jueves, 3 de octubre de 2013

ESTAFAS E MENTIRAS. III. O Sistema de reparto e o Sistema de Capitalización


Facémonos vellos. Europa envellece, e Galiza aínda máis, e máis depresa. Cada vez temos menos fillos e cada vez vivimos máis. Si se mantén a actual tendencia España será a segunda poboación máis envellecida do mundo no 2050. Esta realidade pódese paliar coa chegada de inmigrantes que virán si, e solo sí, a coxuntura económica sexa favorable (e non o é dende 2008), e si se lle ofrece un entorno agradable e con incentivos para traballar e desenvolver a súa vida, pero a tendencia dos gobernos do PP e do PSOE é espoliar aos cidadán, a base de impostos, para manter o status quo da clase política, sen proceder ás reformas do Sector Público tan necesarias e imprescindibles (simplificación administrativa, menos intervencionismo, adelgazamento da Admininistración...)

Dado que as pensións van a depender a poboación activa existente en cada momento, compre botarlle un ollo á pirámide de poboación de España no ano 1995, 2005 2030 e 2050.



Está sinalado de cor violeta oscuro  a poboación non activa, nenos e mozos hasta 25 anos, e persoas de máis de 65 anos. En violeta claro a franxa de idade de 60 a 64 anos, dado que temos que lembrar que a pensión media en España está en 63 anos (dado que se inclúen xubilados anticipados, e persoas que acceden á unha pensión de invalidez). Así mesmo, a incorporación ao mercado laboral vense facendo nunha media de 25 anos. A poboación activa, en disposición de traballar son as franxas de idade dende o 25 anos hasta os 60-65 anos.
Si prestamos a nosa atención na pirámide de 2005, que coas correspondentes modificación pode ser tamén a de 2013, vemos que o groso da poboación está na franxa da idade que pode traballar. Neste caso non debería haber ningún tipo de déficit da seguridade social, dado que existe unha poboación activa moi numerosa, e anque a poboación pasiva sexa crecente, aínda son moitos menos. Esquecemos que existe un desemprego do 20-25%, desemprego moito maior que as economías máis desenvolvidas do noso entorno e que é debido a varios factores:
  • ·         Moi alto nivel impositivo, entre as que destacan o imposto ao traballo que son as cotizacións sociais.
  • ·         En España estamos a pagar a enerxía máis cara de Europa.
  • ·         A voracidade do sector público e da débeda pública que chega nos Orzamentos do Estado para 2014 case ao 100% do PIB.

Pois ben, no sistema non están entrando novos cotizantes debido ao desemprego que está a sufrir a poboación comprendida nesas franxas de idade. Tamén temos que ter en conta a porcentaxe de poboación con algún tipo de invalidez.

Nas pirámides poboaciónais previstas para os anos 2030 e 2050 vemos que disminúe a poboación que nas franxas de idade da poboación activa, aproximándose nos anos 2030 como unha enorme vaga xa as idades de xubilación, e que corresponden co Baby Boom dos anos 60 e 70.

Tamén sorprende é que a poboación de menos de 10 anos é moi reducida. Pero o que máis sorprende é a magnitude da poboación que terá máis de 60 anos, que serán demandantes de prestacións de xubilación, que deberán ser pagadas polas franxas de idade da poboación activa, que serán progresivamente menos, adoptando a pirámide a forma de Pirámide inversa.

E as tres franxas nas que hai máis poboación son as correspondentes de 24 a 34 anos. Por tanto, dentro de 20-30 anos, teremos a esas franxas tan poboadas como solicitantes de prestacións de xubilación, que deberán ser pagadas polas franxas de idade que hoxe teñen menos de 10 anos. ¡E son moi poucos!, e os maiores de 60 anos serán –seremos- moitísimo.

            O sistema de pensións da Seguridade Social é un sistema piramidal esquema Ponzi, que é, en esencia, errado, dado que parte de presupostos que non son certos, que son MENTIRA e son os seguintes:

  • ·         A economía medrará sempre,
  • ·         O número de novos cotizantes sempre aumentará
  • ·         Podemos desvencellar a evolución das cotizacións do importe das pensións.
¿Son certas esas afirmacións?
¿estas premisas son cridas polos que defenden o actual sistema de reparto?
Pois ben, si a conclusión é que nin eles acreditan nesas premisas, pero as seguen a repetir, estamos diante unha FALACIA, isto é, diante unha ESTAFA.

Un sistema de Pensións como o que existe actualmente en España chámaselle Sistema de Reparto, dado que parte da premisa de que coas cotizacións obrigatorias que se lle impoñen aos traballadores e as empresas, páganse as pensións existentes no momento da recaudación.

Nos propoñemos a instauración en España dun sistema de Pensións chamado Sistema de Capitalización, na que as cotizacións obrigatorias impostas aos traballadores e as empresas deposítase nun Fondo individual propiedade do traballador no que se vai xerando xuros, e que ao final da súa vida é adicado a pagar a pensión do traballador titular, e no caso de que non o gaste, pasaría para os seus herdeiros como unha parte máis da súa herdanza. Entendemos que un sistema de Capitalización de Pensións podería darlle aos pensionistas unha Pensión moito máis alta da que perciben actualmente, e supoñer unha menor carga para o Estado.

No seguinte apartado imos comparar ambos Sistemas de Pensións.

Criterios para evaluir un sistema de Pensións.

Calquer sistema de Pensións, ten que responder ás seguintes cuestións:

1.- ¿É viable e sostible no tempo o Sistema de Reparto de Pensións?
Temos un sistema de Reparto de Pensións, que antes de cualificar como xusto ou inxusto, e eficiente ou ineficiente, temos que determinar si é viable e sostible no tempo.

Calquera persoa que estude obxectivamente os datos sen anteollos ideolóxicos, e intentando ser honesto chega á conclusión de que o sistema de Reparto de Pensións español está abocado a quebrar.

Usando as proxeccións máis recentes de poboación, e incorporando supostos realistas da evolución de parámetros macroeconómicos cruciais, tales como o crecemento do emprego, do Produto Interno Bruto e das remuneracións reais, chegase á inequívoca conclusión de que o sistema actual non é viable no medio prazo, mantendo as regras que hoxe ten, en particular as de cotizacións e contía das pensións.

O réxime de reparto logrou manter un precario equilibrio financeiro nos últimos anos, durante os anos de expansión económica explicado en gran parte polo siñificativo incremento que rexistraron as cotizacións correspondentes aos afiliados activos, e tamén por un maior aporte estatal ao sistema. O primeiro responde a maiores taxas de cotización e a suba dos salarios, mentres que o segundo debese a maiores desembolsos que afrontou o fisco español como cotización dos desempregados e aporte para complementar aquelas pensións que están por debaixo dos mínimos garantidos. É claro que as taxas de cotización non poden seguir medrando.

Ademais, os salarios máis altos dos últimos anos transformaranse inevitabelmente (se as normas existentes son mantidas) en pensións máis elevadas no futuro, que o réxime de reparto non poderá asumir. A posibilidade de incrementar a achega do Estado permanentemente ao sistema parece altamente improbable, dada a montaña de débeda pública española e o elevado déficit fiscal que é rexistrado hoxe.

O déficit do sistema de pensións medrará exponencialmente nos próximos anos para chegar a ser de 5,5 millóns de pesetas (do ano 1994) no ano 2025, isto é, un 37% do gasto en pensións ese ano.

O feito inmutable e que condena a quebra, a partir dunha perspectiva económica (incapacidade para cubrir os beneficios prometidos a partir dos seus propios recursos), ao sistema de reparto en España é a tendencia demográfica. O descenso da taxa de natalidade e o progresivo envellecemento da poboación, fará que cada vez sexa menor a proporción de traballadores activos e xubilados. Como, nun sistema de reparto, os primeiros financian as pensións dos segundos, a carga vaise facer insostible. Se continúa a aumentar o imposto sobre a contratación dos traballadores, que iso significan as altas taxas de cotización da Seguridade Social, o paro causado vai ser aínda maior.

O sistema actual fai que sexa imposible escapar dese dilema: ou aumento do paro ou menores pensións para os xubilados actuais e futuros.
Manter o sistema actual significa que España necesita adquirir renda adicional sobre os actuais (10,25% do PIB en 2012), e a pregunta é: ¿De onde quitaremos estas rendas adicionais?, ¿Subiremos máis os Impostos e contribucións sociais? ¿Será que imos atopar novas fontes de ingresos para manter o noso réxime de reparto da seguridade social? ¿Pozos de petróleo non descubertos aínda?

Poñendo cancelas no mar.
Obviamente pódense facer axustes no sistema actual, na liña dos acordos dos chamados "Pactos de Toledo", que significa sempre maiores cotizacións dos actuais traballadores e pensións máis baixas para os futuros xubilados, como unha forma de reducir este déficit. Con todo, outros estudos conclúen que ningunha das modificacións que foron prantexadas, por si só, pode eliminar o déficit, e moito menos reverter a súa tendencia. Só se pode temperar a súa tendencia ascendente.

Porque todos os estudos independentes conclúen que os Pactos de Toledo son só un paliativo á crise do sistema. o non elimina o enorme déficit que se vai a producir no sistema de pensións do Estado, só o atenúa por un período. Pero, en poucos anos, terá que haber un segundo Pacto de Toledo. E despois moitos outros.
Debe quedar claro que este Pacto consiste principalmente no mantemento do sistema de reparto e reducir aos beneficios para os futuros xubilados por medio de cambiar a súa fórmula para o cálculo da pensión e xubilación e incrementarlles a idades de retiro.

As persoas teñen que ser conscentes de que poñer as pensións en relación a evolución económica, é poñer un parche ao sistema , pero non está a facelo viable, e ao tempo, o sistema volvese un estado de “inseguridade social”, xa que os traballadores non saben cal serán as retalladas no cálculo da súa pensión que os lexisladores irán decidindo para atrasar crises sucesivas.

No marco dos chamados “Pactos de Toledo”, e debido a unha situación excepcional de superavit e para garantir a viabilidade do sistema de pensións español, pensouse en ¡realizar aportacións! dende os Orzamentos xerais do Estado para (1) amortizar o déficit que viña arrastrando o sistema da Seguridade Social e (2) crear un Fondo de Reserva para garantir a “viabilidade do sistema”.

Este Fondo de Reserva foi creado cos superavit acadados dende 1999, ata 2011 , cando alcanzou un total acumulado de 66.800 millóns de euros, e que, a pesar das declaracións triunfantes dos políticos non daría para só un ano de pagamento aos pensionistas.

Desde entón, o Fondo de Reserva comezou a diminuír debido ao déficit ven soportando España en 2012 e 2013, pero, ademais , o Fondo está ameazado pola decisión do Goberno de usar este Fondo de Reserva para mercar débeda pública do goberno español para agochar o déficit do Estado. De feito, hoxe día 1 de outubro de 2013 lemos nos periódicos que no mes de xuño de 2013 usáronse 4.500 millóns de euros do Fondo de reserva para pagar as pensións, e que agora no último trimestre de 2013 usaranse outros 6.148 millóns de euros polo mesmo motivo. Hoxe dos 66.800 millóns de euros de 2011, pasamos a 59.385 millóns en 2013.

A composición dos investimentos do Fondo era en 2007 a seguinte: 50% en débeda pública española e 50% en débeda pública de países europeos, pero , desde entón, vendeu case todos os seus activos en débeda externa e investiu en débeda do goberno español, cuxo porcentaxe é hoxe do 97%. Hoxe, a posibilidade dun rescate España parece máis afastada do que 12 meses, pero non é unha posibilidade pouco probable, e, no caso dun rescate, significaría que o Fondo de Reserva, de tanta sona, sufriría unha quita semellante á quita que lle están facendo á débeda pública grega.
Por mor desa decisión política de investir en débeda pública española, a evolución da rendabilidade do Fondo de Reserva tamén sufriu unha evolución negativa. A taxa media de rendabilidade é como segue:

2000
4,78%
2001
4,32%
2002
3,27%
2003
2,31%
2004
2,02%
2005
2,02%
2006
2,27%
2007
3,79%
2008
3,79%
2009
0,64%
2010
0,36%
2011
0,80%
2012
0,19%

Se hoxe tiveramos que acudir ao Fondo de Reserva, teríamos que “vender” os activos no mercado internacional. O 97% é Débeda Pública española ... Quen a mercaría?

Inevitablemente, si se mantén este sistema, o cobro das pensións futuras será cada vez máis restrictivo, e todo tenderá a que a pensión sexa máis cativa.

España gasta máis do 35,9% do PIB no seu modelo de pensións de reparto. En concreto e cos números dos Orzamentos Xerais do Estado para 2014, o gasto en pensións será de 127.483 millóns de Euros. Lembremos que o Fondo de Reserva está limitado hoxe a 59.385 millóns en 2013: Non daría nin para pagar 6 meses das pensións.

Mirando cara atrás, vemos que o sistema tende a ser xestionado de xeito pouco responsábel: entre 2001 e 2011 , cunha inflación acumulada do 30%, a contía das prestacións aumentaron un 63%, mentres que o número de xubilados creceu só 7%. Mirando cara diante, a situación non é esperanzadora: os gobernos Zapatero e Rajoy foron obrigados a recoñecer que o modelo é insostible sen atrasar a idade de xubilación e sen reducir a contía das pensións.

2 -. É viable e sostible ao longo do tempo o sistema de Capitalización de Pensións?
O Sistema de Capitalización de Pensións consiste en aforrar das achegas para continxencias comúns para cada traballador, poñéndoo ao seu nome nun Fondo individual, e que será administrado por Xestores de Fondos de recoñecida solvencia e acreditados. O Capital ou renda que o traballador terá o fin da súa vida útil ten a súa orixe nas:

• As achegas obrigatorias realizadas ao longo da súa vida, pola empresa ou polo empregado.
• As achegas voluntarias feitas ao longo da súa vida.
• Os xuros xerados sobre o tempo de capitalización dos valores anteriormente, e os xuros xerados polo mecanismo do xuro composto.

Polo tanto, estamos a falar de Fondos reais e existentes, e non de valores futuros que dependan de ingresos futuros, que, a súa vez, dependan da evolución futura da economía e do emprego.

3 -. ¿Que influencia e impacto ten na sociedade o sistema de Reparto de pensións?
O sistema de Reparto empeora a competitividade das nosas empresas, dado que o sobre custe que sofre o traballo –vía cotizacións- tense que compensar con salarios máis baixos dos traballadores, para equilibrar o valor de produtos de outros países que non padecen un custe tal elevado na súa forza de traballo. O sistema de Reparto do sistema de pensións é un custo inasumibel para os traballadores e para a economía do Estado. As consecuencias do actual sistema de reparto son:

As Pensións serán progresivamente máis reducidas. A contía media das Pensións necesariamente será menor a medida que se vai saturando o sistema, que dependen exclusivamente das cotizacións existente no momento do seu pagamento, e debido a que o medre do número de contribuíntes é inferior ao medre do número de xubilados , e tamén a taxa de crecemento dos salarios é o teito dun posible aumento das pensións nun sistema de reparto maduro.
Prexudica ao emprego. O sistema de reparto é financiado polas achegas existentes en cada momento e son percibidas como un imposto sobre a contratación, e esixen moi alta taxa de contribución (continxencias comúns só 28,3 %, e a taxa de contribución total sobre 40%). Distorsiona o mercado de traballo e dificulta a creación de emprego.

Prexudica o aforro e causa máis dependencia dos malvados mercados financieiros internacionais. Cunha taxa de impostos tan alto, o aforro non é posible, e, polo tanto para calquera préstamo que precisen os individuos e as empresas deben acudir ao mercado financeiro externo, que descoñece máis e é máis desconfiado do mercado interior.
Aumenta o poder do Estado na economía e na sociedade. O Estado controla a prestación de pensións e centraliza todas as contribucións e impostos , decide no que se inviste, coa carga de ineficiencia e egoísmo que comporta , e tamén é un medio fantástico de controlar a sociedade civil.

Prexudica a produtividade do capital. Ao non haber aforro, e precisando máis capital para satisfacer as necesidades de financiamento e de funcionamento do Estado, o nivo de impostos vai aumentar, e de toda a débeda da sociedade será predominantemente Débeda Pública e non Débeda Privada para financiar obxectivos de investimento e as necesidades dos cidadáns.

Converte o sistema de pensións nun sistema clientelar de caciquismo. As Pensións dependen de decisións legais, aumentando a incerteza dos actuais e futuros pensionistas dando lugar a condutas irresponsábeis e facendo das pensións un tema de debate en curso.

4-. Que influencia e impacto ten na sociedade o Sistema de Capitalización de Pensions?
Aumenta as pensións. As pensións son máis elevadas, xa que dependen de diñeiro aforrado ao longo da vida de traballo , maís os xuros xerados por esas cantidades. Ademais, a rendibilidade dunha carteira de investimentos dun sistema de capitalización privado será certamente maior que a taxa de crecemento dos salarios nun período de 40 anos.

Aumentar o emprego. Un sistema de capitalización que é financiado polo aforro obrigatorio dos traballadores, é percibido como propiedade individual non como un imposto sobre a contratación de traballo. Ademais, o sistema pode operar cunha taxa de aforro obrigatoria ben por baixo da taxa de contribucións esixen que o sistema de reparto. Polo tanto, eliminase unha distorsión no mercado de traballo que dificulta a creación de emprego.

Aumenta o aforro. Ao impoñerse unha taxa mínima de aforro e ao crearse incentivos para o aforro adicional e voluntario é altamente probable que o resultado sexa un aumento do aforro nacional, sobre todo se o Estado colabora reducindo gastos innecesarios como unha contribución ao financiamento da transición.
Mellorar a produtividade do capital. Ao asignarse este aforro a través de mercados de capitais competitivos e transparentes sen ningunha obriga de adicalos a financiar o gasto público ou o Déficit Público, mellora a eficiencia do proceso aforro -investimento na economía.

Potencia a taxa de crecemento do PIB, debido ao aumento do aforro e do emprego e ao aumento da produtividade do traballo e do capital.

Reduce o poder do Estado na economía. Ao traspasar ao sector privado o control dos recursos asociados á provisión de pensións, a reforma implica unha xigantesca descentralización do poder dende o Estado para a sociedade civil.

Despolitiza o sistema de pensións. Como o nivo da contía das pensións xa non depende de decisións legais, a cuestión deixa de ser un problema permanente na discusión política , eliminando as incertezas do actual e futuros pensionistas.

Estimula unha cultura de traballo estimulador do aforro e disciplina a xestión económica pública. Como os traballadores poden proxectar a súa vida de xubilación como a prefiran (idade de retiro e contía da pensión de xubilación), o que estimula o aforro e o esforzo persoal como factores decisivos para acadar obxectivos persoais para a vellez. Ademais, o vínculo que se crea entre o valor da conta individual e o bo funcionamento da economía , fai que os traballadores se impliquen na boa condución dos negocios e da economía.

5 -. ¿É o sistema sistema de reparto de pensións un sistema xusto?
Non é un sistema xusto. Xustiza é dar a cada un o seu e o retorno da pensión está baseada na decisión política, e non en base ás achegas efectivas realizadas polos traballadores. E a decisión dos políticos baséase na rendabilidade política a través da promoción de decisións irresponsábeis e populistas, segundo a lóxica perversa do sistema é para prexudicar a gran maioría dos contribuíntes para favorecer os xubilados que no border line do sistema: os que non contribuíron abondo , e os privilexiados polo poder político: Diputados e Senadores que aceden á pensión máximo con so 7 anos, sacerdotes e relixiosos que o acceden ao sistema sen cumprir a esixencia do tempo de cotización, os ferroviarios, e os mineiros, que poden xubilarse aos 55 anos, o persoal de voo, toureiros , artistas, persoal Estatutario da seguridade social , traballadores marítimos, membros da policía vasca...

O pecado orixinal do sistema reparto é que non hai unha conexión directa entre o esforzo do aforro, e a pensión que se obtén por ese esforzo.

Este sistema é un sistema inxusto , profundamente inxusto, no que os políticos poden capitalizar os cartos alleos, cun único criterio de busca da súa vantaxe política, e iso pasa por maltratar os que pagan, e beneficiar a certos colectivos coa falsa escusa de solidariedade.

Pero anque non houbera grupos privilexiados (e por tanto, todos os demáis prexudicados) seguiría sendo un sistema inxusto, dado que é atribuírlle á carga das pensións (da poboación que percibe pensións) ás xeneracións activas que están realizando cotizacións, e iso, con independencia de que sexan máis ou non, e cunhas contías fixadas pola xeneración anterior, e non pola xeneración que está efectivamente pagando as pensións.

6- ¿E o sistema de Capitalización de pensións  un sistema xusto?
A Xustiza, segundo a antiga definición do dereito romano, é a arte de dar a cada un o seu. Neste sentido , o réxime de capitalización é absolutamente xusto, no sentido de que se beneficia a todos os traballadores do mesmo xeito, pois establece unha conexión directa entre o esforzo de aforro para a xubilación e a pensión que obtén a partir deste esforzo.

A xustiza non é dar a cada un según a súa necesidade, como pretenden algunhas teorías marxistas , xa que ignora o feito evidente de que calquera ben ou servizo ten un custo , e debe ser pagado por alguén nalgún momento. O Sistema de capitalización é perfectamente compatible cunha rede asistencial que protexa aos cidadáns máis vulnerables da sociedade, pero esta protección pública debe ser independente do sistema de capitalización, e a súa fonte de financiamento deben ser os orzamentos públicos, e na cantidade e na extensión que decidan en cada momento os cidadáns, xa que non é xusto ou ético asignar a unha futura xeración un gasto que queremos facer neste momento.

7 - ¿É o Sistema de reparto un Sistema de solidario?
Este é un dos activos que se lle presupoñen ao Sistema de Reparto. Este sistema pretende dotar dunha Pensión axeitada (chámase no falaz linguaxe como pensión digna), independentemente do esforzo aforrados que fixera ao longo da súa vida. Están establecidas medidas como “Valor mínimo das pensións”, ou as Pensións Non Contributivas . O problema con estas medidas sociais é que misturan Prestacións que deberían ser estrictamente retributivas , con outras que responden a outra lóxica como é a asistencial, coa consecuencia de que ninguén sabe qué porcentaxe da súa pensión débese ao seu esforzo, ou qué porcentaxe se debe ao esforzo de todos –Vía Orzamento.

¿Porque é un sistema tan opaco? Para evitar o risco de que a xente, os cidadáns sexan conscentes do que pagaron no sistema, e do que reciben a cambio, e mantelos na crenza de que lle “deben” a súa pensión aos políticos.

8-. ¿É o sistema de capitalización un sistema solidario?
O sistema de capitalización que non ten que ser solidario. Ten que ser xusto, claro e transparente. Porén, é perfectamente compatible cun sistema de Prestacións sociais para os cidadáns máis vulnerables que non foron quén de aforrar. A gran vantaxe é que quedará perfectamente demarcada qué cantidade corresponde aos impostos que pagamos todos e qué cantidade corresponde ao propio aforro persoal, sen que se lle poida mentir aos cidadáns.

Con esta limitación , o sistema proposto podería basearse en tres Piares:

Piar contributivo Obrigatorio: A afiliación e cotización a este piar é obrigatoria para os traballadores dependentes (réxime xeral) e os autónomos (réxime autónomos) cotizando a unha taxa sempre inferior á actualmente vixente do 28,3 %.
Piar Voluntario: O Piar Voluntario ofrece alternativas de aforro adicional á contribución obrigatoria, onde os traballadores dependentes e independentes poden aforrar sobre o xa cotizado que lle permitan mellorar supostos futuros da súa vida como pensionista, como a idade de xubilación ou aumentar a cantidade da súa pensión.
Piar Solidario: O Piar solidario componse de aquelas Prestacións  que puideran establecerse e que coñecemos como Prestacións non contributivas, así como aqueles Complementos de contía mínima, e que deberían financiarse exclusivamente a cargo dos Orzamentos das Comunidades Autónomas.

9 -. Cal é a relación prezo -retorno no sistema de reparto ?
A pensión media en 2012 foi de 950 euros, aínda que as contribucións á Seguridade Social son realizadas en torno a 28,3 % dos salarios dos traballadores.

Para ter dereito a unha pensión de 950 euros , teríamos que cotizar a unha base de 950 (actualizada) por 35 anos. É dicir, teríamos que ter cotizado: (35 X 12 X 950 ) X 28,30 % = 112,917 euros.

O sistema afronta un problema de sostibilidade fiscal e non consegue garantir unha xubilación digna para os nosos maiores.

10 -. Cal é a relación prezo -retorno do sistema de capitalización ?
No sistema de Capitalización son feitas contribucións a un Fondo de Aforro que, á súa vez , increméntase cos xuros xerados polo propio capital aportado. En Chile, que é o país pioneiro no Sistema de Capitalización obtivo un retorno medio dun 9% tras a inflación, e, nese caso, a pensión media en España sería 2.500 € mensuais. Mesmo partindo dun resultado de 50 % inferior , teríamos unha pensión media de 1.250 € por mes que sería moito maior que a pensión media de 950 € que obteñen hoxe co Sistema de reparto.

Un mileurista cun salario mensual de 1.000 euros estará cotizando á Seguridade Social a uns 3.396 euros anuais (exclusivamente por continxencias comúns). Os Mercados bursátiles mundiais deron entre 1900 e 2010, unha rendabilidade media real (descontada a inflación) do 5,4%, e sen contar con posibilidades de investimento máis eficiente. Capitalizando esta pensión anual durante 38 anos cun xuro medio do 5,4% tería acumulado un patrimonio de 450.000 euros, ou unha pensión mensual de 1.500 euros mensuais.

Para poñer de manifesto o irracional do sistema de pensións español debemos describilo anque sexa someramente, pero iso será obxecto dunha seguinte entrega.

viernes, 20 de septiembre de 2013

ESTAFAS E MENTIRAS. II. A Estafa piramidal do Estado


Hai uns días estaba almorzando no bar de sempre, ao tempo que na enorme pantalla aparecía un político amosándose verdadeiramente indignado pola reforma das pensións que endurece o acceso ás mesmas aumentando o período de cálculo da base reguladora, e incrementa de xeito progresivo a idade de xubilación.

Ao meu lado un venerable patrucio de pelo cano asentía e lle dixo ao seu compañeiro, tamén venerable pero calvo “¡Qué nos fagan esto despois de pasar toda a vida cotizando...! ¿onde estará os nosos cuartos? Os cuartos que viñemos pagando e que nos quitaron durante toda a nosa vida...”. O seu compañeiro asentiu, ao igual que os outros parroquianos do bar que parecían estar compartindo un consenso xeralizado.

O venerable patrucio estaba errado: A súa pensión non se deriva das aportacións que fixera ao longo da súa vida, a súa pensión derívase exclusivamente das aportacións que están facendo nestes momentos todos os cotizantes. As aportación que fixera o señor foran xa gastadas en pagalas pensións dos pensionistas existentes cando él as pagaba.

O sistema de pensións públicas español é un sistema de reparto de prestacións definidas.

Un sistema de reparto consiste en que os pagos anuais dos cotizantes úsanse para pagar as pensións recoñecidas ou declaradas nese período.

Que as prestacións sexan definidas significa que as condicións da pensión (por exemplo, contía) está en función de determinados parámetros previstos na lei (anos de cotización, bases de cotización, idade de xubilación, condición física en caso das prestacións de Invalidez). Por suposto que tal ‘definición’ é independente do monto total de ingresos da seguridade social nun determinado ano.

O sistema español de pensións non é un sistema de capitalización das aportacións sociais que fan as empresas y os traballadores ao longo de toda a súa vida laboral. O traballador non ten dereito as ‘súas’ aportacións sociais capitalizadas, senón que ten dereito, si no momento da súa xubilación existen suficientes cotizantes para soster o sistema de pensións.

Isto é, o sistema español de pensións forma un esquema piramidal, na que o groso da poboación que vive entre os 20-65 anos sostén á poboación incapacitada ou que ten máis de 65 anos, e se quere definir como un sistema de solidariedade interxeneracional.

Evidentemente cando se inicia é un sistema extremadamente atractivo dado que toda a poboación é cotizante e apenas existen perceptores, pero cando as sucesivas xeracións de cotizantes se converten en perceptores aparecen os problemas.

No Esquema Ponzi, cando se inicia resulta extremadamente rendible, pero cando os novos partícipes van a recibir a retribución esperada atópanse con que é menor da esperada ou directamente non existe.

O sistema piramidal de reparto español so se pode soster con dúas condicións:

  1. Que a poboación entre os 20-65 anos sufra un desemprego baixo,
  2. Que a poboación incapacitada o de máis de 65 anos non sexa moi numerosa.


No tema das pensións públicas en España tense producido unha Treboada Perfecta, confluíndo todas as circunstancias para facer que este sistema fracase completamente. O sistema español de pensións públicas e un morto a que so lle fai falta refriar.

España tivo unha espectacular expansión demográfica nas décadas dos 50, 60 e 70 do pasado século o que provocou que se dispuxera dunha gran reserva de man de obra, isto é, de cotizantes.

A cantidade de perceptores existente nese período foi moi baixo pola:
  1. A incidencia da Guerra Civil, (mortos e exiliados que non chegaron a ser xubilados)
  2. A incidencia da emigración, que provocaba menos presión no mercado de traballo e
  3. a poboación de xente maior na instauranción do actual sistema de pensións era unha poboación so parcialmente cuberta polo antigo sistema SOVI (Seguro Obreiro de vellez e Invalidez) cuxas prestacións eran moito máis humildes.

O sistema de saúde español foi un rotundo éxito mundial, convertendo á poboación española nunha das poboacións mundiais de maior esperanza de vida. Tal éxito conleva unha presión sobre o sistema de pensións que o converte en inviable, dado que fai que os perceptores de pensións públicas teñan unha vida como pensionistas de entre 20-25 anos.

O feito de que esteamos diante un sistema de reparto, e de que as regras dese reparto non sexan dos cidadáns cotizantes senón dos políticos, provocou que o sistema sexa máis ineficiente: Xeráronse privilexios como pensións sen cotización suficiente –presión no sistema- no caso dos políticos, dos relixiosos, ou a través das prestacións de Invalidez de determinados colectivos que interesaba politicamente favorecelos, traballadores da minería, da agricultura, da mariña mercante ou pesqueira, ou o recente caso dos ERES en Andalucía. De feito, quen decide sobre os cartos alleos é máis imprudente que quén decide sobre os seus propios cartos.

Como di o informe do Comité de Expertos para a reforma das pensións, o actual sistema corre un clarísimo risco demográfico, dado que a poboación non medra, e a base piramidal é menor que a parte superior da pirámide poboacional. Prevese que os pensionistas pasen dos 9 millóns actuais a 15 millóns en 2052, e debemos recordar que se calculou que eran necesarios 5 cotizantes para soster a un so perceptor.

