Este mancado Estado social de dereito é aburrido: a protección do Estado na sanidade, na educación, na seguridade pública, fai que o ámbito da aventura sexa cativo. Non vivimos no século XVII ou XVIII onde o estado tiña a vocación de absoluto e universal, pero lle faltaban medios e mecanismos para levalos a cabo. Agora vivimos nun estado a quen lle sobran os medios e mecanismos de control, que están exercitando dun xeito moito máis amplo a como nunca se exercitou o poder, para podar a nosa liberdade, pero coa escusa de que todos eses controles son polo noso ben.
Non pode haber liberdade sen a posibilidade real e tanxible do fracaso e do erro, e non hai mellor xeito de agulletarnos que someternos a exames continuos sobre as nosas necesidades e as nosas motivacións.
¿Por qué fumas? ¡Faiche mal!, se segues a fumar a pesar dos estudos científicos que se amosan que o tabaco é prexudicial, é que non te queres, non es unha persoa equilibrada, e por tanto, debes ter menos dereitos que o resto das persoas: un menor acceso á sanidade, ou un peor trato nalgún conflicto que teñas en materia de familia coa túa muller ou a túa parella...
¿Por que estás obeso? ¿non sabes que a obesidade é a principal causa de morte nos países desenvolvidos?, estamos para axudarte... sabemos que non o podes evitar, e que tés dependencia coa comida. O feito de que te cataloguemos como adicto a unha dependencia (á comida) fai que todos sospeitemos que tes un desenvolvemento da túa persoalidade deficiente ou inmadura.
Non nos deixan equivocarnos: debemos conducir a modo, para evitar accidentes; creouse un conxunto grande de funcionarios que controlan a etiquetaxe do que consumimos, e que se dedican a proxectar a nosa vida, para indicarnos como vivila. Pretenden que adiquemos un tempo taxado as nosas labouras do fogar, e calculado de xeito equitativo coa nosa parella, que resolvamos os nosos problemas de disfunción eréctil acudindo aos médicos competentes, dado que “todos temos dereito a unha vida sexual sana”.
E seguimos soñando coa revolución: con esa aceleración do tempo no que os humanos sexan actores e dirixentes do evoluir da realidade. Soñamos con agarrar o mastro dunha bandeira, e ir correndo todos, rúas abaixo, ate onde reside a inxustiza, e alí, esnaquizala, e comezar a vivir unha nova época de felicidade e liberdade. Soñamos coa verba precisa, coa acción necesaria para remexer conciencias que poida conseguir que todos actuemos ao unísono. Soñamos con protagonizar o cadro de Delacroix “A liberdade guiándo ao pobo”, e correr detrás de esa moza co peito ao aire...
Ese é o sono dos chamados ‘indignados’, responden á nosa necesidade de cambiar, de rachar coa inxustiza, de correr e desfogarse con ganas...
Pero cando espertamos, xa non sabemos qué bandeira temos que asir, e non sabemos cara a onde correr, dado que o desasosego e a inxustiza non reside en ningún lugar determinado, senón que, como a choiva, empapa todo, e nos empapa a nós.
E entón, cando aínda molestos por que nos derramaron os soños, tendemos a facer trampas, e collemos atallos para non pensar, e buscamos culpábeis coa urxencia dos colgados.
¿A culpa é dos Bancos?, Os bancos son aquelas empresas nas que lles ingresas un euro, che convencen de que eles están a gardar o teu euro, e eles o prestan de xeito sucesivo, multiplicando cada euro que lles entra no peto por 16. Podemos, derrubar os Bancos, pero volveríamos inmediatamente ao século XIII, volveríamos a unha situación de pobreza, e feudalismo. Os bancos viven do mito e do conto de que os cartos son un ben físico, ‘contante e sonante’ (que podemos contar e que soa na bolsa ou no peto), e so eles saben que son contantes, que continuamente contamos, pero non son ‘sonantes’, é decir, non teñen substancia física alén da súa magra representación nas moedas e nos billetes que usamos para pagar o café ou o aluguer. Quen queira saber o que son os cartos, que estudie Física cuantica. Os cartos son a súa velocidade de circulación, e nos cremos que son moedas. Si derrubaramos os Bancos, volveríamos a morrer como se morría no feudalismo...
