aprendera
o idioma.
A min
ségueme sorprendendo o que está a cambiar Galiza, e o dinámica que está a ser a
súa economía, sobre todo dende que acadou a súa plena soberanía, e fixo unha
renovación profunda no xeito de organizarse a sociedade. Algúns xa lle chaman a
Revolución da liberdade lúcida.
Os
principios fundamentais da nova Galiza soberana son a liberdade individual, o
principio de Estado mínimo, e a aposta pola educación e o coñecemento como chave
da nosa liberdade individual.
O
principio de liberdade individual parte da premisa de que o que tolleita a
liberdade individual é o Estado, e que este, ou a comunidade, non se debe
embeleñar en ningún aspecto da liberdade individual que non prexudique a un
alleo.
Na media
mañá recibín unha chamada de Lucas, o meu fillo. Coméntame que mañá chegará de
Berlín, e si podemos xantar xuntos. Lucas traballa no Laboratorio de Mediciña Xénica de Compostela, e estivo dous meses
nun intercambio co Instituto Alemán de
Mediciña Xénica. Lucas está emparellado con Helena que é editora, pero
quixo aproveitar a súa estadía en Berlín para que o seu fillo Roi, de 7 anos,
puidera ter contacto co idioma alemán, ao tempo que non perdía as clases, que
as segue de xeito virtual.
Pregúntolle
que tal lle vai a Roi, e me fala do seu plan de estudios, que se limita nestas
idades, a desenvolver competencias en matemáticas, música e linguas. Estuda galego-portugués,
inglés, francés, esperanto e castelán, pero facendo fincapé exclusivamente na
comunicación verbal. O rapaz xa sabe cantar non sei en cantas linguas.
Dentro
duns anos, a partir dos dez, deberá estudar Economía, Física, Química e sempre
Matemáticas. O que eu chamaba Naturais e Sociais, o estudan en distintos
idiomas, e os exames son verbais e multilinguaxe.
Eu creo
que están a marear aos nenos. Estes días estase a tramitar no Parlamento do
Hórreo outra nova Lei Orgánica da Educación. Será a definitiva.
Roi deveza
por estar comigo, que lle conto ao que xogábamos cando eu era neno, e lle falo
da billarda, e do ‘aro’, do ‘pilla-pilla’ e do ‘escondite’.
Europa
tamén evoluíu dende que eu era novo. A Unión Europea, que medrara de cara a un
Gran Estado a imitación dos USA, colapsara na Gran Crise de 2008-2018, e foi
como si todos os europeos se decataran que estábamos a perder a diversidade e a
competitividade. Pasouse dun afán de uniformidade a respectar a diversidade e a
que as distintas normas xurídicas competiran entre si.
De feito,
no que de aquela era o Reino de España, empezáronse a darlle máis autonomía as
ZEE (zonas económicas especiais), como de aquela era o Porto de Vigo, e xa
axiña se permitiron instalar Polígonos Industriais, chamados Polígonos
Industriais Especiais, -PIE- suxeitas a distintas lexislacións, e así, primeiro
creáronse Polígonos suxeitos á lexislación europea como a alemá, ou a inglesa, pero
axiña se superou tal limitación, e se crearon Polígonos chineses, suxeitos a
algunha das normativas das súas cidades empresariais, e nos comenzamos a crear PIE’s
Galegos en países de América, Asia, e África.
A ventaxa
que teñen os PIE é que todos se están copiando entre sí para implementar as
medidas que consideran que lles poden dar unha vantaxe competitiva, e tal
dinámica levou a que os territorios máis exitosos fosen os que adoptaran
maiores medidas de control do Poder Central, ou dito de outro xeito, os que
adoptaran menos normas, e máis sinxelas.
A Unión
Europea transformouse na UNIÓN DE
TERRITORIOS E CIDADES LIBRES DE EUROPA, e todo o continente sementouse de
PIE’s variados e de distintas características, e despois de Zonas Residenciais,
normalmente vencelladas a un ou varios PIE’s.
Temos
territorios especializados en Investigación médica, outros en Investigación biolóxica
de cultivos mariños, como o caso da Cidade das Rías que engloba ao que no seu
día foi a comarca de Vigo, Pontevedra e Marín. Outros territorios
especializados en Investigación e Producción Agrícola, e outros especializados
en Turismo e Esparcimento.
Tamén hai
Territorios que ofertan unha gran cobertura social, mediciña universal e
integral, e asistencia social practicamente ilimitada. De feito, ese é o seu
campo de especialización, os territorios especializados máis importantes do
mundo están na Florida e California, en América, na zona de Bahía no Brasil, na
Andalucía occidental, na Costa Azul, e na Costa Dálmata en Europa. Para poder
ser residente nun deses territorios compre facer un investimento moi forte
durante os anos de traballo, ou ter capital dabondo para mercar unha dos seus
visados.
Eu dentro
duns días cumprirei 70 anos, e teño pensado xubilarme. Como aínda estou ben de
saúde, penso viaxar nunha nova moto Chopper que merquei. Como todas as de este
tempo, pode ser guiada polo Centro de Mobilidade de cada territorio, e como
todas son eléctricas non fai ruído ningún. Por iso, os vellos lle incorporamos as
motos un arquivo de son que fai un ruído como ruxían as motos cando era novo. É
no único no que Roi non me entende.
Non é o
mesmo, pero o progreso ten o que ten.
No hay comentarios:
Publicar un comentario