O Comité de Expertos propón varias alternativas:

  • Aplicar un factor de sosteñibilidade que mitigue a maior esperanza de vida. A maior esperanza de vida, menor pensión mensual. É un xeito de penalizar aos incautos que lle fixeron caso ao Goberno nas campañas propagandísticas contra o alcohol e o tabaco. Supoño que o  Comité de Expertos proporá a realización dun chequeo médico obrigatorio para penalizar aos cidadáns insolidarios que estean sanos. Nun Esquema Ponzi sería tanto como pedirlle aos partícipes que rebaixaran a contía dos xuros que esperan recibir para que o sistema puidera pervivir.
  • Aumentar o número de cotizantes prolongando a vida activa dos traballadores mediante o retraso da idade de xubilación. Tal proposta parte do mito de que os traballadores teñen sempre a posibilidade de seguir traballando, pero esa situación so se da no caso dun mercado de traballo expansivo e con pleno emprego. Un sistema tan intervencionista como o actual provoca como resultado precisamente o contrario: un mercado de traballo cun alto nivel de desemprego. Nun Esquema Ponzi é tanto como buscar a máis partícipes, pero xa vimos que a saturación dáse sempre, máis cedo que tarde.
  • Diminuír a ratio da pensión media sobre o salario medio. A idea é que canto menos relación teña a pensión respecto do último salario, maior sosteñibilidade do sistema. Esta proposta consiste en buscar a norma menos favorable ao futuro pensionista, pero é equívoca: despois desta dura crise, moitos traballadores tiñan maiores ingresos hai 10 anos que na actualidade.
  • Aumentar o trasvase de recursos económicos dende outras fontes ao sistema de seguridade social. En resumen consiste en que a través de impostos se sosteña o sistema, pero tal proposta significa penalizar aínda máis aos actuais traballadores a través de maiores impostos, reducindo a súa actual –e moi mermada- capacidade adquisitiva sen que estea garantido que no futuro se podan manter os actuais niveles adquisitivos das pensións. Nun Esquema Ponzi suporía que a empresa que iniciou tal sistema solicite unha subvención ao Estado para seguir sostendo o engano no tempo. O malo é que nun Esquema Ponzi existe poboación allea a estafa (o Estado, outros cidadáns) pero no sistema público de pensión non hai ninguén alleo ao sistema, e non hai a quén pedirlle axuda ou a quén enganar.


Como podemos ver as propostas do Comité de Expertos son para que nos preguntemos seriamente sobre ese autotítulo de 'expertos' e todas van encamiñadas a reducir a contía da pensión dos pensionistas futuros.

Todas as propostas do Comité de Expertos siñifican poñer uns temporais parches a un sistema absolutamente obsoleto e fracasado.

Adoptalas propostas do Comité de Expertos siñifica pospoñer a quebra do sistema 25 anos no futuro, e a cambio de converter este país en máis pobre, menos competitivo, e cunha presión fiscal que sempre medra e abafante.

Non adoptar as propostas do Comité de Expertos siñifica quebrar o sistema da seguridade social nun prazo de 10 anos.

¿Onde está o engano?
O engano é que quén quixo estudiar a viabilidade do sistema xa o sabía, e xa o sabía hai 10, 15 e 20 anos.

Pero os políticos non teñen ningún incentivo para resolver os problemas dos cidadáns que ésten van a descubrir dentro de 10 ou 15 anos, os políticos descobren que obteñen moita máis rendabilidade política gastando hoxe, que aforrando para o mañá.

O engano está nos políticos que quixeron crer nos anos 80, cando o declive demográfico era evidente que España podería volver a taxas de crecemento poboacional dos anos 60.

O engano está nos políticos que, cunha total falta de responsabilidade, venderon como ‘conquistas sociais’ (máis pensións, e pensións máis altas) o que non era senón puro e simple aforro. Y que non recoñeceron e non recoñecen que cando se gasta o aforro, desaparece a suposta ‘conquista social’.

O engano está nos propios cidadáns, en nos mesmos, que non quixemos informarnos das verdades incómodas, e que preferimos crer que o gasto é de balde, que o despilfarro é de balde, que a irresponsabilidade dos políticos é de balde, e que é posible a existencia de pensións públicas sen cotizantes.

Existe unha solución, unha solución valente, unha solución posible, que favorece aos cidadáns e que incrementaría a súa responsabilidade e aumentaría a prosperidade xeral. É unha solución que ten unha grave eiva: supón reducir o poder dos políticos, e será obxecto dunha futura comunicación.

ESTAFAS E MENTIRAS. I. O ESQUEMA PONZI


Hai moitísimo tempo nunhas prácticas que os entón estudantes de dereito fixemos nos antigos Xulgados de Santiago a propósito de delitos económicos, explicáronnos diversas modalidades da Estafa. A meirande parte das estafas consiste en ofrecerlle á ‘vítima’ un beneficio económico sen tino, si realiza antes un investimento previo. Así funciona o timo do ‘tocomocho’, ou as estafas piramidais. Alguén preguntou con inocencia si a solución non sería ensinarlle aos cidadáns as artimañas dos estafadores para que estiveran previdos. “É inútil” dixo o Xuíz, “a cobiza das futuras vítimas é sempre superior á súa prudencia.”

A estafa piramidal consiste nun esquema de negocios na que os participantes buscan a máis clientes co obxectivo de que os novos participantes xeren beneficios aos participantes máis antigos. Estas pirámides son consideradas estafas ou timos e coñeceuse como timos en pirámide, cédulas da abundancia ou Esquemas Ponzi.