Mellor deixar aos Bancos en paz...
¿A culpa é das grandes multinacionais? Nos falan de empresas como IKEA, ou como ADIDAS que nas súas fábricas en China o no sudeste asiático explotan aos traballadores, pagándolles unha miseria cando aquí venden os seus productos por un valor 30 veces superior. Eso é certo, pero tamén é que eses traballadores ‘explotados’ son los privilexiados neses países, e eses traballadores treman cada vez que dende occidente os queremos salvar, dado que a salvación que nos lles propoñemos, supón que eles sexan máis amolados.
¿A culpa é de das empresas? Todos debemos loitar por conseguir un ambiente de traballo axeitado e respetuoso en cada unha das empresas. Moitas empresas, debido a motivacións internas (convencemento dos directivos) ou externas (presión social) están adoptando nestes últimos tempos medidas coñecidas como Responsabilidade social empresarial, que tenta compaxinar o seu obxectivo final –optimización de beneficios-, con outros fines como de respeto e axuda aos seus traballadores, a implicación da empresa na sociedade na que está inserida, e a súa sostibilidade na chamada pegada ecolóxica. Moitas empresas adoptan eses tipos de medidas, socialmente relevantes e responsábeis, e experimentan un retorno en forma de máis cota de mercado ou maiores beneficios económicos, debido á opción de moitos consumidores a prol das empresas máis responsables.
De todos os xeitos, sen empresas non existen obreiros, nin existe traballo, e a falta de traballo, o desemprego, implica unha situación de desvalorización e de dolor de moitos dos nosos semellantes.
¿A culpa é do goberno? Pois sí, pero o goberno está deseñado para optimizar a súa permanencia do poder, e nos últimos decenios, o mecanismo de poder teoricamente sería dar respostas ao que creen eles que pedimos, e a facerse portavoz das nosas demandas. Pero, claro, tal mecanismo supón que o Poder se adique a escoitar á xente, e pronto atoparon un atallo: crear supostas necesidades, que supostos portavoces da xente lle demanda ao poder, para que iste poida complacelos, dado que é mellor que a xente nos pida o que xa temos no almacen antes que non pidan cousas imprevisibles.
Por tanto, o desasosego tamén é culpa nosa, a quén nos convenceron que vivimos nun sistema no que sempre debemos ir a máis, e pedir máis, e máis. Máis autoestradas, máis urbanizacións, máis espectáculos de balde, máis cobertura social, máis educación, máis xustiza, máis administración... e ademais nos convenceron de que calquera cousa que pidamos, e que o poder nos dea, é un regalo, que non deberemos pagar.
Unha revolución é posible. Unha revolución absolutamente radical. Non vai precisar nin violencia nin derramamento de sangue, pero esixirá a máis completa lucidez, e a máis extrema valentía, e vai en consistir en empezar a ser responsable, e ser consciente de todo o que custa o que sempre consideramos que era de balde.
Vai necesitar lucidez para determinar qué cousas nos podemos permitir, e debemos pagar e a qué cousas debemos renunciar.
Vai necesitar lucidez para obrigar aos políticos a ser máis humildes, moito máis humildes, e rebaixar o tamaño do sector público, mantendo aquelas funcións nas que o sector público é máis xusto e máis eficiente, pero suprimindo aquelas funcións nas que ese exame non da ese resultado.
E vai esixir valentía para conseguir o poder, e para a continuación, devolverllo á xente, pero tendo en conta que a única vía para devolver un poder, é extinguilo; e vaise esixir valentía e coraxe para explicar esa postura e non actuar por actuar, e, so permitirse actuar despois dun exame meditado da situación.
Esa revolución é posible, e conseguiría unha sociedade máis xusta, máis equilibrada, pero esixe que todos pensemos máis, que nos decatemos que a realidade é infinitamente máis complexa do que nos ensinan os lemas e que non collamos atallos por perguiza. A revolución posible empeza pola nosa propia humildade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario