Estes días, varios dos meus amigos, téñenme preguntado
sobre a demanda por despido improcedente que, ao parecer, interpuxo o Sr.
Bárcenas, tesoureiro do Partido Popular, contra da súa empresa. A estrañeza
fundamental é si pode demandar un traballador que percibía máis de 21.000,00 euros ao mes, e qué
posibilidades hai de que o Xuíz do Social estime a súa demanda.
A miña profesión é a de avogado, especializado en dereito
laboral, e teño que confesar que este caso prodúceme moita curiosidade.
En primeiro lugar, o salario é un elemento constitutivo de calquera relación laboral, por
moi alto que este sexa, e por tanto, o Sr. Bárcenas non ten ningún impedimento
para reclamar por despedimento, si considera que efectivamente foi despedido.
En segundo lugar, un requisito fundamental para que poida prosperar a acción de
despedimento, é exercitala no prazo de 20 días hábiles dende o efectivo
despedimento. Por tanto, un dos eixos da discusión xurídica do futuro
procedemento será:
¿cando foi despedido o sr. Bárcenas?
O sr. Bárcenas, e o seu avogado, defenderán que foi despedido o día 1 de
febreiro, momento no que o PP deixou de cotizar por tal traballador, e aínda,
que o prazo para poder reclamar comezará cando tiveron noticia de que o PP
deixou de cotizar.
O PP, e a súa representación, defenderán que foi despedido hai máis de dous
anos, cando –supostamente- deixou de prestar servizos para o PP.
A sentenza, cando chegue, e si chega, deberá resolver ese conflito,
partindo do feito de que o artigo 1 do
estatuto dos traballadores cualifica como traballador aos que
voluntariamente presten os seus servizos retribuídos por conta allea, e dentro
do ámbito de organización e dirección doutra persoa, física ou xurídica,
chamada empregador ou empresario.
Por tanto, unha relación laboral é unha relación pola que unha parte
[traballador] presta servizos para outra [empresario] a cambio dunha
retribución pactada.
Ao parecer o partido Popular seguiu abonando mensualidades e cotizando na
seguridade social. Isto é un indicio poderosísimo da existencia dunha relación
laboral. Porén, o Xuíz do Social pode determinar que, a pesares da existencia
de tales indicios, a relación laboral xa non existe ou se extinguiu cando de
xeito efectivo o Sr. Bárcenas deixou de prestar servizos para o partido
Popular, dado que faltaría un dos elementos fundamentais para a existencia
dunha relación laboral: a prestación
efectiva de traballo.
O Partido Popular tratará de amosar que o sr. Bárcenas era o tesoureiro e o
contable do partido, qué, á vista da trapallada de contabilidade que
confeccionaba, nos poderíamos preguntar porqué non o despediron con un despido
obxectivo por ineptitude do traballador.
Por tanto, a estratexia procesual do Partido será demostrar que dado que
ultimamente o sr. Bárcenas non confeccionaba a contabilidade oficial do
partido, non estaba prestando servizos, e por tanto non estaba traballando a
pesar dos indicios en contra. Debemos ter en conta que si cabe proba sobre que
o sr. Bárcenas non realizou determinado traballo.
Pero o sr. Bárcenas, e o seu avogado, poderá retrucar que a súa actividade
para o partido non era en realidade a de contabilidade, senón a de recadador, e
a confección da contabilidade refírese á contabilidade en B, función que
podería seguir prestando ou non, pero sobre a que non cabe proba por parte do
PP, dado que sería tanto como recoñecer o que negaron pertinazmente ao longo de
estes meses.
No caso de que o Xuíz considere que o sr. Bárcenas foi obxecto de un
despedimento improcedente, condenará ao PP á súa readmisión, ou ao abono da
indemnización legal, que no seu caso ascenderá á cantidade de 504.000,00 euros.
O PP pode optar pola indemnización, ou pola readmisión, independentemente
de que recurra esa sentenza. Tamén podería readmitilo, e aplicarlle a reforma
laboral, no que tería que afrontar unha indemnización de 252.000,00 euros tan
so si lle aplica un despedimento por causas obxectivos.
O PP tería que xustificar que leva tendo perdas consecutivas durante tres
trimestres, o que resulta obvio para calquera que sexa un espectador tranquilo
da realidade.
As perdas a que me refiro non son perdas económicas, senón perdas de
credibilidade, e fe pública, que é o produto que debería xerar un partido
político.
É máis, ofrézome, como avogado laboralista para asesorar ao PP, e lograr
que o despedimento do Sr. Bárcenas so lle custe 252.000,00 euros, que por
certo, pagaremos nos, os cidadáns.