viernes, 1 de marzo de 2013

O DESPIDO DO SR. BÁRCENAS

Estes días, varios dos meus amigos, téñenme preguntado sobre a demanda por despido improcedente que, ao parecer, interpuxo o Sr. Bárcenas, tesoureiro do Partido Popular, contra da súa empresa. A estrañeza fundamental é si pode demandar un traballador que percibía máis de 21.000,00 euros ao mes, e qué posibilidades hai de que o Xuíz do Social estime a súa demanda.

A miña profesión é a de avogado, especializado en dereito laboral, e teño que confesar que este caso prodúceme moita curiosidade.

En primeiro lugar, o salario é un elemento constitutivo de calquera relación laboral, por moi alto que este sexa, e por tanto, o Sr. Bárcenas non ten ningún impedimento para reclamar por despedimento, si considera que efectivamente foi despedido.

En segundo lugar, un requisito fundamental para que poida prosperar a acción de despedimento, é exercitala no prazo de 20 días hábiles dende o efectivo despedimento. Por tanto, un dos eixos da discusión xurídica do futuro procedemento será:
¿cando foi despedido o sr. Bárcenas?

O sr. Bárcenas, e o seu avogado, defenderán que foi despedido o día 1 de febreiro, momento no que o PP deixou de cotizar por tal traballador, e aínda, que o prazo para poder reclamar comezará cando tiveron noticia de que o PP deixou de cotizar.
O PP, e a súa representación, defenderán que foi despedido hai máis de dous anos, cando –supostamente- deixou de prestar servizos para o PP.

A sentenza, cando chegue, e si chega, deberá resolver ese conflito, partindo do feito de que o artigo 1 do estatuto dos traballadores cualifica como traballador aos que voluntariamente presten os seus servizos retribuídos por conta allea, e dentro do ámbito de organización e dirección doutra persoa, física ou xurídica, chamada empregador ou empresario.

Por tanto, unha relación laboral é unha relación pola que unha parte [traballador] presta servizos para outra [empresario] a cambio dunha retribución pactada.

Ao parecer o partido Popular seguiu abonando mensualidades e cotizando na seguridade social. Isto é un indicio poderosísimo da existencia dunha relación laboral. Porén, o Xuíz do Social pode determinar que, a pesares da existencia de tales indicios, a relación laboral xa non existe ou se extinguiu cando de xeito efectivo o Sr. Bárcenas deixou de prestar servizos para o partido Popular, dado que faltaría un dos elementos fundamentais para a existencia dunha relación laboral: a prestación efectiva de traballo.

O Partido Popular tratará de amosar que o sr. Bárcenas era o tesoureiro e o contable do partido, qué, á vista da trapallada de contabilidade que confeccionaba, nos poderíamos preguntar porqué non o despediron con un despido obxectivo por ineptitude do traballador.

Por tanto, a estratexia procesual do Partido será demostrar que dado que ultimamente o sr. Bárcenas non confeccionaba a contabilidade oficial do partido, non estaba prestando servizos, e por tanto non estaba traballando a pesar dos indicios en contra. Debemos ter en conta que si cabe proba sobre que o sr. Bárcenas non realizou determinado traballo.

Pero o sr. Bárcenas, e o seu avogado, poderá retrucar que a súa actividade para o partido non era en realidade a de contabilidade, senón a de recadador, e a confección da contabilidade refírese á contabilidade en B, función que podería seguir prestando ou non, pero sobre a que non cabe proba por parte do PP, dado que sería tanto como recoñecer o que negaron pertinazmente ao longo de estes meses.
No caso de que o Xuíz considere que o sr. Bárcenas foi obxecto de un despedimento improcedente, condenará ao PP á súa readmisión, ou ao abono da indemnización legal, que no seu caso ascenderá á cantidade de 504.000,00 euros.
O PP pode optar pola indemnización, ou pola readmisión, independentemente de que recurra esa sentenza. Tamén podería readmitilo, e aplicarlle a reforma laboral, no que tería que afrontar unha indemnización de 252.000,00 euros tan so si lle aplica un despedimento por causas obxectivos.

O PP tería que xustificar que leva tendo perdas consecutivas durante tres trimestres, o que resulta obvio para calquera que sexa un espectador tranquilo da realidade.

As perdas a que me refiro non son perdas económicas, senón perdas de credibilidade, e fe pública, que é o produto que debería xerar un partido político.

É máis, ofrézome, como avogado laboralista para asesorar ao PP, e lograr que o despedimento do Sr. Bárcenas so lle custe 252.000,00 euros, que por certo, pagaremos nos, os cidadáns.

Como sempre. 

martes, 26 de febrero de 2013

ESTÍMULOS E VITAMINAS


A propósito da crise vense facendo un paralelismo entre a situación económica galega, española e europea, e a situación dun doente que se estivera sometendo a un tratamento médico moi agresivo, como pode ser un tratamento de radioterapia ou quimioterapia. Os defensores de esta comparanza indican que a economía está “enferma”, e ademais das talladas necesarias nos tecidos “enfermos”, que se asimilan a intervencións cirúrxicas, compre tamén un réxime de estímulos económicos, que se asimilan ao consumo de vitaminas, a determinados alimentos que se consideran máis propicios, e a que o doente sufra o mínimo estrés posible.

Viña lembrándome do anterior dado que dende un tempo para aquí, a gran discusión que enche periódicos e tertulias de televisión é si para reactivar a economía compre primeiro atallar o déficit, a base de recortes ou talladas, ou hai que combinar unha certa disciplina orzamentaria co que se chaman estímulos ao crecemento.

A propósito das eleccións en Francia, toda a progresía estivo arrobada con François Hollande que lle ía facer fronte a Angela Merkell, e impulsaría unha política que combinaría o control do déficit con estímulos ao crecemento, a diferenza de Nicolas Sarkocy que seguiría o vieiro máis ortodoxo de reducir o déficit.
Pois xa vemos o que fixo.

O déficit prodúcese por que se deixa a deber, isto é, por que se gasta máis do preciso. Esta situación é completamente normal: cando queremos mercar un ben que teña un alto valor, como un coche, ou unha vivenda, temos que financialo, dado que normalmente os ingresos no mes que mercamos o coche ou a vivenda, non son dabondo para adquirir ese ben. Compre por tanto financiar esa adquisición.

¿Qué é o que temos que pagar?
Temos que pagar o que debemos, o que gastamos para manternos, e o que gastaremos para investimento, e incluso o que malgastaremos. Temos a posibilidade de elixir que determinados gastos non os afrontaremos, e por tanto, os diferiremos ao futuro. A posibilidade de elixir non é completa: O que debemos –a nosa débeda-, e con independencia de que fora un gasto necesario e lóxico, ou innecesario e ilóxico hai que devolvelo si ou si. Teremos que devolvelo agora no presente, ou si conseguimos quen nos financie, a pagaremos no futuro. De todos os xeitos, a débeda existente é inevitable,  A débeda existente sempre é imprescindible.

O gasto futuro pode ser imprescindible si presupón a nosa supervivencia –como o que investimos en sanidade, en seguridade ou na nosa mantenza; pode ser convinte, si presupón un investimento que vai a provocar un retorno maior ou a posibilidade de seren minimamente eficiente, como o que investimos en educación, en investigación ou en algunhas infraestructuras; tamén pode ser accesorio, que son aqueles investimentos que melloran a nosa calidade de vida, pero que  non son necesarias para seguir funcionando, como o Plan E, e pode ser innecesario, aqueles gastos que non provocan un retorno positivo para o conxunto social, como gasto en persoal que non faga un traballo aproveitable; e incluso prexudicial, como aqueles gastos que provocan un retorno netamente negativo para o conxunto da sociedade, como son os aeroportos sen avións, a Cidade da Cultura, e os Multiusos valeiro espallados por todo o País.

¿Como o pagamos?
Pois só temos dúas posibilidades, ou pagamos con ingresos pasados, tamén chamado aforro, ou pagamos con ingresos futuros, que tamén chamamos crédito.

 Os ingresos pasados –si os temos- son reais, e tanxibles, pero os nosos ingresos futuros non son nin reais, nin tanxibles, precisamos que alguén –os bancos- confíe en que os vamos a obter, e por tanto os adiante.

No caso de que os bancos confíen neses ingresos futuros, nos adiantarán o crédito que nalgún momento teremos que pagar, e podemos dicir que o noso gasto de hoxe, do presente, é financiado polo pasado, por nos ou polos nosos pais, ou é financiado polo futuro, por nos ou polos nosos fillos.

Por tanto, o cerne da cuestión non é si pagamos, senón se a nosa factura actual a pagamos con cargo ao presente, ao pasado ou a o futuro.

As nosas necesidades de mantenza –de manter os servizos sociais dos que queremos dotarnos- deberíanse sufragar cos nosos ingresos actuais, dado que os servizos sociais son permanentes, e sempre imos ter tal necesidade de financiación, e non é realista pospoñer un gasto en servizos sociais a un tempo que tamén terán que afrontar o custe dos servizos sociais que se consuma nese periodo. Como as necesidades son permanentes, a súa financiación debe ser a conta dos ingresos do presente que se supón que temos, dado que si o diferimos ao futuro, nos vamos atopar cunha débeda doble: a necesidade de sufragar a débeda do presente e a débeda do futuro.

O aforro debería ter como destino exclusivamente a realización de políticas anticíclicas, promovendo o investimento en épocas de recesión. O aforro non se pode adicar a cubrir déficit de gastos de mantenza por que supón necesariamente agachar un problema que vai a xurdir con mais forza no futuro.

Por último, o crédito deberíase limitar a investimentos puntuais que provoquen un retorno amplio no futuro. O investimento en infraestructuras ou o investimento en actuacións puntuais.

A realidade é que o aforro –un regalo dos nosos pais- e o crédito –unha débeda dos dos nosos fillos-, non teñen a mesma consideración. O aforro xa foi decidido, xa existe, e o crédito, é unha débeda que teñen que pagar quén aínda non puido decidir, polo que acudir ao crédito é un arma que hai que usar como moitísima cautela, e con moita humildade.

¿Quén gastou máis do que tiña?
Pois todos. A xente, os cidadáns, todos nós.
Eu xa sei que haberá quén me diga que gastaron máis as empresas, e todas as administracións públicas, e me lembraran aeroportos sen avións, autopistas innecesarias, vías de ferrocarril desplegados como unha margarida, e cidades de cultura sen contidos.

Moitos cidadáns están enfadados por considerar que os outros –os políticos, as empresas, as administracións, ou a banca internacional- gastaron máis do que debían, pero que eles non, que eles non gastaron, eles non son, non somos responsábeis.

A pesar de que me lembre todos eses exemplos, o feito é que todo iso o gastamos nos, e por nos, refírome a todos os cidadáns.

Todos somos responsábeis de non ser uns indignados, e non prantarnos no Obradoiro, cando os nosos representantes gastaban e gastaban ao tolo, mentres moitos lles ríamos as grazas.

Todos somos responsábeis de pedir e pedir máis para nós, e para os nosos círculos, para a nosa profesión, para o noso sindicato, para a nosa empresa, ou para o noso sector, como si eses cartos que pedíamos foran deles, e non foran xa nosos, e foran deles.

Todos somos responsábeis de non ternos  dotado de duras leis penais, que metan na cárcere a todos os que malgastaron, ou se apropiaron de cartos que eran de todos, e de consentir aos políticos, aos dirixentes das Caixas de Aforro, a Teddy Bautista, aos concellais de urbanismo e de festas, que fixeran todo o que lles veu en gana.

Todos somos responsábeis, e quén nos deixou os cartos quere que se lle devolvan, temos que pagar o que debemos. Atallar o déficit é imprescindible, non é opinable, é unha necesidades tautolóxica.
Eu estaría encantado que o Banco a quen lle debo cartos, me condonara a miña débeda, que non a reclamara. Eu estaría encantado pero teño que saber que ese anceio non é realista.

Do mesmo xeito, todo Estado ten que devolver a súa débeda pública existente, so pena de converterse nun Estado fallido.

¿Qué siñifica ser un Estado fallido? Siñifica saír do euro, non poder afrontar os compromisos dados, ser un paria universal, non ter bens para mercar mediciñas, apósitos e vendaxes nos nosos hospitais, non poder pagar as pensións, e os soldos dos funcionarios, ou proceder a unha devaluación da moeda que nos quede, como se viu na Arxentina dos 80, ou na Alemaña dos anos 30. Un Estado fallido é Somalia, outro é Haití: ser un Estado fallido non é un bo destino.

Pero cando falamos de que un Estado ten unha débeda, en realidade estamos falando que quén ten esa débeda somos todos, todos os cidadáns.

Por iso, non se acaba de entender de onde van saír eses estímulos ao crecemento. En realidade, o Estado quítalle aos cidadáns os cartos dos seus petos, e con eses cartos, ten que pagar a débeda do Estado, a parte da nosa débeda que temos en común co resto dos cidadáns.

Para que existan estímulos ao crecemento, o que se está a dicir en realidade, é que o Estado nos aprema aínda máis, nos quite aínda máis cartos, para que, co sobrante que lle quede, invista en infraestructuras, o que supoñería que determinadas empresas e traballadores estarían en mellor situación, ou o adique ao consumo, subvencionando determinados consumos, o que teoricamente faría que determinados cidadáns consumiran determinados produtos, o que provocaría que as empresas, e os traballadores de esas empresas, estarían en mellor situación.

O problema é que esos cartos que o Estado nos devolvería por medio de esa política de promoción económica, son cartos que previamente nos tería que quitar.

Por tanto, defender os estímulos ao crecemento supón defender unha solución económicamente equivocada agás ...

… agás que o que pretendamos sexa recibir eses estímulos ao crecemento co aforro e o esforzo dos nosos veciños, pero non acredito esta hipótese dado que sería unha manifestación de egoísmo soberbia.

PRESUNCIÓN DE CULPABILIDADE, PRESUNCIÓN DE INOCENCIA E PRESUNCIÓN DE LEGALIDADE



Estaba ceando cuns amigos cando fora detido o que era alcalde do PSOE de Ourense, e a conversa da cea derivou sobre si debía dimitir ou non, ou si se debía manter no seu posto de alcalde, dado que, unha detención ou unha imputación non podía ser asimilada a unha sentenza firme, e era necesario respectar a presunción de inocencia.

Algúns dos comensais eran máis partidarios do respecto á presunción de inocencia, e que por tanto, o alcalde do PSOE non tiña que dimitir, e outros máis partidarios, do principio de responsabilidade política, eran partidarios de que dimitira, dado que a súa acción política veríase alourada pola sombra da sospeita. Os meus amigos teñen en común que son boa xente, e intelixentes, e discrepan respecto das súas filias, e das súas fobias políticas: hai xente máis próxima aos postulados do PSOE, e outros que se integran nas diversas ‘familias’ nacionalistas. Tamén hai xente que ten votado ao PP, e pertencían a aquela corrente dentro do PP coñecida como ‘os da boina’, herdeiros do ‘piñeirismo’, e que pretendían xunguir a obediencia ao PP, cun certo galeguismo moderado.

Como eu son bastante partidario tanto das ceas, como dos bos amigos, na mesma semana que ingresaron na cadea varios edís do PP en Santiago de Compostela, tiña unha cea coa mesma xente, e, a modo de dejà vú, volvemos a ter a mesma discusión sobre si debía prevalecer a presunción de inocencia, ou, por un principio de responsabilidade política, a corporación de Santiago, debía dimitir en bloque, e convocar novas eleccións municipais.

Novamente, a mesa dividiuse en dous blocos: uns partidarios da inmediata dimisión dos implicados, e outros, partidarios de que a súa función política non se debía alterar mentres non houbera unha sentenza condenatoria, e ademais firme, engadía algún entre filloa e filloa.

O único que variaba era que os que defendían unha postura, defendían a diametralmente oposta na cea anterior, e ben logo, a discusión derivara no feito de que o que era alcalde de Ourense dimitira, e o alcalde de Santiago aínda non o fixera.

Cando se defende a Presunción de Inocencia, adúcese que temos que presupoñer a inocencia dos implicados, dado que estamos nun Estado de Dereito, pero por outra parte, parece que repugna a todas as conciencias non partidistas que políticos embeleñados en casos de corrupción política sigan a manter os seus postos.

Compre pois, establecer un criterio estable, que se poida aplicar cando o caso afecte aos ‘outros’, e cando afecte aos ‘nosos’. Un criterio asumido por todos os partidos, pero fundamentalmente por todos os cidadáns, que poidan entender que ese criterio é o criterio lóxico nun pais responsable e politicamente desenvolvido.

O primeiro escollo que se usa para a non dimisión é a aplicabilidade da chamada Presunción de Inocencia. Como é sabido, a Presunción de Inocencia é o dereito de todo imputado nun proceso penal a ser tratado como si fose inocente ate que unha sentenza penal firme estableza a súa condena.

A Presunción de Inocencia é un dos piares básicos dos Estados de Dereito, e está recollido expresamente na Constitución española no artigo 24.2 que di que “todos teñen dereito (...) a la presunción de inocencia.”, e na Declaración Universal dos Dereitos do Home de 1948 no seu artigo 11.1 que establece que “toda persoa acusada de delito ten dereito a que se presuma a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade.”, e así mesmo, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de 1966, ou no Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950.

O que non se di é que a Presunción de Inocencia, como obriga, está dirixido aos órganos intervintes nun proceso penal, non está dirixido aos cidadáns, alleos a ese concreto procedemento penal. A Presunción de inocencia determina que o imputado ten que ser tratado como si fose inocente, hasta que unha condena definitiva non estableza outra cousa, pero dentro do proceso penal, e por tanto, é unha obriga que afecta aos funcionarios, aos xuíces, e aos operadores xurídicos dentro de este proceso penal.

¿Qué obrigas temos os cidadáns respecto a quén é procesado ou é investigado por un delito?

Existe un concepto xurídico indeterminado que ven do século XIX que é “a dilixencia de un bo pai de familia”, expresión que debería substituírse como “a dilixencia dun cidadán sensato”. Non está descrito en ningún sitio que é tal ‘dilixencia’, pero todos, instintivamente, cremos saber qué comportamento sería a dun ‘cidadán sensato ou asisado’.

Si temos a un conductor de autobús, acusado de alcoholismo... ¿cando deberíamos separalo do servizo? ¿cando a sentenza que o condene sexa firme ou cando teñamos indicios de que ese é o seu comportamento?

Si un profesor de Primaria é acusado e imputado de un delito de pederastia, ou de tráfico de pornografía infantil por internet... ¿cando deberíamos separalo do seu traballo con nenos? ¿so cando a sentenza que o condene sexa firme? Para obter unha sentenza poden pasar meses, incluso anos, e co sistema de recursos procesuais, para que a sentenza sexa firme poden pasar varios anos.

Nos, os cidadáns non temos que presumir ni a súa inocencia, nin a súa culpabilidade dado que somos alleos a ese procedemento penal. O que si temos que presumir é que a actuación dos xuíces e Tribunais é conforme a dereito, e ao principio de legalidade, e que a súa actuación non é arbitraria, tal e como dispón o artigo 9.3 da Constitución española.

Temos entón unha presunción (a de inocencia) que non nos afecta senón que afecta exclusivamente aos operadores xurídicos dun proceso penal, e o noso papel, como cidadáns é exclusivamente como espectadores de ver como un Poder Público, como é o Poder Xudicial, actúa, e debemos presupoñer que actúa conforme á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e que a súa actuación é presidida polo Principio de Legalidade, a Seguridade Xurídica, a responsabilidade nas súas funcións e na prohibición da arbitrariedade no seu comportamento, como se establece expresamente no artigo 9.3 da Constitución.

Conxugar estes dous artigos constitucionais (artigos 9 e 24 da Constitución española) da un indicio de cómo resolver este tipo de asuntos: Ninguén debería dimitir por unha denuncia feita por un particular, pero si, se un órgano xudicial o acusa dun delito relacionado directamente coa súa función política, dado que os cidadáns temos que ter a presunción de que esa acusación ou imputación realizada polo órgano xudicial é una actuación legal, conforme ao ordenamento xurídico, e non arbitraria.

Una interpretación da Presunción de Inocencia interesada, como a que predican os imputados ou os seus partidarios para non abandonar os postos políticos, suporía que deberíamos ignorar, e manter na plena irrelevancia política, o feito de que contra un determinado político se inicie un procedemento penal hasta o momento en que exista unha sentenza firme.

Ningún cidadán ten por qué facer un xuízo de valor sobre os indicios acusadores que poden existir ou non no procedemento penal da operación Pokemon, e por tanto, si estes son o suficientemente serios e graves para que o alcalde de Ourense dimita da súa responsabilidade. Esa función xa a farán os tribunais, pero do mesmo xeito, todo cidadán ten todo o dereito do mundo –e incluso a obriga- a considerar que os órganos do Estado actúan conforme á legalidade, e que o seu comportamento non é arbitrario, e por tanto, si hai un procedemento penal artellado contra unha determinada persoa, é que existen indicios suficientes contra da mesma, e tal persoa deberíase concentrar na súa defensa, e separarse do servizo público.

Para que non se me acuse de agocharme, teño que dicir que a miña postura é que calquer político imputado nun procedemento penal, minimamente relacionado coa súa actividade política, está inhabilitado para a actividade pública.

Tal postura ten risco de que polo camiño, e por imputacións espúreas, poidan quedar fora da actividade política, persoas válidas e honradas a quén lle poden facer trampas.

Pero ese risco, absolutamente real, é menor do que estamos a sufrir na actualidade, de perda de lexitimidade da acción política.

A actividade política é unha actividade nobre, e voluntaria. É un eido na que se achegan persoas xenerosas, lúcidas e desprendidas, pero tamén é unha actividade a que se achegan miserábeis, xente egoístas, psicópatas e rastreiros, e o gran problema que temos os cidadáns é como distinguilos.

Pois eu propoño a instauración dunha Presunción de culpabilidade, de considerar que todos e cada un dos políticos con uns cabróns con pintas, e que o cargo de amosar e probar que non o son, ten que recaer sobre eles, a través dun exercicio de total e absoluta transparencia, de eles e dos seus familiares, e so, cando sexan quén de regresar do foxo dos leóns indemnes, como o profeta Daniel, poderemos honralos como merecen.

GALIZA 2032




Vivo nun vello país, Galiza, que ten cinco millóns de cidadáns. A miña casa está na antiga estrada que ía a Ourense, e que hoxe está convertida nun dos bulevares de acceso á cidade. Son avogado, e traballei fundamentalmente como mercantilista, axudando aos meus clientes, pequenas, medianas e micro empresas a se desenvolveren neste mundo tan interconectado.

Eu como xa son vello, boto de menos a posibilidade de conducir aqueles automóveis ruxintes de gasoliña, que son unha rareza, e obxecto de persecución por coleccionistas. Agora todos os vehículos son eléctricos, e tan pronto chegas á cidade, deixas de conducir, e pasa a ser pilotado polo Centro de Mobilidade do Pedroso. De todos os xeitos, non paga a pena conducir na cidade, e usamos o SIM (sistema individual de mobilidade) extremadamente eficiente: Hai vehículos eléctricos sen condutor con seis prazas, que son usados como hai 30 anos funcionaban os autobuses. Guíanse dende o Centro de Mobilidade do Pedroso, a través de rotas preestablecidas, e recoñecen aos outros vehículos, e as rúas e estradas por onde circulan en base ás pequenas células de información fotoeléctrica, que lle chaman Fatós. Cando chegas ás paradas, tes a oportunidade de usar un Segway para ir a onde faga falta.

A min abóndame chegar á parada e pasar o meu identificativo que levo nun anel, e indicar a viva voz, a parte da cidade a que quero ir, para que, en poucos minutos pare un vehículo, que adoita a ir parcialmente cheo, e que me leve directamente, hasta a miña parada, no Ensanche, na rúa Roseira.

Hoxe teño no despacho a Ricardo, un rapaz de Ribeira, que fixo biolóxicas, e que desenvolveu un sistema de cría de pescada en alta mar, a base de feromonas. O seu plan consiste na reciclaxe dun deses vellos cargueiros transatlánticos como granxa mariña. Nese barco, créase o centro de traballo, e departamento de comercialización das pescadas, que se serve en frío, conxelado e en vivo. Ricardo precisa para desenvolver o seu proxecto 7 millóns de euros, dos que 5 serán de I+D, e dous para desenvolver a granxa mariña. Calcula que cando estea en funcionamento dará traballo a 25 persoas, e estará en disposición de exportar o seu modelo de negocio como franquicia.

Temos unha conferencia con investidores de varios lugares do mundo: Dous chineses de Shenzen, que soubemos que son rivais, unha norteamericana, un noruegués. Temos que explicarlle o noso Plan de Traballo, o Plan de Investimento, e as proxeccións de rendibilidade que esperamos obter.

Hai uns anos investigadores da USC desenvolveron un software que posibilitou a tradución en tempo real de calquera idioma do mundo a calquer outro. É o INTERAUDI. Cando atopamos a unha persoa que fala un idioma distinto ao noso, poñemos dous discretos auriculares, e somos quén de oílo en tempo real, no noso idioma de elección, no noso caso, o galego. Un dos chineses sorprendeunos agradablemente ao falar en galego, cando xa quitáramos os auriculares, e dixo que o seu pai era de Macau e alí aprendera o idioma.

A min ségueme sorprendendo o que está a cambiar Galiza, e o dinámica que está a ser a súa economía, sobre todo dende que acadou a súa plena soberanía, e fixo unha renovación profunda no xeito de organizarse a sociedade. Algúns xa lle chaman a Revolución da liberdade lúcida.

Os principios fundamentais da nova Galiza soberana son a liberdade individual, o principio de Estado mínimo, e a aposta pola educación e o coñecemento como chave da nosa liberdade individual.

O principio de liberdade individual parte da premisa de que o que tolleita a liberdade individual é o Estado, e que este, ou a comunidade, non se debe embeleñar en ningún aspecto da liberdade individual que non prexudique a un alleo.

Na media mañá recibín unha chamada de Lucas, o meu fillo. Coméntame que mañá chegará de Berlín, e si podemos xantar xuntos. Lucas traballa no Laboratorio de Mediciña Xénica de Compostela, e estivo dous meses nun intercambio co Instituto Alemán de Mediciña Xénica. Lucas está emparellado con Helena que é editora, pero quixo aproveitar a súa estadía en Berlín para que o seu fillo Roi, de 7 anos, puidera ter contacto co idioma alemán, ao tempo que non perdía as clases, que as segue de xeito virtual.

Pregúntolle que tal lle vai a Roi, e me fala do seu plan de estudios, que se limita nestas idades, a desenvolver competencias en matemáticas, música e linguas. Estuda galego-portugués, inglés, francés, esperanto e castelán, pero facendo fincapé exclusivamente na comunicación verbal. O rapaz xa sabe cantar non sei en cantas linguas.

Dentro duns anos, a partir dos dez, deberá estudar Economía, Física, Química e sempre Matemáticas. O que eu chamaba Naturais e Sociais, o estudan en distintos idiomas, e os exames son verbais e multilinguaxe.
Eu creo que están a marear aos nenos. Estes días estase a tramitar no Parlamento do Hórreo outra nova Lei Orgánica da Educación. Será a definitiva.
Roi deveza por estar comigo, que lle conto ao que xogábamos cando eu era neno, e lle falo da billarda, e do ‘aro’, do ‘pilla-pilla’ e do ‘escondite’.

Europa tamén evoluíu dende que eu era novo. A Unión Europea, que medrara de cara a un Gran Estado a imitación dos USA, colapsara na Gran Crise de 2008-2018, e foi como si todos os europeos se decataran que estábamos a perder a diversidade e a competitividade. Pasouse dun afán de uniformidade a respectar a diversidade e a que as distintas normas xurídicas competiran entre si.

De feito, no que de aquela era o Reino de España, empezáronse a darlle máis autonomía as ZEE (zonas económicas especiais), como de aquela era o Porto de Vigo, e xa axiña se permitiron instalar Polígonos Industriais, chamados Polígonos Industriais Especiais, -PIE- suxeitas a distintas lexislacións, e así, primeiro creáronse Polígonos suxeitos á lexislación europea como a alemá, ou a inglesa, pero axiña se superou tal limitación, e se crearon Polígonos chineses, suxeitos a algunha das normativas das súas cidades empresariais, e nos comenzamos a crear PIE’s Galegos en países de América, Asia, e África.

A ventaxa que teñen os PIE é que todos se están copiando entre sí para implementar as medidas que consideran que lles poden dar unha vantaxe competitiva, e tal dinámica levou a que os territorios máis exitosos fosen os que adoptaran maiores medidas de control do Poder Central, ou dito de outro xeito, os que adoptaran menos normas, e máis sinxelas.

A Unión Europea transformouse na UNIÓN DE TERRITORIOS E CIDADES LIBRES DE EUROPA, e todo o continente sementouse de PIE’s variados e de distintas características, e despois de Zonas Residenciais, normalmente vencelladas a un ou varios PIE’s.

Temos territorios especializados en Investigación médica, outros en Investigación biolóxica de cultivos mariños, como o caso da Cidade das Rías que engloba ao que no seu día foi a comarca de Vigo, Pontevedra e Marín. Outros territorios especializados en Investigación e Producción Agrícola, e outros especializados en Turismo e Esparcimento.

Tamén hai Territorios que ofertan unha gran cobertura social, mediciña universal e integral, e asistencia social practicamente ilimitada. De feito, ese é o seu campo de especialización, os territorios especializados máis importantes do mundo están na Florida e California, en América, na zona de Bahía no Brasil, na Andalucía occidental, na Costa Azul, e na Costa Dálmata en Europa. Para poder ser residente nun deses territorios compre facer un investimento moi forte durante os anos de traballo, ou ter capital dabondo para mercar unha dos seus visados.

Eu dentro duns días cumprirei 70 anos, e teño pensado xubilarme. Como aínda estou ben de saúde, penso viaxar nunha nova moto Chopper que merquei. Como todas as de este tempo, pode ser guiada polo Centro de Mobilidade de cada territorio, e como todas son eléctricas non fai ruído ningún. Por iso, os vellos lle incorporamos as motos un arquivo de son que fai un ruído como ruxían as motos cando era novo. É no único no que Roi non me entende.

Non é o mesmo, pero o progreso ten o que ten.

miércoles, 7 de noviembre de 2012

Responsabilidade social corporativa galega

Cómo pode, un ocupado empresario, asegurar a vantaxe competitiva e a continuidade da súa empresa a longo prazo? Satisfacendo a os seus clientes e atraendo a outros, mediante o desenvolvemento de novos productos e servizos, e, sobre todo, sendo rendible. A responsabilidade social das empresas (RSE) –ou responsabilidade empresarial, pode axudalo a acadar estes obxectivos.

O termo "responsabilidade empresarial" significa garantir o éxito dunha empresa integrando consideracións sociais e medioambientais nas actividades da empresa. En outras palabras, satisfacer a demanda dos clientes e xestionar, ao tempo, as expectativas de outras partes interesadas: os traballadores, provedores e a comunidade do seu arredor. Contribuír de xeito positivo á sociedade xestionando o impacto medioambiental da empresa. A RSE pode aportar beneficios directos e garantir a competitividade a longo prazo da empresa.

Tal filosofía empresarial xa é asumida como propia e necesaria polas empresas e sociedades mercantís máis salientabeis e exitosas de Galiza, España, Europa e América. O que podemos preguntarnos é si tal 'filosofía' lle é aplicable a Comunidades humanas e países como Galiza.


1. ¿Por qué debe ser responsable un emprendedor?

A responsabilidade empresarial consiste basicamente en conservar o éxito económico e obter unha vantaxe competitiva creándose unha boa reputación e ganándose a confianza das persoas que traballan para a empresa ou viven no seu entorno. Os clientes queren ter provedores fiables recoñecidos pola calidade dos seus productos e servizos. Os provedores desexan vender a un cliente que merque de cotío e pague puntualmente. A comunidade desexa saber que as empresas do seu entorno actúan dun xeito social e medioambiental asisado. E, por último, os traballadores desexan estar nunha empresa da que podan estar orgullosos e que valora a súa contribución.



A responsabilidade empresarial non é algo novo; a maioría de empresas, sobre todo as mais pequenas, sempre estiveron cerca da súa comunidade e tentaron ser bos veciños de esta dende que naceu o comercio. En realidade, moitos empresarios saben de forma instintiva que actuar correctamente – satisfacer aos clientes, motivar aos traballadores, preocuparse polos provedores, ser un bo membro da comunidade e protexer o medio ambiente– inflúe no aspecto económico. Nos últimos anos xurdiron outros motivos para ser responsábeis, como a presión dos clientes, as comunidades locais, os bancos, os inversores e as aseguradoras.

Para seguir sendo competitivas, as empresas deben adaptarse a estas novas demandas do mercado e da sociedade na que actúan. O carácter dunha PYME, mais flexible e persoal, permite que poda responder con maior rapidez a estes cambios e advertir antes as oportunidades que ofrece o mercado.



2. ¿En qué consiste a responsabilidade empresarial na práctica?

A responsabilidade empresarial implica adoptar medidas e integrar aspectos sociais e medioambientais nos obxectivos da empresa.

Convén empezar pouco a pouco, centrándose en obxectivos que sexan relevantes para a empresa e que se podan acadar. O obxectivo é converterse nunha empresa querida da que os traballadores, e os consumidores se sintan orgullosos.

Pero ao título lle engadimos o adxectivo 'galego'. ¿Qué podemos entender por responsabilidade social corporativa galega?

Sentímonos orgullosos de determinadas empresas que medran no noso entorno: un exemplo pode ser o da cadena GADIS convidándonos a vivir como galegos, o da empresa de telecomunicación R, cunha política de comunicación que pon en valor a comunicación en galego., ou o da productora cinematográfica FILMAX, que está levando ao cine productos culturais galegos. En outros casos, a admiración derívase do éxito acadado, anque se bote en falta unha maior implicación coa cultura do país, como o caso de INDITEX, ou os investimentos do Grupo CORTIZO ou de Manuel Jove.

Si estiveramos falando so de responsabilide social corporativa poderíamos apuntar que a empresa  podería apoiar iniciativas sociais e animar aos traballadores a que participen voluntariamente en actividades da comunidade, fixando o convencemento de que existe unha clara relación entre a rendibilidade empresarial e o benestar da comunidade local. A vantaxe económica da empresa derívase tamén da opción dos consumidores que optan a prol das empresas socialmente responsabeis en perxuízo de outras que non o sexan. Tamén podería ter en conta a súa xestión nas  relacións cos veciños, grupos da comunidade e autoridades públicas. As empresas pequenas, por regra xeral, son capaces de xestionar estas relacións con gran habilidade, xa que son unha parte íntegra e visible da comunidade na que actúan.

Outro fronte de actuación que amosa a súa responsabilidad social corporativa é o Medio Ambiente, establecendo medidas para conservarlo. O consumo eficiente da enerxía, evitar a contaminación, reducir os residuos e reciclar pode aforrar gastos e, por tanto, contribuír á viabilidade da empresa.

Estas medidas tamén poden axudar a mellorar la relación coa comunidade e as autoridades, así como atraer a clientes que buscan provedores de productos ecolóxicos.

En Galiza, poderíamos estar diante da formulación dunha estratexia empresarial que pretendera a aplicación dunha folla de actuacións necesarias como si Galiza fose unha empresa socialmente responsable:

Primeiro.- Ser economicamente eficiente (o que supon dar servizos e productos de qualidade, a prezos competitivos). A primeira esixencia que ten unha empresa é ser economicamente eficiente. Si Galiza quere ter éxito como País, ten que ser económicamente eficiente.

 Un obxectivo central como país é evaluar qué necesidades temos, e que posibilidades temos de cubrir tales necesidades cumprindo a dificil ecuación de ser o máximo eficientes, co menor custe posible.


Segundo.- Desenvolver unha política de persoal respetuosa co traballador, que valore a súa real aportación, e que sexa conscente de que o seu benestar supón unha maior productividade, permitíndolle a conciliación coa súa vida persoal, e facendo que se sinta protagonista da propia aventura empresarial. A aplicación de tal esixencia a Galiza, supón o profundizamento nos servizos sociais, buscando unha cidadanía, responsabel, lúcida e comprometida co País, e co Mundo.


Terceiro.- Facer unha política respetuosa co medioambiente, sostible, e inserida no tecido productivo e social de Galiza. Tal esixencia para Galiza como empresa supón o mantemento de técnicas que minimicen a pegada enerxética e que poidan garantir un alto standard de calidade para a cidadanía, e supón desbotar actividades, actuacións e infraestructuras non sostibles no tempo.

Cuarta.- Facer unha aposta pola cultura do país, tendo en conta que Galiza pode ser o eixo entre a cultura española e a cultura portuguesa, e facendo unha aposta clara e decidida a prol do idioma. A lingua é moito máis que un xeito de comunicarse é un xeito de ser nós, de estar no mundo, e de inserirnos na Humanidade. É unha tolemia que tendo acceso a dous idiomas internacionais como o Español e o Portugués, vivamos de costa do Portugués, co que deberíamos asumir o Acordo Internacional do Portugués, e ensinar ise estándar dentro do estudio do idioma galego.


Quinta.- Botar mán da nosa experiencia como País, o que supón recuperar a Memoria histórica, e da experiencia allea, o que supón unha aposta clara pola Formación e Educación.


Non compre adicarse a todas estas tarefas á vez. Obteranse mellores resultados si se establecen prioridades e se concentran os esforzos en aquelas accións mais relevantes para os fines da empresa. Sempre pode realizar novas accións cando vexa as vantaxes que lle aportan as primeiras.

Por tanto, compre acadar unha maioría política suficiente que asuma como obxectivo prioritario unha Educación de Asertiva de Calidade.

Por Educación Asertiva de Calidade entendemos unha educación que desenvolva todas as potencialidades do individuo, e que, ao tempo, as insira nas potencialidades e necesidades do País para o seu desenvolvemento. Por tanto, necesitamos unha educación colaborativa, emocional, e con atención especial as carreiras técnicas como as enxeñerías, e científicas.


Quinto.- Calquer análise obxectivo nos leva á conclusión de que temos custes de funcionamento con nulo retorno. Temos unha Administración que non se corresponde coa sociedade que temos. Debemos pois reducir absolutamente a Administración no seu ámbito político. A supresión das Diputacións, a concentración de Concellos, e a anulación das duplicidades son obxectivos inalienables. A supresión de cargos políticos é imprescindible e o establecemento dun Código Ético sobre o custe de cada político, e sobre o seu ámbito de responsabilidade tamén.

Sexto.- Vantaxes da adopción de políticas de responsabilidade social corporativa.

Compre desenvolver unha axeitada política de comunicación, poñendo en valor o compromiso das empresas do país, de xeito tal, que dende as organizacións políticas e cidadáns se impulsen o coñecemento de tales empresas co fin de optar por elas nas nosas eleccións personais, e colectivas. Entre unha empresa de transportes que teña a súa publicidade en galego e outra que non o utilice, deberíamos ser quén de optar pola máis integrada no país, entre unha empresa que use a súa etiquetaxe en galego e outras que non, deberíamos ser quén de optar por empresas como GADIS ou EROSKI en detrimento de outras que non o fan. Entre unha empresa que comercializa o leite de Galicia e outra que importa excedentes de Francia, deberíamos ter o coñecemento preciso para actuar en consecuencia.

Para ampliar a visibilidade social das empresas comprometidas co país, compre que unha organización social apartidaria, organice unhos premios anuais resaltando ás empresas que adoptan políticas sociais a prol do país, e compre que por parte da xente conscente do que somos se faga unha aposta a prol de esas empresas comprometidas, coa língua, coa cultura, co medioambiente e co tecido industrial e social de Galiza, facendo que como cidadáns e como masa crítica optemos por consumir e establecer relacións comerciais coas empresas comprometidas.



lunes, 1 de agosto de 2011

A TRABALLOSA E ABURRIDA REVOLUCIÓN (POSIBLE) I


Este mancado Estado social de dereito é aburrido: a protección do Estado na sanidade, na educación, na seguridade pública, fai que o ámbito da aventura sexa cativo. Non vivimos no século XVII ou XVIII onde o estado tiña a vocación de absoluto e universal, pero lle faltaban medios e mecanismos para levalos a cabo. Agora vivimos nun estado a quen lle sobran os medios e mecanismos de control, que están exercitando dun xeito moito máis amplo a como nunca se exercitou o poder, para podar a nosa liberdade, pero coa escusa de que todos eses controles son polo noso ben.

Non pode haber liberdade sen a posibilidade real e tanxible do fracaso e do erro, e non hai mellor xeito de agulletarnos que someternos a exames continuos sobre as nosas necesidades e as nosas motivacións.

¿Por qué fumas? ¡Faiche mal!, se segues a fumar a pesar dos estudos científicos que se amosan que o tabaco é prexudicial, é que non te queres, non es unha persoa equilibrada, e por tanto, debes ter menos dereitos que o resto das persoas: un menor acceso á sanidade, ou un peor trato nalgún conflicto que teñas en materia de familia coa túa muller ou a túa parella...

¿Por que estás obeso? ¿non sabes que a obesidade é a principal causa de morte nos países desenvolvidos?, estamos para axudarte... sabemos que non o podes evitar, e que tés dependencia coa comida. O feito de que te cataloguemos como adicto a unha dependencia (á comida) fai que todos sospeitemos que tes un desenvolvemento da túa persoalidade deficiente ou inmadura.

Non nos deixan equivocarnos: debemos conducir a modo, para evitar accidentes; creouse un conxunto grande de funcionarios que controlan a etiquetaxe do que consumimos, e que se dedican a proxectar a nosa vida, para indicarnos como vivila. Pretenden que adiquemos un tempo taxado as nosas labouras do fogar, e calculado de xeito equitativo coa nosa parella, que resolvamos os nosos problemas de disfunción eréctil acudindo aos médicos competentes, dado que “todos temos dereito a unha vida sexual sana”.

E seguimos soñando coa revolución: con esa aceleración do tempo no que os humanos sexan actores e dirixentes do evoluir da realidade. Soñamos con agarrar o mastro dunha bandeira, e ir correndo todos, rúas abaixo, ate onde reside a inxustiza, e alí, esnaquizala, e comezar a vivir unha nova época de felicidade e liberdade. Soñamos coa verba precisa, coa acción necesaria para remexer conciencias que poida conseguir que todos actuemos ao unísono. Soñamos con protagonizar o cadro de Delacroix “A liberdade guiándo ao pobo”, e correr detrás de esa moza co peito ao aire...

Ese é o sono dos chamados ‘indignados’, responden á nosa necesidade de cambiar, de rachar coa inxustiza, de correr e desfogarse con ganas...

Pero cando espertamos, xa non sabemos qué bandeira temos que asir, e non sabemos cara a onde correr, dado que o desasosego e a inxustiza non reside en ningún lugar determinado, senón que, como a choiva, empapa todo, e nos empapa a nós.

E entón, cando aínda molestos por que nos derramaron os soños, tendemos a facer trampas, e collemos atallos para non pensar, e buscamos culpábeis coa urxencia dos colgados.

¿A culpa é dos Bancos?, Os bancos son aquelas empresas nas que lles ingresas un euro, che convencen de que eles están a gardar o teu euro, e eles o prestan de xeito sucesivo, multiplicando cada euro que lles entra no peto por 16. Podemos, derrubar os Bancos, pero volveríamos inmediatamente ao século XIII, volveríamos a unha situación de pobreza, e feudalismo. Os bancos viven do mito e do conto de que os cartos son un ben físico, ‘contante e sonante’ (que podemos contar e que soa na bolsa ou no peto), e so eles saben que son contantes, que continuamente contamos, pero non son ‘sonantes’, é decir, non teñen substancia física alén da súa magra representación nas moedas e nos billetes que usamos para pagar o café ou o aluguer. Quen queira saber o que son os cartos, que estudie Física cuantica. Os cartos son a súa velocidade de circulación, e nos cremos que son moedas. Si derrubaramos os Bancos, volveríamos a morrer como se morría no feudalismo...
Mellor deixar aos Bancos en paz...

¿A culpa é das grandes multinacionais? Nos falan de empresas como IKEA, ou como ADIDAS que nas súas fábricas en China o no sudeste asiático explotan aos traballadores, pagándolles unha miseria cando aquí venden os seus productos por un valor 30 veces superior. Eso é certo, pero tamén é que eses traballadores ‘explotados’ son los privilexiados neses países, e eses traballadores treman cada vez que dende occidente os queremos salvar, dado que a salvación que nos lles propoñemos, supón que eles sexan máis amolados.

¿A culpa é de das empresas? Todos debemos loitar por conseguir un ambiente de traballo axeitado e respetuoso en cada unha das empresas. Moitas empresas, debido a motivacións internas (convencemento dos directivos) ou externas (presión social) están adoptando nestes últimos tempos medidas coñecidas como Responsabilidade social empresarial, que tenta compaxinar o seu obxectivo final –optimización de beneficios-, con outros fines como de respeto e axuda aos seus traballadores, a implicación da empresa na sociedade na que está inserida, e a súa sostibilidade na chamada pegada ecolóxica. Moitas empresas adoptan eses tipos de medidas, socialmente relevantes e responsábeis, e experimentan un retorno en forma de máis cota de mercado ou maiores beneficios económicos, debido á opción de moitos consumidores a prol das empresas máis responsables.

De todos os xeitos, sen empresas non existen obreiros, nin existe traballo, e a falta de traballo, o desemprego, implica unha situación de desvalorización e de dolor de moitos dos nosos semellantes.

¿A culpa é do goberno? Pois sí, pero o goberno está deseñado para optimizar a súa permanencia do poder, e nos últimos decenios, o mecanismo de poder teoricamente sería dar respostas ao que creen eles que pedimos, e a facerse portavoz das nosas demandas. Pero, claro, tal mecanismo supón que o Poder se adique a escoitar á xente, e pronto atoparon un atallo: crear supostas necesidades, que supostos portavoces da xente lle demanda ao poder, para que iste poida complacelos, dado que é mellor que a xente nos pida o que xa temos no almacen antes que non pidan cousas imprevisibles.

Por tanto, o desasosego tamén é culpa nosa, a quén nos convenceron que vivimos nun sistema no que sempre debemos ir a máis, e pedir máis, e máis. Máis autoestradas, máis urbanizacións, máis espectáculos de balde, máis cobertura social, máis educación, máis xustiza, máis administración... e ademais nos convenceron de que calquera cousa que pidamos, e que o poder nos dea, é un regalo, que non deberemos pagar.

Unha revolución é posible. Unha revolución absolutamente radical. Non vai precisar nin violencia nin derramamento de sangue, pero esixirá a máis completa lucidez, e a máis extrema valentía, e vai en consistir en empezar a ser responsable, e ser consciente de todo o que custa o que sempre consideramos que era de balde.

Vai necesitar lucidez para determinar qué cousas nos podemos permitir, e debemos pagar e a qué cousas debemos renunciar.

Vai necesitar lucidez para obrigar aos políticos a ser máis humildes, moito máis humildes, e rebaixar o tamaño do sector público, mantendo aquelas funcións nas que o sector público é máis xusto e máis eficiente, pero suprimindo aquelas funcións nas que ese exame non da ese resultado.

E vai esixir valentía para conseguir o poder, e para a continuación, devolverllo á xente, pero tendo en conta que a única vía para devolver un poder, é  extinguilo; e vaise esixir valentía e coraxe para explicar esa postura e non actuar por actuar, e, so permitirse actuar despois dun exame meditado da situación.

Esa revolución é posible, e conseguiría unha sociedade máis xusta, máis equilibrada, pero esixe que todos pensemos máis, que nos decatemos que a realidade é infinitamente máis complexa do que nos ensinan os lemas e que non collamos atallos por perguiza. A revolución posible empeza pola nosa propia humildade.