O risco nun esquema piramidal é que funciona en canto existan novos participantes en cantidade suficiente. Cando a poboación de posíbeis participantes se satura, os beneficios dos participantes orixinais disminúen e moitos partícipantes terminan sen beneficio algún tras ter financiado as ganancias dos primeiros participantes.

Charles Ponzi foi un inmigrante italiano en USA que nos anos 20 conseguiu enganar a miles de norteamericanos prometendo retornos trimestrais do 50% investindo en selos, cando a remuneración media das contas bancarias era do 5%. Aínda que inicialmente mercou selos internacionais, deseguida comezou a usar o fluxo das cantidades que captaba polos novos investidores para pagar o principal e os xuros prometidos aos máis vellos. Acabou na cadea, despois expulsado do país e morreu na pobreza.

O Esquema Ponzi é ilegal en moitos países, como en España, que na Lei de Ordeación do Comercio minorista fai referencia á venta piramidal. Hai dúas modalidades do Esquema Ponzi.

Unha é a modalidade de “pirámide aberta”, na que os participante coñecen a estrutura do negocio, e por tanto non deberían considerarse enganados, pero a súa inxenuidade, o seu descoñecemento do concepto de saturación de mercado ou a súa cobiza xunto coa esperanza de estar no cume da pirámide fainos participar.

A modalidade máis grave é a “pirámide pechada”, que é claramente delictuosa. Nela unha persoa ou institución presentase como un mediador de inversións non claramente explicadas, polas que capta investimentos coa promesa dun grandísimo retorno, e que en principio si se produce ese retorno, provocando o ‘interés’ do mercado, pero que, na realidade úsanse os aportes dos partícipes que entraron despois para devolver os primeiros aportes, e os xuros prometidos. Evidentemente o ‘investimento’ dos partícipes tardíos está supeditada á entrada de novos participantes hasta que se satura ou colapsa dito mercado.

Como exemplos temos a Bernard Madoff, acusado e condenado en 2008 por unha estafa multimillonaria, que se agochaba por supostos investimentos extremadamente brillantes (e falsos), cando o esquema era idéntico: utilizar os cartos dos novos investidores para pagar os xuros dos máis antigos.

O primeiro exemplo histórico de fraude piramidal deuse en España, no último terzo do século XIX: Baldomera Larra filla de Mariano José de Larra montou o que hoxe se coñecería como un ‘chiringuito’ financeiro, operando á vista de todos e pagando un 30% mensual, cos cartos que lle daban os novos impositores. En decembre de 1876 incapaz de pagar os xuros prometidos desapareceu con todos os cartos que puido, anque dous anos máis tarde foi detida en Francia e condenada a seis anos de prisión, que non cumpriu integramente dado que houbo moitas voces, que clamaban pola clemencia.

Unha variante moi popular en España son as coñecidas como células da abundancia que eran un Sistema baseado na solidariedade entre as persoas, que prometían altos rendementos. Cando a argucia se desmontou, os que cobraran desapareceron deixando a miles de persoas sen os seus cartos.

Outros casos de similares características en España foron Sofico (1974), Fidecaya (1982), Gescartera (2001) e Finanzas Forex.com (2009), pero a de maior repercusión foi a chamada "estafa filatélica": de Fórum Filatélico e Afinsa, acusadas de estafa que deixou sen aforros a máis de 465.000 clientes e que causou un burato patrimonial superior aos 4.666 millóns de euros. As empresas vendían selos sobrevalorados a persoas incautas e logo os recompraban por unha cantidade algo superior a nome de novos investidores.

A Estafa é utilizar engano dabondo para producir erro en outro, inducíndoo a realizar un acto de disposición en prexuízo propio ou alleo (Art. 248 CP).

Podese discutir no marco dun proceso penal cando existe Engano dabondo, e cando este pode producir erro en outro. Pódese discutir si os que aceptaban xuros 2 ou 3 veces superiores aos normais do mercado de Fórum Filatélico, ou de Afinsa (ou das ‘preferentes’ en entidades bancarias) eran ou non conscientes do irregular deses produtos, e dos riscos que conlevaban. Todos podemos ser vítimas do falabarato que co seu carromato vende a berros botellas cun líquido que cheira a augardente na praza do lugar, dicindo que o cura todo, que sana todo tipo de enfermidades, e que soluciona problemas de amores. Pero despois de ter mercado varias veces a varios supostos doctores, botellas que cheiran a augardente pero no curan nada, ¿temos dereito a dicir que nos enganaron e a pedir que o Estado nos protexa nos nosos dereitos como consumidores?

Case todo se pode discutir, pero o que nunca se pode poñer en dúbida é que diante un caso de Estafa Piramidal estamos precisamente ante iso, nunha estafa, e anque os promotores de tal estafa tiveran a inmensísima inocencia de que o seu comportamento foi de boa fe, no debería haber dúbida de que o Esquema de Ponzi es inviable, enganoso, e fraudulento, e quen o denuncia so merece o noso recoñecemento dado que amosa un engano do que non nos decatábamos.

Pois non.

Coñezo un caso que responde fielmente ao Esquema de Ponzi, na que os estafados defenden ao Estafador, e que se enfadan e agreden aos que denuncian que estamos diante dunha Estafa Piramidal, pero a súa descrición será obxecto dunha segunda parte.